Sarria: Roteiro Literario-Artístico pola Lóuzara de Fiz Vergara Vilariño

O luns 27 de xullo de 2009, ás 18:00 horas, en Aira Padrón (Samos) a Agrupación Cultural Ergueitos organiza un percorrido até a casa natal de Fiz Vergara en Santalla de Lóuzara. Irán parando en puntos do roteiro no que xa estean colocadas intervencións (Fernado Yáñez e Manuel Caamaño) ou nalgún outro nos que os traballos estean avanzados (Álvaro de la Vega, Violeta Bernardo, Primitivo Lareu e Paco Pestana). A intención é converter o roteiro literario que fan cada ano pola Lóuzara Xabreira de Fiz Vergara nun parque escultórico que lembre ao poeta a través de poemas escollidos da súa obra con referencias xeográficas concretas do val de Lóuzara e das intervencións artísticas creadas tendo como base eses poemas, procurando incardinar as obras plásticas na paisaxe louzarina. A palabra poética asaltará aos camiñantes que percorran este roteiro e acompañará en paneis gravados ás intervencións dos artistas plásticos para que o visitante documente a xénese da intervención escultórica. O ceo, a auga do río e da Fonte da Cova e os soutos dos castiñeiros louzarinos serán as paredes, o teito e o chan dese museo aberto.

Indicacións de itinerario: dende Samos, despois de pasar diante do Mosteiro e rodealo cóllese a saída en dirección a Triacastela. A 1 km. hai un desvío á dereita sinalizado: Lóuzara. A 8 km. sen desviarse chegamos a Aira Padrón (só hai unha casa-restaurante cara a esquerda e unha rotonda). É o primeiro punto do roteiro. Desde aí baixase cara o val de Louzara.

Tempo aproximado da visita: 1, 5 horas

Contacto: María Casar Díaz, presidenta da A.C. Ergueitos. Tlf: 678 601 550 – 677 429 225

Noia: IV Encontro de Creadores no Barbanza

A Asociación Cultural Barbantia, a Colección Bourel e o Concello de Noia convídanvos á celebración do IV Encontro de Creadores no Barbanza, que terá lugar o xoves 30 de abril no Coliseo Noela de Noia ás 21:00 horas.

PROGRAMA

21:00 horas: Intervención de Antón Riveiro Coello, presidente da Asociación Cultural Barbantia, coa que abrirá o IV Encontro de Creadores no Barbanza.
21:05 horas: Intervención de Antonio Piñeiro, director da Colección Bourel, responsable da edición artesá d´As voces da Musa.
21:10 horas: Recital cos poemas que aparecen no libro As voces da Musa, froito do Encontro, cuxos autores son: Eva Veiga, Ana Romaní, Antonio Piñeiro, Xabier L. Marqués, Xesús Rábade Paredes, Íria Gestoso, María do Cebreiro, Anxo Angueira e Helena Villar Janeiro.

*Durante o recital, iranse intercalando as actuacións de Xosé Luís Miranda, PePe Romero e Sonia Lebedynski, coas súas respectivas aportacións musicais, elaboradas ex profeso para o Encontro.

22:00 horas: Inauguración da exposición dos gravados que forman parte do proxecto, realizados polos seguintes pintores vinculados coa comarca: Alfonso Costa, Xoán Fernández, Manuel Ayaso, Paola García, Nacho C. Beiro, Baldo Ramos, Julio Catalán, Fran Blanco Alcaide e Manolo Figueiras.
22:15 horas: Peche institucional a cargo do alcalde de Noia, Rafael García Guerrero.

Sarria: acto do Premio Fiz Vergara Vilariño

O venres 17 de abril a Asociación Cultural Ergueitos presentará a obra plástica que o artista Iván Prieto realizou de xeito desinteresado e solidario para o gañador da IX edición do Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño. Será a partir das 19:00 horas na Casa do Concello de Sárria.

