A Universidade da Coruña convida a unha lectura pública

A Universidade da Coruña convida a comunidade universitaria -estudantado, persoal de administración e servizos e persoal docente e investigador, así como persoas alleas á comunidade universitaria-, a participar de modo activo nunha lectura pública que terá lugar o vindeiro 18 de maio, no Paraninfo da Reitoría, en horario de mañá (de 12:00 a 14:00 horas) e de tarde (de 17:00 a 20:00 horas), e que estará aberta a toda a cidadanía. Para participaren no acto, todas as persoas interesadas deberán enviar ao enderezo electrónico indicado abaixo propostas de textos coas seguintes condicións:

1. O texto para a lectura estará escrito en lingua galega, con independencia de que sexa traducido
doutra lingua. O Servizo de Normalización Lingüística poderá corrixilo, se for preciso.
2. Non existen para o texto outras limitacións temáticas, estilísticas ou de autoría que as obvias
para un acto deste carácter.
3. A duración da súa lectura non poderá exceder dos cinco minutos.
4. A propia persoa propoñente será quen o lea.

Con carácter excepcional, e sempre que xustifiquen o interese e a súa conexión co sentido da convocatoria, poderanse aceptar como alternativa aos textos outras intervencións, como execucións musicais, danza, mimo etc. Nestes casos rexerá a limitación de tempo de dez minutos por intervención. O enderezo para a recepción de propostas é vocesnasletras(arroba)udc.es e a data límite será o luns 10 de maio.

Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña

Agrupaçom Cultural O Facho: “O galego, o nosso existir”

«Ante a necessidade de respostas à política etnocida de Feijóo e o seu desgoverno contra a nossa Língua., O Facho chama aos bons e generosos a fazer valer os seus direitos cidadás frente às agressons contra a Língua Galega que está a levar a cabo o P.P. e a actual Junta de Galiza participando na manifestaçom convocada para o 17 de Maio ás 12 horas desde a Alameda de Compostela.

A Agrupaçom Cultural O Facho manifesta

O nosso posicionamento de jeito beligerante e irrenunciável na defesa da Língua Galega que constitui um elemento básico de identidade cultural e representa um valor fundamental de coesom.

As políticas lingüísticas levadas a cabo pola Junta do P.P. supom um passo adiante na política de repressom, empobrecimento e marginalizaçom que Feijóo e os seus “mariachis” estám a realizar contra a Língua e a Cultura dos galegos e galegas desde a Junta de Galiza.

O Estatuto de Autonomia de Galiza, no seu artigo 5, define o galego como Língua própria de Galiza, declara que os idiomas galego e castelám som oficiais em Galiza e que todos tenhem o direito de conhece-los e usa-los. Assim mesmo, estabelece que os poderes públicos da Galiza potenciarám o emprego do galego em todos os planos da vida pública, cultural e informativa, e aportarám a dotaçom dos recursos necessários para facilitar o seu conhecimento. Certamente, todas as políticas culturais e lingüísticas estám a violentar o próprio Estatuto de Autonomia.

Demandamos

Que cesse a perseguiçom da Língua e Cultura Galega por parte da actual Junta do P.P.

A aboliçom do sistema legal que subordina o galego ao castelám, a aboliçom do supremacismo castelám que procura a desapariçom do galego e exigimos a
implementaçom de autênticas políticas de normalizaçom lingüística ao serviço da nossa sociedade.

Na cidade d’A Corunha, mês de Maio 2010» (Agrupaçom Cultural O Facho)

Folgoso do Courel: presentación do Dicionario Uxío Novoneyra, de Esperanza Mariño Davila

«3C3 Editores, coa colaboración do Concello de Folgoso do Courel, comprácese en convidalo/a á presentación do libro Dicionario Uxío Novoneyra, de Esperanza Mariño Davila. No acto intervirán Dolores Castro Ochoa (alcaldesa de Folgoso do Courel), X. Amancio Liñares Giraut (director editorial de 3C3), Eugenio Pichel (editor) e a propia autora. Será no Local Cultural Municipal de Seoane do Courel (FOLGOSO DO COUREL – LUGO), o sábado 24 de abril, ás 13:00.»

Barcelona: actos pola Diada de Sant Jordi e do Día das Letras Galegas

As Filoloxías Galega e Portuguesa da Universitat de Barcelona organizan co gallo da Diada de Sant Jordi e do Día das Letras Galegas as seguintes actividades:

* Xoves 22 de abril de 2010 ás 18:00 (Aula 111): conversa entre os escritores Manuel Rivas e Màrius Serra “A boca da literatura: memoria, ecoloxía e lingua”; recital de Manuel Rivas “O máis estraño” (PDF).

* 10 ao 21 de maio de 2010 (Vitrinas da Biblioteca General): exposición bibliográfica “Uxío Novoneyra e a poesía experimental en Galicia” (PDF)

Máis información aquí.

Entrevista a Xosé Lois García: Novoneyra recoñecía o influxo da poesía de China e Xapón

-Un aspecto singular do libro é que tamén analiza a influencia da poesía clásica de China e Xapón na obra literaria de Novoneyra.
-É un aspecto importante ao que ata agora case ninguén lle prestou atención, aínda que o propio Novoneyra recoñecía ese influxo e falou del en conversas que menciono no libro. Ese influxo chegoulle sobre todo a través dalgúns escritores franceses do século XX que beberon moito nas literaturas orientais. A poesía breve e concentrada de Novoneyra ten similitude cos haikus dos poetas chineses e xaponeses e o seu sentimento da paisaxe e da natureza ten moito en común coa poesía oriental influída polo zen, unha corrente filosófica vinculada ao budismo. Pero tanto na brevidade dos poemas como no sentimento da natureza tamén estivo moi influído polo poeta de Mondoñedo Antonio Noriega Varela.

Ler entrevista completa a Xosé Lois García en La Voz de Galicia

Ferrol: presentación da carpeta-homenaxe a Uxío Novoneyra

O próximo venres 12 de marzo terá lugar a presentación no Ateneo Ferrolán, da reedición especial da Carpeta “Homenaxe a Uxío Novoneyra” con poemas, fotografías e estampas de pintura que fixeron os creadores na homenaxe de hai dez anos. Esta reedición da carpeta foi promovida por Rei Zentolo con motivo do Día das Letras Galegas 2010. No acto contará coa participación de Uxio Novoneyra Rei.

A Coruña: reedítase unha carpeta-homenaxe a Uxío Novoneyra

A Asociación Cultural Alexandre Bóveda informa que o vindeiro venres 19 de febreiro, terá lugar a presentación na Coruña, da reedición especial da Carpeta homenaxe a Uxío Novoneyra con poemas, fotografías e estampas de pintura que fixeron os creadores na homenaxe de hai dez anos. Esta reedición da carpeta está editada por Rei Zentolo, con motivo da adicatoria a Uxio Novoneyra do Día das Letras Galegas 2010. No acto participarán Uxio Novoneyra Rei pola Fundación Novoneyra, Salvador Vázquez, director de Rei Zentolo SL. e José Fernández, coordinador da carpeta de homenaxe. Será ás 20:30 h. no salón de actos da asociación (R/ Olmos, 16-18,1º), con entrada libre ate completar o aforo.