Lugo: mañá comezan as IV Xornadas de Literatura de Tradición Oral, baixo o título Lendas urbanas. Mitos e ritos dos tempos modernos

As IV Xornadas de Literatura de Tradición Oral celébranse baixo o título Lendas urbanas. Mitos e ritos dos tempos modernos, un curso convocado pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega en colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. Estas son as características do curso:

– Modalidade formativa: Curso.
– Datas de realización: 28 e 29 de outubro de 2011.
– Horario: venres 28, de 17:00 a 21:00 horas; sábado 29, de 10:00 a 14:00 e de 16:30 a 18:00 horas.
– Lugar onde se levará a cabo a actividade: Salón de actos da Deputación Provincial de Lugo (rúa San Marcos, 8, Lugo).
– Valoración en horas de formación: 10.
– Número de prazas: 100.
– Persoas destinatarias: Profesorado do ensino non universitario e futuros ensinantes do ensino non universitario.
– Custo de matrícula: Gratuíta.
– Criterios de selección: Por rigorosa orde de inscrición na páxina da AS-PG, tendo preferencia os/as socios/as da AS-PG e da AELG. De cara á homologación seguiranse as indicacións da Orde de 1 de marzo de 2007.
Aquelas persoas que non se atopen entre as destinatarias poderán asistir ás xornadas e, anotándose previamente en oficina@aelg.org, recibir un diploma de asistencia emitido pola AELG.

O programa é o seguinte (pódese descargar aquí):

VENRES, 28 DE OUTUBRO

17:00 h. Recepción e entrega de documentación.
17:10 h. Acto de inauguración. Con Antón Veiga, Mario Outeiro, Cesáreo Sánchez e Antonio Reigosa.
17:15 h. Conferencia: O visguento unto da calumnia: boticarios e sacamanteigas, por Luis Giadás.
18:30 h. Conferencia: As lendas urbanas, a distorsión da realidade e a creación do imaxinario máxico, por Xosé Miranda.
De 20:00 a 21:00 h. Mesa redonda: Urbanas? Modernas? Contemporáneas?. Participan: Luis Giadás e Xosé Miranda. Modera: Isidro Novo.

SÁBADO, 29 DE OUTUBRO

10:00 h. Conferencia: O roubo de órganos nas tendas de chineses en Portugal, por José Joaquim Dias Marques.
11:30 h. Conferencia: Izena izana baino lehen ukan (Todo canto se di, acontece), por Fito Rodríguez.
De 13:00 a 14:00 h.- Mesa redonda: De boca en boca: o rumor como arma contra os outros. Participan: José Joaquim Dias Marques e Fito Rodríguez. Modera: Antonio Reigosa.
De 16:30 h. a 18:30 h.- Obradoiro de narración oral: Narración e representación de diferentes tipos de lendas urbanas, por Celso Fernández Sanmartín.

O noso país non é alleo á moda das lendas urbanas, un fenómeno popular universal cuxa difusión se multiplicou enormemente a través da televisión, radio, xornais e revistas, literatura, cine, cómic e, sobre todo a través de internet, o gran altofalante deste tipo de relatos. As lendas urbanas, a pesar de chamárense tamén modernas ou contemporáneas son, sen embargo, como todas as demais lendas, narracións breves que refiren sucedidos sorprendentes ou raros, xeralmente de carácter extraordinario ou sobrenatural e tamén foron transmitidas tradicionalmente por vía oral, aínda que agora se difundan case exclusivamente en soporte impreso, audiovisual ou virtual.

Os Obxectivos das Xornadas son:
– Identificar a lenda urbana como expresión actual da literatura de tradición oral.
– Identificación das estratexias das lendas para reubicarse xeograficamente e para actualizarse, para espirse do anacrónico nas sucesivas transmisións e reforzar así a súa credibilidade.
– Identificación das estratexias diexéticas de diversas lendas urbanas e a súa aplicación no ensino da historia da literatura así como o fomento da creatividade narrativa do alumnado.
– Comprensión do poder da narración oral ao longo dos tempos.
– Capacitar para a identificación do carácter transcultural da literatura oral e a súa potencialidade na educación en valores.

A Metodoloxía empregada é:
– Análise temática e dos núcleos narrativos das lendas urbanas e comparación cos habituais na literatura de tradición oral.
– Estudo de diversas lendas urbanas e dos seus precedentes históricos.
– Análise do papel dos novos medios de difusión da narración oral: a literatura de tradición oral e as novas tecnoloxías da información.

