A Coruña: poesía e música co grupo Ouriol

Continúan os actos conmemorativos da inauguración da nova Biblioteca dos Rosales, na Coruña. Hoxe mércores 30 “SOÑOS E POEMAS DE CIRLOT”, un espectáculo poético-musical do grupo OURIOL (Eva Veiga, Bernardo Martínez e Fito Ares). A partir das 20:00, con entrada libre.

A Coruña: inauguración da Biblioteca dos Rosales

Mañá sábado día 26 inaugúrase na Coruña unha nova biblioteca: a Biblioteca dos Rosales. Compartimos con todos vós o texto de presentación do convite:

Logo dun longo camiño de proxectos e trámites, de reunións e conversas, de acción e de colaboración de moita xente, chega a celebración, celebración dos veciños que xa poden gozar dun novo espazo público en que se encontraren cos outros, coa cultura, coa información, …e celebración de todos e todas os/as que participamos deste proxecto desde os seus inicios porque conseguimos materializalo en algo real e tanxible. Pero tamén celebración doutra xente: docentes, membros de asociacións e colectivos do barrio e da cidade cos que traballamos no desenvolvemento dun proxecto cultural e educativo coa cidadanía. E isto sen nos esquecermos de moitas máis persoas: bibliotecarios e bibliotecarias, políticos e políticas, creadores e creadoras…, compañeiros e compañeiras de ilusións, de desexos, cómplices dun soño: bibliotecas de todos e para todos.

Por iso contamos con vós para participardes en todos os actos que aparecen no programa do convite da nova Biblioteca dos Rosales.

Folleto de presentación e programa de actividades: [Descargar]

A Coruña: obradoiro de escritura creativa con Marina Mayoral

O xoves 7, venres 8 e sábado 9 de maio desenvolverase na Biblioteca González Garcés da Coruña un obradoiro de escritura creativa impartido por Marina Mayoral co título Técnicas narrativas e creación literaria. O curso vai principalmente destinado aos estudantes de Humanidades, mais tamén é útil para todos os interesados en facer literatura de ficción ou en xeral os que sinxelamente queren mellorar a expresión escrita das súas ideas e sentimentos. O horario das xornadas é de 10 a 13 horas e de 17 a 20. Para inscribirse é preciso chamar aos teléfonos 981170218 ou 981170219, ou ben mandar un correo electrónico a este enderezo, ou de maneira presencial na Sala de Consulta da Biblioteca. Colabora a Universidade da Coruña (solicitado un crédito de libre configuración na UDC).

Arteixo: a Biblioteca Central levará o nome de Henrique Rabuñal

O día 23 de abril de 2009, Día do Libro, o Concello de Arteixo bautizará a súa rede de bibliotecas con nomes de escritores vinculados ao Concello. A Biblioteca Central de Arteixo, que cumpre 20 anos, pasa a chamarse “Henrique Rabuñal”. A Biblioteca posúe 16.000 libros, 3.100 socios e 100 usuarios diarios. Henrique Rabuñal, doutor en filoloxía e catedrático de lingua e literatura galegas, é arteixán de nacemento, historiador do seu concello e profesor no IES “Manuel Murguía”. Puxo en marcha e coordinou durante 15 anos o certame de relatos “Manuel Murguía”. Como escritor é autor dunha obra multixenérica nos ámbitos da creación (A fariña das horas, Ollos negros, O cristal da sede) e a investigación (A Coruña na historia, Manuel Murguía, Palabra e patria ou Poemas coruñeses).

A Coruña: Manuel Rivas fala na Biblioteca de Estudos Locais

Mañá mércores 25 de marzo o escritor Manuel Rivas visitará a Biblioteca Municipal de Estudos Locais para falar da súa obra como peche do Obradoiro de escritura que veu realizándose na Biblioteca no presente trimestre conducido por Pedro Ramos.

O encontro terá lugar ás 19:00 h.nos locais da Biblioteca (Diurán Loriga 10 1º) y estará aberto a todo o publico.

A Coruña: obradoiro de creación artístico-literario dende a rede

Todos os luns a partir do 2 de marzo na Biblioteca Infantil e Xuvenil de Durán Loriga vaise celebrar un obradoiro de creación artístico-literario dende a rede impartido por Antía Otero e Eduardo Estévez. Dirixido a rapaces e rapazas a partir dos 14 anos que queiran descubrir o mundo da escrita e da arte en xeral dun xeito lúdico, o obradoiro propón un achegamento aos video-poemas, os blogs, a música, a imaxe, os audiovisuais, etc. Para inscribirse deben contactar coa Biblioteca Municipal Infantil e Xuvenil (r/Durán Loriga, 10), no teléfono 981 184388 ou neste email.