Rosa Enríquez: “Estamos nun momento de abrirnos a outras culturas e formas de ver, sentir e pensar”

Entrevista de Noelia Gómez a Rosa Enríquez en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Vés de estrear, xunto a Nimrod -nado no Chad, na África central- o oitavo ano do ciclo de Poetas di(n)versos, dirixido por Yolanda Castaño.
– Rosa Enríquez (RE): Estou moi contenta de participar neste ciclo. Creo que é moi interesante para a literatura galega na medida que pon en contacto poetas galegos e galegas con outras persoas que se adican á literatura tamén e que son de diferentes lugares do mundo e teñen diferentes linguas. Paréceme moi necesario o diálogo intercultural. Este ciclo que organiza Yolanda, que está moi ben pensado, creo que é moi preciso. Estamos nun momento de abrirnos a outras culturas e formas de ver, sentir e pensar.
– SG: Neste encontro realizaches un percorrido polos teus últimos libros. Recitaches unha pequena selección de cada un deles, desde os máis intimistas e persoais até os que implican conciencia social e dignidade. Por que esa escolla?
– RE: Hai unha cuestión práctica detrás desta decisión que é que dispoñía de 20 minutos, entón iso condicionou un pouco a lectura dos textos. Se quería ler un texto longo tiña que ler logo outro máis curto para que non durase demasiado. Estiven buscando textos dunha lonxitude similar que fosen representativos e interesantes para ese momento. Así que escollín tres de Desobediencia, tres de Atlas de Chaguán, tres de Espectros e tres de Historia do meu corpo en labaradas. (…)
– SG: Ademais de varios poemarios, es autora de Unicrom, novela xuvenil de ciencia ficción e fantasía. Tes pensado escreber máis sobre este xénero?
– RE: Esa novela é unha cousa puntual. Aconteceu porque tiña un blogue -que xa non está activo- e comecei a escribir aí textos sobre seres doutros planetas. A min gústame moito a ciencia ficción e comecei a construír algo e participaron moitas persoas facendo comentarios. Cando xa levaba tempo no blogue con esa historia, animáronme a construílo ben e tiven a fortuna de que a publicase Sotelo Blanco, pero non, non teño pensado facer máis narrativa. Son lectora fundamentalmente de poesía e ensaio, pero narrativa leo menos. Entón non, non estou interesada en escribir narrativa.”

Vigo: presentación de Desobediencia, de Rosa Enríquez

O venres 3 de febreiro, ás 20:30 horas, na A. C. Bou Eva (Rúa Tercio de Fóra, 11) de Vigo, preséntase Desobediencia, de Rosa Enríquez, publicado por A porta verde do sétimo andar. No acto, acompañando á autora, participa Anxo Angueira, autor do limiar.

A Coruña: presentacións de O día que morreu Steve McQueen, de Kiko Neves, Desobediencia, de Rosa Enríquez, e Pegadas

O sábado 15 de outubro, ás 21:00 horas, no Centro Social Gomes Gaioso (Rúa Marconi, 9) da Coruña, terá lugar a presentación da novela O día que morreu Steve McQueen (unha novela de Xavi Ribak), de Kiko Neves, o poemario Desobediencia, de Rosa Enríquez, e o libro colectivo Pegadas, todos eles publicados por A Porta Verde do Sétimo Andar.

Rosa Enríquez: “Para min, a desobediencia é un acto ético”

Entrevista a Rosa Enríquez en La Voz de Galicia:
‘Rosa Enríquez Noya (Rúa, 1969) presentou onte na Libraría Couceiro de Santiago seu derradeiro traballo literario, Desobediencia, un libro de poemas que fala sobre todo da necesidade de romper as imposturas da palabra e pasar a acción. Para ela, “a desobediencia é un acto ético” e as verbas “ás veces se reducen a exercicios sintácticos e logo non son certos”. Esta escritora galega, licenciada en Hispánicas e profesora de francés no instituto Macías o namorado de Padrón, é un ariete contra todos aqueles que falan por falar. Que finxen comportamentos que logo non cumpren. É contra eses círculos pechados e baleiros de frescura, contra eses ámbitos de grupos impermeables onde non transitan as ideas, contra os que Enríquez desobedece en forma de poema. Desobediencia, editado por A porta verde do sétimo andar, consta de catro partes a modo de capítulos e ten versos en galego, en castelán e máis en francés.’

Santiago: presentación de Desobediencia, de Rosa Enríquez

O xoves 29 de setembro, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase o poemario Desobediencia, de Rosa Enríquez, editado por A Porta Verde do Sétimo Andar, como o número 4 dos Q de Vian Cadernos. No acto estarán presentes, acompañando á autora, Anxo Angueira, Begonha Caamanho e Alberte Momán.