A revista Tempos Novos crea unha publicación en galego na rede: temposdixital.com

“O xoves 27 de outubro, ás 19;00 horas no Museo do Pobo Galego (San Domingos de Bonaval), en Santiago de Compostela, preséntase Tempos Dixital, a nova presenza na rede da revista Tempos Novos, un dos poucos medios escritos en galego que resiste a oleada de peches. A revista dixital estará dirixida por Luís Álvarez Pousa, profesor da USC e director de Tempos Novos e coordinada por Denís Fernández Méndez, xornalista. Contará no seu consello de redacción con Comba Campoi, Paulo Carlos López, Sara Torreiro e Francisco Martínez Hidalgo. Esta revista dixital pretende “abrir o campo” de contidos do mensual, incluíndo ademais textos dirixidos a un público máis novo (entre 18 e 35 anos de idade) ampliando así o espectro do público lector do medio en papel. Por iso inclúe unha sección de deportes e prestará especial atención ás novas formas da cultura, manténdose na liña de xornalismo de análise e interpretación que vén caracterizando á revista Tempos Novos desde o seu nacemento en 1997, ano de fundación da empresa editora responsable tamén da revista de libros Protexta, dos Informes Galicia e agora tamén de Tempos Dixital.” Vía Galicia Hoxe.

Lalín: recital poético Os libros de Caldeirón, con María Lado, Eli Ríos e Alberte Momán

O venres 28 de outubro, ás 21:00 horas, en Barriga Verde (Rúa Matemático Rodríguez, 9) de Lalín, prosegue a xeira de recitais poéticos de Os libros de Caldeirón, coa participación de Eli Ríos, Alberte Momán e María Lado.

Rianxo: presentación de In vino veritas, de Francisco Castro

O venres 28 de outubro, ás 20:30 horas, no Auditorio de Rianxo, preséntase In vino veritas, de Francisco Castro, publicado en Galaxia. No acto, organizado pola Asociación Cultural Barbantia, e no que participan, acompañando ao autor, María Xesús Blanco López e Antón Riveiro Coello, presentarase a exposición de Che Tembra Castelao: 125 aniversario. Ao inicio e ao final do acto Iago Hermo Martínez interpretará varias pezas musicais ao piano.

A Coruña: IX Encontros Milpedras, recital conxunto de poesía, música e fotografía

O venres 28 de outubro, ás 21:00 horas, no Taller de Litografía Milpedras (Rúa Brasil, nº 3, baixo) da Coruña, terá lugar a IX edición dos Encontros Milpedras, coa participación poética de Eva Veiga, Francisco X. Fernández Naval e Ramiro Vidal Alvarinho, en paralelo á intervención musical de Mou e a proxección da obra fotográfica de Maribel Longueira.

A Coruña: representación de Pisados, de Gustavo Pernas

O venres Dossier prensa e colexios forumetropolitano28 e sábado 29 de outubro, ás 20:30 horas, no Fórum Metropolitano (Rúa Río Monelos) da Coruña, con entradas de 7 euros (carné xove, maiores de 65 anos e desempregadas/os: 5 euros), represéntase Pisados, unha obra escrita e interpretada por Gustavo Pernas. Botamán de Melide sopra follas no outono e aprende idiomas co paso dos peregrinos do Camiño de Santiago. Máis tarde descobre, entre as follas do chan, a linguaxe secreta dos pisados. Pode falar cos zapatos e vén revelarlle ao público o que calan as bocas e gardan os pés. Baixo a dirección de Ánxela G. Abalo.

Vigo: presentación de Vía secundaria, de An Alfaya

O venres 28 de outubro, ás 20:00 horas, na Libraría Librouro (Rúa Eduardo Iglesias, 12) de Vigo, preséntase o libro Vía secundaria, de An Alfaya, publicado en Xerais, Premio de Novela por Entregas La Voz de Galicia no 2010. No acto acompañarán á autora Ramón Nicolás e Manuel Bragado.

Baiona: presentación de Galego de lei. Don Diego Sarmiento de Acuña, I Conde de Gondomar, de Francisco Maseda

O xoves 27 de outubro, ás 20:00 horas, no Parador de Turismo de Baiona, preséntase Galego de lei. Don Diego Sarmiento de Acuña, I Conde de Gondomar, do historiador Francisco Maseda, publicado en Biblos. O acto contará coa presenza de Carlos Méixome (presidente do Instituto de Estudos Miñoranos) e Tucho Calvo (editor).