Gondomar: Antón Cortizas falará sobre Vaia tropa!

O sábado 24 de marzo, a partir das 12:00 horas, na Biblioteca de Gondomar, terá lugar a sesión mensual do Lendo Contigo, dedicado a nenos e nenas de 8 a 12 anos, e seus pais e nais, organizado por Espazo Lectura. Nesta ocasión, o libro do que se vai falar é Vaia tropa!, de Antón Cortizas, publicado en Xerais, e contarase coa presenza do autor para charlar cos nenos e nenas que participen na actividade.

Allariz: presentación de Santos Júnior e os Intelectuais Galegos, de Isaac Alonso Estraviz

O sábado 24 de marzo, ás 20:00 horas, no Fogar dos Maiores (Campo da Barreira, 3) de Allariz, preséntase Santos Júnior e os Intelectuais Galegos, de Isaac Alonso Estraviz, publicado pola Fundaçom Meendinho.

Manuel Rivas e John Rutherford: “Hai dous xeitos de ignorancia, a cultura do autoconsumo e o cosmopaletismo”

Desde El País:
“John Rutherford e Manuel Rivas serán investidos hoxe doutores honoris causa pola Universidade da Coruña (UDC). O profesor de Oxford, segundo a acta, por ser “un dos máis importantes valedores internacionais da cultura galega”, e o xornalista de Castro-Elviña por ser “o máis senlleiro escritor coruñés vivo e un dos máis polifacéticos e relevantes creadores en lingua galega”.
(…) – El País: Aos dous noméanos doutores pola súas contribucións á cultura galega; cal é o seu diagnóstico sobre ela?
– Manuel Rivas: Semella que o trazo no que vivimos é un pouco o dominio do ollo panóptico, o do cíclope da Odisea que o ve todo. Toda a arquitectura dos espazos de dominio, dos cárceres aos centros comerciais, está baseada en que se observa todo. O máis desacougante do tempo que vivimos, a diferenza doutros momentos de crise, é que están secos os depósitos de esperanza. É unha maquinaria pesada, contra a que xa avisaba Otero Pedrayo, que non só esmaga a natureza, senón que parece que está a esmagar a diversidade, pero Ulises, que estaba en desvantaxe, tivo a habilidade de ser quen de cegar ao ciclope. Por iso teño tanta esperanza niso que chamamos a Diáspora, a Galicia extraterritorial, neses círculos de afecto polo galego que están fóra do ollo panóptico. O ollo pode facer que os orzamentos da cultura pasen de 100 a 2, que se pechen museos, facer dos lugares de creación centros de exhibición taxidémica, pero, como dicía Walter Benjamin, hai que saber buscar faíscas de esperanza.
– John Rutherford: Si, si. (…)”

María Pilar García Negro: “Censuras en vida, censuras póstumas”

Artigo de Pilar García Negro en El País:
“Cadroume ler no día 2 deste mes o artigo de Suso de Toro Aquilinaria carballesa, en que se facía eco da censura que se cerneu no seu día sobre a persoa e obra de Ricardo Carvalho Calero, no comezo da cativa institucionalización autonómica. Agradoume moito o seu contido, pois o escritor evocaba os termos principais dun conflito onde o profesor mantivo a súa independencia de criterio e a súa defensa da lingua de xeito tal que non cabía no marco de control e distribución regulada da mesma e da súa literatura. Dúas semanas despois, lin tamén con atención o artigo da profesora Helena Miguélez Carballeira, O outro tabú sobre Carvalho Calero, indubitabelmente provocado polo que citei de Suso de Toro, mais que non aparece nomeado por nengures. Nen este artigo nen nengún outro, ou estudo ou análise onde se examine a obra do profesor e se reivindique o seu legado. Bon comezo, abofé: denunciar pretensamente un silencio, aplicalo estritamente a quen se critica! Mais vaiamos aos termos principais do que á autora lle produce, seica, grande irritación. (…)”

Allariz: Outlet do Libro Galego, do 31 de marzo ao 8 de abril

Desde Cultura Galega:
“O Concello de Allariz, a Libraría Aira das Letras e a Asociación Galega de Editores promoverán entre o 31 de marzo e o 8 de abril o Outlet do Libro Galego de Allariz. A iniciativa, que se celebrará na Praza de Abastos, porá a disposición dos clientes 648 títulos galegos a prezos que oscilarán entre os 3 e os 15 euros, canda lotes de cinco títulos por 10 euros. Canda a oferta de venda, organizaranse diversas actividades de animación e dinamización cultural.”

Pontevedra: Salón do Libro Infantil e Xuvenil 2012, presentación de O alento nas costas, de Natalia Carou

Do domingo 4 ao sábado 31 de marzo, no Pazo de Cultura de Pontevedra, regresa o Salón do Libro Infantil e Xuvenil para achegarnos ao mundo da literatura. Este ano o Salón, que ten a Paco Martín como autor homenaxeado, indagará nas supersticións; de onde veñen estas crenzas, na importancia dos números nos contos, na boa e mala sorte e nas historias dos nosos maiores e como se trasladan á literatura infantil. Temos preparado un amplo programa de actividades no que toda a familia pode participar porque, no Salón, rapaces e maiores percorren xuntos e descobren o universo dos libros. O horario de apertura será de luns a venres de 9:30 a 13:30 h., e de 16:30 a 20:00 h., e os sábados de 10:00 a 13:30 horas. O programa completo pódese descargar aquí: programa_salon_libro_2012.

– O luns 26 de marzo, ás 19:00 horas, na Sala de exposicións, preséntase o libro O alento nas costas, de Natalia Carou Figueira, publicado por Baía Edicións.

Otero Pedrayo, Galicia e Europa

Desde Cultura Galega:
“A última entrega, ata o momento, da colección As Nosas Voces que editou o Arquivo Sonoro de Galicia do Consello da Cultura Galega, o número 21, permite escoitar unha conferencia pronunciada por Don Ramón Otero Pedrayo na Facultade de Filosofía e Letras da Universidade de Bos Aires, o 26 de xullo de 1959. Nesta conferencia, o intelectual ourensán reflexiona sobre as relacións entre Galicia e a cultura europea, e é unha boa mostra do pensamento de amplas miras de Pedrayo.”