Google dedica o seu “doodle” a Rosalía no seu aniversario

Rosalía GoogleDesde Sermos Galiza:
“Rosalía de Castro (1837-1885) está nas pantallas de millóns de ordenadores a través do buscador Google que esta terza feira dedica o seu “doodle” á escritora galega no 178 aniversario do seu nacemento. A aparición de Rosalía na capa do buscador supón unha inmensa promoción a través da rede da autora de Follas Novas. Con anterioridade, Google xa dedicara o seu codiciado “doodle” á escritora Concepción Arenal no 195 aniversario do seu nacemento. Daquela a imaxe da visitadora de cárceres, escritora, pensadora e avogada aparecía canda a célebre frase “Abride escolas e pecharanse cárceres”.
Desta volta, ás 00 horas, como é habitual que muden a portada en Google, foi pendurada a imaxe de Rosalía no inicio do día no que se fai 178 anos do seu nacemento. O poema “Adiós ríos, adiós fontes” foi o escollido de fondo nunha imaxe no que o logotipo de Google apareceu cun escudo de Galiza no primeiro O, detrás da imaxe de Rosalía. Desta volta, foi iniciativa propia dedicarlle o doodle á escritora galega aínda que se puxeron en contacto e pediron colaboración á Fundación Rosalía.
Os “doodles” son os cambios do logotipo de Google que aparecen maiormente en determinadas conmemoracións, festividades e efemérides diversas. Centos de propostas recíbense diariamente a través do correo proposals@google.com mais só unhas poucas pasan ao gabinete dos enxeñeiros e deseñadores dedicados con exclusividade ao deseño dos populares doodles.”

Santiago: presentación do acordo entre a Editorial Galaxia e Google

Hoxe mércores 11 de febreiro ás 20.00 h na Biblioteca Ánxel Casal de Santiago celebrarase un acto de presentación do acordo entre a Editorial Galaxia e Google, un importante proxecto cultural que pon os fondos completos de Galaxia ao servizo da comunidade global. No acto participarán Luis Collado, responsable de Google Búsqueda de Libros en España, Víctor F. Freixanes, director xeral de Galaxia, o crítico literario Arturo Casas, e o coordinador de novos proxectos da editorial, Francisco Castro.