Ourense: presentación de O libro dos cans, de Estevo Creus

O xoves 9 de decembro, a partir das 19:30 h., na Livraria Torga (Rúa da Paz, 12, baixo) de Ourense, preséntase O libro dos cans, de Estevo Creus, publicado en Franouren. No acto o autor estará acompañado por José Manuel Bouzo e a Aula de Danza Contemporánea do Campus de Ourense (dirixida por Cia-Traspediante), que levará a cabo unha acción improvisada ou mecánica de saltos.

Santiago: presentación do libro-DVD Bailabén

Este xoves, día 11 de marzo, ás 19:00 horas terá lugar no salón de actos do Consello da Cultura Galega (no pazo de Raxoi) a presentación ao público do método de aprendizaxe do baile galego Bailabén, un libro con DVD elaborado por Edith Cotilla e Gustavo Couto que Edicións do Cumio vén de sacar do prelo. Ambos autores estarán presentes no acto acompañados de Cándido Meixide, que acudirá en representación da editorial.

Cangas do Morrazo: recital de Ledicia Costas

O vindeiro domingo 6 de decembro ás 21:00 da noite Ledicia Costas vai dar un recital acompañada da bailarina Raquel Herrero, na Sala Son (Rúa Lirio, 30 baixo) de Cangas do Morrazo. O acto leva por título Xardín de Inverno e trátase dun espectáculo multidisciplinar onde se funden a poesía, a danza contemporánea, a fotografía e o audiovisual, e inclúe a proxección do videopoemaOutras augas.

Culleredo: poesía, música e danza con Yolanda Castaño e Branca Novoneyra

O vindeiro venres 27 ás 20:30h no Edificio de Servizos Múltiples do Burgo e dentro do contexto do ciclo poético “Palabra de Muller” e o Seminario de Historia de Culleredo dedicado a Uxío Novoneyra poderemos ver o espectáculo de poesía, música e danza Tender a man que conta coa participación da poeta Yolanda Castaño e a bailarina Branca Novoneyra, acompañadas por un grupo de músicos.

Inauguración na Coruña da exposición “Manuel Curros Enríquez: nación, liberdade e progreso”

No contexto do primeiro centenario de Curros, o 25 de abril terá lugar no Obelisco da Coruña a inauguración da exposición “Manuel Curros Enríquez: nación, liberdade e progreso”. Será ás 20:00 e contará coa actuación de Nova galega de danza.