Cee: actividades literarias destacadas na Feira do Libro do martes 11

OAgosto cultural Cee martes 11 de agosto comeza a Feira do Libro de Cee (na Praza da Constitución), con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:

20:30 h. Presentación do libro Entrar na casa, de Eduardo Estévez (poemas) e Ignacio Castro, “Nachok” (fotografías), publicado por Estaleiro, nun acto presentado por Serxio Iglesias.
20:30 h. Modesto Fraga asina exemplares do seu libro Atlántica luz. Poesía mareira 1995-2015, na caseta da Libraría Á lus do candil.
21:15 h. Pregón da Feira a cargo de María Canosa, acompañada por Yolanda García Leal e Ramón Vigo Sambade.

“Un libro como unha viaxe: Caderno do Nilo“, artigo de Teresa Seara

DesdeCesáreo Sánchez Iglesias Caderno do Nilo Xerais:
“Reproducimos o texto coa intervención de Teresa Seara sobre o poemario Caderno do Nilo, de Cesáreo Sánchez Iglesias, lido o 16 de xaneiro na libraría «A lus do candil» de Arteixo:

Desde o momento exacto en que abrimos os ollos á vida, crávasenos profundamente o aguillón da curiosidade, un forte desexo por desentrañarmos os segredos e marabillas do entorno. Arelamos así descubrir outros espazos quizais porque levamos inscrito, na espiral máis recóndita do ADN, o rumor do distante -parafraseando o título dunha obra previa de Cesáreo. De aí que o misterio que reside en lugares remotos nos atraia cun engado irresistible e que experimentemos o feito de descubrilos como unha grande e gozosa aventura.
Así lle sucede a Cesáreo con Exipto pois, tal e como confesa no texto que antecede aos poemas de Caderno do Nilo, o río convócao ao seu carón por terceira vez por efecto dunha forza misteriosa que o adentra nas augas que flúen, asemade, polo seu propio interior. Deste xeito os novos signos que o eu descubre nas ribeiras falan tamén da súa propia intrahistoria xa que, como nos ensinou Fernando Pessoa, “As viaxes son os viaxeiros. O que vemos non é o que vemos, senón o que somos”. Polo tanto, no proceso da viaxe, o eu reencóntrase coa auténtica dimensión de si mesmo, coa súa orixe primeira que percibe, sobre todo, cos ollos do corazón. E así advírtenos:

leo os signos que queren ser da luz
a súa delgada transparencia.

Unha luz que “vén no pregamento dos séculos” e transita pola historia desprazándose do pasado ao presente, sinalando a crónica das viaxes como parte fundamental da memoria da humanidade que só progresa coa busca do intuído, por máis irracional que este poida parecer a priori. Desde aquela primeira migración dos homínidos -hai máis de 100.000 anos- desde África até Eurasia, a historia foise enchendo cos nomes dos que elixiron indagar nos segredos incógnitos ao ancho e longo da Terra. Marco Polo, Cristóbal Colón, Helen Stanhope, Núñez de Balboa, Cabeza de Vaca, Freya Stark, Livingston, Amundsen e tantos outros abriron rutas que nós percorremos, ou percorreremos, nalgún momento da nosa vida pois un nunca emprende só a súa viaxe senón que pousa os pés sobre as pegadas dos que o precederon. Por iso, en Caderno do Nilo, sentimos a calor de Flaubert, George de la Tour, Pierre Loti ou Nagib Mahfuz emanando aínda con forza nas areas do río xa que todos eles, como o noso poeta, difundiron os seus misterios para así preservalos dunha perda irremediable.
É certo que hoxe en día a viaxe ten cambiado moito nas súas formas e obxectivos. Viáxase por pracer, por mero turismo, para escapar do cotián… pero estes son periplos baldíos que impiden achegarse ao outro co respecto e mesmo coa devoción que Cesáreo profesa, e demostra, neste libro. Armado con papel e lapis, o poeta captura marabillas, curiosidades e estremecementos; adéntranos nos templos míticos (Elefantina, Tebas, Karnac, Luxor, Assuán, Gizeh…) ou aliméntanos nos bazares e cafés con aromas de especias, té e doces. Porque, en definitiva, Cesáreo segue a consigna do primeiro historiador, Heródoto de Halicarnaso –tamén el viaxeiro reincidente polo Nilo-, cando confesaba que escribía para que “os logros humanos non se perdan no tempo”.
Así indaga o noso poeta nos mananciais ocultos, nesa corrente subterránea, moito máis copiosa ca el mesmo, que se di que contén o Nilo. As augas freáticas, orixinais, son as que sucamos en cada verso cando o eu anuncia:

Navego o río
que se fai escrita e luz sen corpo e corpo sen tempo.
Vou cara ás fontes.

