Mañá martes, 23 de xuño, Espazo Lectura celebrará a noite de San Xoán na Casa da Lectura cunha actividade na que xuntarán poesía, lume e contos: A fogueira dos versos. A sesión, que toma prestado o nome dun poemario de Antonio García Teijeiro, comezará con música a partir das 22:30h, continuará logo, contra as 12 da noite, cunha lectura de poemas arredor dun pequeno lume e rematará cunha sesión de contacontos a cargo do actor Santi Prego, que nos deleitará coas súas historias á luz da pequena fogueira. Esta fogueira literaria na Casa da Lectura (Nogueira, 8 – Donas) conta coa colaboración da Concellería de Cultura do Concello de Gondomar e pretende ser participativa e aberta ás persoas que desexen levar comida para compartir e poemas para ler.
Arquivo da categoría: Contacontos
Gondomar: María Lado na Casa da Lectura
Este mércores 10 de xuño ás 18:30 horas a Casa da Lectura (Nogueira 8, Donas, 36388, Gondomar) acollerá unha sesión de contacontos a cargo da poeta e presentadora María Lado, que se caracteriza por elevar as súas propostas creativas á categoría de espectáculo. María Lado, que conduciu como presentadora e narradora o programa Planeta Fantasía, de Lúa Films, baseado en contos da literatura infantil galega e emitido pola TVG, poñerá á disposición das nenas e nenos de Gondomar toda a súa capacidade para contar historias diante do público. Deste xeito, a Casa da Lectura pon en marcha a primeira das sesións da súa programación especial no ámbito do fomento da lectura.
