Declaración dos dereitos do libro

Artigo 1
Os libros, todos os libros, teñen dereito a existir.

Artigo 2
Os libros son iguais entre eles, sen distinción da súa orixe, fortuna, nacemento, opinión ou editor.

Artigo 3
Todo libro ten dereito á vida, á súa comercialización, á sorte de ser exposto ao lector e ofrecer ao seu autor a posibilidade de ser escoitado e remunerado con xustiza.

Artigo 4
Todos son iguais ante a lei que os somete a igualdade de prezo en calquera lugar onde sexan expostos.

Artigo 5
Todos teñen dereito a que en todos os lugares se recoñeza a súa personalidade, a personalidade do autor e do editor.

Artigo 6
O libro, obra de imaxinación coma de investigación, diríxese á imaxinación coma ás necesidades do ser humano. Así que non debe ser tratado na súa comercialización como un produto simplemente de consumo.

Artigo 7
O libro é e será garante das nosas liberdades. Non pode en ningún caso ser sometido a aversión sexa polo plantexamento das súas ideas como pola súa misión fundamental de promover o libre intercambio das culturas, as mentalidades e os saberes.

Artigo 8
O libro, portavoz do espírito, da ciencia, de praceres, rexistro do saber, así como obra de creación, debe ser tratado coma un ben indispensable para a cultura, a promoción social e espiritual e a información, e non pode ser tratado como un vulgar obxecto de proveito.

(Declaración promovida pola Asociación de Editores da Rexión Centro de Francia. Fonte: blog Trafegando ronseis).

Dende a palabra, dende o corazón (Primeiras Andoliñas), de Marcos Valcárcel, será agasallo do xornal Galicia Hoxe este domingo


O próximo domingo, día 15 de febreiro, o xornal Galicia Hoxe agasallará os lectores e lectoras cun exemplar de Dende a palabra, dende o corazón (Primeiras Andoliñas), unha escolma do primeiro ano da sección de Marcos Valcárcel nese xornal (outubro 2003-outubro 2004), antes de que abrise o seu blogue. Son un total de 180 artigos de moi variada temática, enriquecidos cun fermoso e xeneroso limiar do amigo Afonso Vázquez-Monxardín. O exemplar pode ser reservado no quiosco.

Santiago: presentación do acordo entre a Editorial Galaxia e Google

Hoxe mércores 11 de febreiro ás 20.00 h na Biblioteca Ánxel Casal de Santiago celebrarase un acto de presentación do acordo entre a Editorial Galaxia e Google, un importante proxecto cultural que pon os fondos completos de Galaxia ao servizo da comunidade global. No acto participarán Luis Collado, responsable de Google Búsqueda de Libros en España, Víctor F. Freixanes, director xeral de Galaxia, o crítico literario Arturo Casas, e o coordinador de novos proxectos da editorial, Francisco Castro.

Galaxia comercializou máis de 200.000 libros en 2008

A editorial Galaxia publicou hoxe no seu blog un resumo das cifras de edición e ventas en 2008. Ao longo do ano Galaxia presentou 95 novidades que se incorporan a un catálogo comercial que sobrepasa xa os mil títulos. A tiraxe media actual está perto dos 1800 exemplares, con mínimos de 800 e máximas de 8000. 211.890 foron os exemplares publicados e comercializados pola editorial en 2008. Entre 2000 e 2007 Galaxia lanzou ademais 145 traducións, case un terzo delas procedentes do inglés. Máis información, no blog da editorial.

Reedición de “long-sellers” da literatura galega

Nas últimas semanas foron anunciadas as reedicións dalgúns grandes éxitos da literatura galega, obras que seguen a gozar do fervor dos lectores moitos anos despois da súa saída ao mercado. É o caso de Que me queres, amor? de Manuel Rivas, da que Galaxia vén de sacar a edición número quince e que acumula 65 mil exemplares vendidos. Quince son tamén as edicións de Crime en Compostela de Carlos Reigosa, en Xerais, que tamén puxo nas librarías a vixésimo terceira edición das Cartas de inverno de Agustín Fernández Paz, un dos fitos do sistema editorial galego con perto de setenta mil exemplares vendidos.

A Coruña: presentación do libro Dios, Hombre, Mundo. La Trinidad en Raimon Panikkar, de Victorino Pérez

O próximo 12 de febreiro, xoves, ás 20:00 no centro Fonseca dos xesuítas, terá a presentación do libro Dios, Hombre, Mundo. La Trinidad en Raimon Panikkar, de Victorino Pérez, con Modesto Vázquez e Joaquín Garcia de Dios. Falarase tamén do libro anterior do mesmo autor Más allá de la fragmentación de la teología, el saber y la vida. Raimon Panikkar.

Oleiros (A Coruña): presentación do libro A represión franquista en Oleiros (1936-1950))

O vindeiro venres día 23 de xaneiro, ás 20,00 horas, vaise presentar na Casa do Pobo de San Pedro de Nós (Oleiros-A Coruña) o libro A represión franquista en Oleiros (1936-1950) (Editorial Trifolium), do que é autor o investigador e profesor na Facultade de Humanidades da Universidade da Coruña, Carlos F. Velasco Souto.

Estarán presentes no acto de presentación do libro Carlos F. Velasco Souto (autor, profesor de Historia Comtemporánea na Universidade da Coruña), Emilio Grandío (investigador, profesor no Departamento de Historia Contemporánea e de América na Universidade de Santiago de Compostel). (Editorial Trifolium)