Libro homenaxe a Lois Pereiro en edición dixital

Esta é a segunda proposta colaborativa que desde a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega estamos a organizar para contribuírmos á visualización e actualización da obra literaria e pensamento de Lois Pereiro.
É o noso propósito elaborarmos un LIBRO HOMENAXE A LOIS PEREIRO para o que solicitamos dos Socios/as da AELG que nos enviedes colaboracións inéditas e orixinais que poderían responder a un duplo formato:
* Poemas inéditos inspirados en Lois Pereiro (acéptanse versións elaboradas)
* Obra gráfica (ilustración, fotografía, poesía experimental, etc.) inspirada en poemas de Lois Pereiro.
Da conxunción de todas as colaboracións, a AELG promoverá unha edición en soporte electrónico en formato epub de descarga gratuíta accesíbel desde a nosa web.
O prazo límite para recibirmos os vosos orixinais no noso enderezo electrónico de contacto habitual (oficina@aelg.org) será o 10 de abril.

Santiago: recital de celebración do Día Mundial da Poesía 2011

O luns 21 de marzo, ás 19:30 h., no Auditorio da Biblioteca da Cidade de Cultura, o Centro PEN Galicia e o Consello da Cultura Galega organizan un recital para celebrar o Día Mundial da Poesía 2011, presentado como unha ollada de luz no vento Lois Pereiro, coa presenza de Marilar AleixandreOlalla Cociña, Luís González Tosar, Manuel Rivas e Salvador García-Bodaño.

Presentada a páxina web oficial de Lois Pereiro

LoisPereiro.blogaliza.org é a páxina web oficial de Lois Pereiro, que “pretende servir de plataforma de difusión das publicacións e actos que se están a celebrar sobre o poeta monfortino ao que este ano se dedica o Día das Letras Galegas, e tamén un lugar de encontro para todos aqueles queiran afondar na traxectoria do autor. A web non soamente recolle con detalle as noticias xeradas arredor do poeta, senón que ofrece unha serie de contidos sobre a súa figura, tanto literarios como gráficos e audiovisuais (poemas, fotos e gravacións de audio e vídeo), boa parte deles de utilización libre para usos non lucrativos. Igualmente, permite subir os contidos elaborados aproveitando ese material libre, para poder ser logo descargados e difundidos. Tamén inclúe un calendario dos actos que se están a organizar en todo o país, e mesmo materiais que se poden empregar naquelas convocatorias pensadas para a participación da xente. Lois Pereiro está xa presente nas redes sociais. O seu grupo de Facebook conta xa con case un milleiro de seguidores, e tamén ten unha forte presenza en Twitter, onde as mensaxes sobre o poeta se agrupan co hashtag ou etiqueta #pereiro”. A nova recóllese tamén en Cultura Galega, Xornal, Galiciaé e Galicia Hoxe.

Publicadas a Poesía completa de Lois Pereiro e unha biografía e antoloxía a cargo de Marcos Calveiro

Edicións Xerais publica a Poesía completa de Lois Pereiro, que se publica por primeira vez reunida e editada por Ana Acuña, e Lois Pereiro. Náufrago do paraíso. Biografía e antoloxía, a cargo de Marcos Calveiro.