Xa que logo procura o primixenio pero antes debe “desaprender o que está aquí”, na casa de Liáns, o punto cero deste seu “Camiñar o aínda invisíbel”.
A ritmo lento desfilan polos textos de Cesáreo as ribeiras, a fauna e a flora fluviais, os pescadores e as mesquitas pois, como el di,

xentes de aquí e acolá deletrean os nomes do río
son o río que non acaba de pasar.

Mais o Nilo evidencia curiosas dualidades: é externo pero tamén subterráneo, contén o presente e preserva o pasado, une terra e ceo como quen pasa do plano real ao mítico nun segundo, pon en contacto ás persoas e aos deuses pois as súas augas son ruta derradeira das almas migrando cara ao reino de Osiris tras da morte. Con paciencia e entrega, o eu, sobrecollido de beleza, desenmaraña estes significados, captura a luz dos materiais pétreos, o silencio reverente dos templos, as mensaxes inscritas nos xeroglíficos, o misterio das construcións ciclópeas e convérteos logo en versos que manan, como o propio río, polas veas deste libro-cauce. Descubre entón que “Todo é signo e símbolo contra o esquecemento” pero tamén debe enfrontarse á profunda dúbida de

Como ler a luz
no frío e branco silencio da noite coas súas sombras?

Mais a viaxe posúe tamén unha dimensión existencial, ontolóxica, que ameaza con afogar ao ser baixo o seu desmesurado peso. E así:

Son un pequeno ser no interior do celeste
que transita o alto ceo
no escuro, na alta luz sen sombra no rumor do ar
na claridade que non sabe do voo.
Todo retorna do seu nacer.
Escoito os soños das estrelas. Sobrevoo a quietude.
Veño a ser inacabada calandra, pequena ave
sen destino.

De non existiren imprevistos, toda viaxe remata co regreso á casa. A de Cesáreo por Exipto tamén. Pero cabe preguntarse se volvemos igual a como marchamos. Di Paul Morand que “Unha viaxe é unha nova vida, cun nacemento, un crecemento e unha morte, que nos é ofrecida no interior da outra”. E así o viu tamén o noso poeta quen nos outorga, neste Caderno do Nilo, a oportunidade de transcendérmonos desde a nosa fráxil existencia en algo máis duradeiro. De certo, tampouco nós somos xa os mesmos despois de ler esta obra pois, en palabras de José Vasconcelos, “un libro, como unha viaxe, comézase con inquedanza e remátase con melancolía”.”

Arteixo: presentación de Caderno do Nilo, de Cesáreo Sánchez Iglesias

OCesáreo Sánchez Iglesias venres 16 de xaneiro, ás 20:00 horas, na Libraría Á lus do candil (Rúa Historiador Vedía, 3) de Arteixo, preséntase Caderno do Nilo, de Cesáreo Sánchez Iglesias, publicado en Xerais. No acto, xunto ao autor, intervirá Teresa Seara.

Convite Caderno do Nilo

Arteixo: presentación de Salseiros, de Suso Lista

OSuso Lista venres 12 de decembro, ás 20:00 horas, na Libraría Á lus do candil de Arteixo (Rúa Historiador Vedía, 3), preséntase a segunda edición de Salseiros, de Suso Lista, publicado en Edicións Embora. Ao finalizar o acto, o autor asinará exemplares do libro ás persoas que o desexaren.

Arteixo: presentación de A toponimia celta de Galicia, con Fernando Cabeza Quiles

OFernando Cabeza A toponimia celta de Galicia venres 14 de novembro, ás 19:30 horas, na Libraría Á lus do candil (Rúa Historiador Vedía, 3, baixo) de Arteixo, preséntase A toponimia celta de Galicia, de Fernando Cabeza Quiles, publicado por Toxosoutos.