Cabanas Raras (Bierzo): exposición e recital de Igor Lugris

«A expo “poesia para Ver/poesia para Ler”, volta para casa. Estará uns dias na Casa da Cultura de Cabanas Raras, no Bierzo, antes de iniciar nova viagem, desta vez a Ferrol, onde estará no mês de Fevereiro (mas disso já falaremos nos próximos dias). O Sábado 17 faremos um recital, às 18.30h., na mesma Casa da Cultura. A expo estará ali até o dia 23 de Janeiro para quem a queira visitar.» (Ovnis e Isoglossas)

Compostela: Poesia para Ver / Ler, de Igor Lugris

«Já levavamos tempo anunciando que a exposición “Poesia para Ver / Poesia para Ler” chegaria a Compostela. E agora podemos concretar datas. Do 27 de Novembro ao 27 de Dezembro, estará no Centro Social O Pichel, o local da Gentalha do Pichel. E na sexta-feira, 28, faremos um recital com uns amigos, como acto de inauguraçom, com a participaçom dos poetas Séchu Sende, Alberto Momam e Baldo Ramos, e a actuaçom musical de José Constenla.» (Ovnis e Isoglossas)

Compostela: espectáculo poético-musical de Yolanda Castaño

Yolanda CastañoImpulsado polo Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), o ciclo “Tábula Rasa. Novas Prácticas Transdisciplinarias” desenvolveráse no museo os días 2, 3 e 4 de outubro, arredor de prácticas artísticas transversais e produtos creativos híbridos, é dicir, que fusionan varias disciplinas a un tempo.
Dentro deste marco e precisamente abrindo o ciclo, “Tender a man” é a proposta que Yolanda Castaño nos trae ao CGAC este xoves: un espectáculo poético multimedia baseado nos textos da poeta e na música de Sulxeitos. Esta formación de dilatada experiencia na escena musical galega, a cabalo entre o jazz e a electrónica e integrada por Isaac Garabatos e Jesús Andrés Tejada, dotará de ambientación sonora aos versos de Castaño, en especial aos provintes do seu último libro, Profundidade de Campo (Premio Espiral Maior, 2007).
Pero non será todo. Ademáis, outras experiencias de colaboración con outros e outras artistas iránse fiando ao longo dos 50 minutos de duración do evento. Así, os versos atopan novos camiños de comunicación apoiándose en distintas montaxes das que participan, por exemplo, os grafismos de Enrique Lista inspirados na mencionada obra poética, as pinturas de Isabel Pintado baseadas no poema “Contos de fadas” ou a montaxe de vídeo sobre o texto “Highway to heaven” a cargo de Manu Viqueira. Outras pezas a varias voces, con efectos de son, luz, videopoesía ou performance enriquecerán o conxunto. Unha oportunidade de achegarse á poesía máis actual por camiños diferentes, cómplices das novas tecnoloxías e das máis expresivas linguaxes creativas.
O título do espectáculo fai referencia á soedade do traballo da escrita, por iso “Tender a man” a outros e outras creadoras pode dar lugar a estas interesantes e ricas novas prácticas transdisciplinarias.

A Coruña: coloquio e roteiro urbano sobre a obra de Lugrís

null«Con motivo do Certame Outonarte 08: “Sobre o espazo infinito. A creación ao redor do mar”, hoxe, xoves, 25 de setembro, ás 19:30, na Sala de exposicións municipal de Palexco, terá lugar unha charla que leva por título “Lugrís, pintor do mar”, na que Antón Patiño, Luís Rei Núñez, Ánxeles Penas e Xavier Seoane analizarán a obra e a vida do artista.

A continuación o artista Antón Patiño e mais o especialista en personaxes e lugares da Coruña, Xurxo Souto, farán de cicerones nun percorrido polos lugares que frecuentaba Lugrís, nalgúns dos cales aínda queda testemuña da súa obra, sobre todo, grandes murais; unha das vías de expresión que caracterizaba ao pintor coruñés. Bautizado como “Roteiro Tabernario”, o percorrido guiado partirá da sala Palexco as 21 horas de mañá xoves, día 25 de setembro, e visitará, entre outros, A Bottega (rúa dos Olmos), A Mundiña (rúa da Estrela), os Cantóns e por fin, o café Veccio (rúa Real).» (Concellaría de Cultura do Concello da Coruña)