Recital sobre a poeta canadense Erín Moure en Vigo

O martes 22 de Maio de 2007 ás 20:00 horas, na Casa de Portugal de Vigo (onde está o Instituto Camoens), terá lugar un “Recital transcreativo” que contará coa presenza de Oana Avasilichioaei, Erín Moure, Chus Pato e María Reimóndez. Ofrecerá textos da poeta canadense Erín Moure (tradutora de Chus Pato) que sairá traducida en Galaxia en breve.

Convocatoria australiana sobre a literatura actual

Desde a revista Antípodas (Journal of Hispanic and Galician Studies) chega a convocatoria do número XXII coa intención de documentar o “Panorama da escrita en lingua galega entre os séculos XX e XXI”. É un proxecto que nace da colaboración entre Antípodas (Journal of Hispanic and Galician Studies) e a Universidade da Coruña:

“Convidamos a participar neste volume dedicado a escrita actual en galego a todos os especialistas e investigadores no eido da literatura galega no cambio de século (aproximadamente entre 1990 e hoxe), aínda que tamén poden remitirse artigos en torno a literatura escrita en lingua galega e publicada despois do ano 1975. Antípodas pretende poñer ó día o momento literario de Galicia e, asemade, presentar un panorama dos autores máis novos que están xa a publicar con éxito. Estamos á procura de artigos orixinais que permitan olladas novedosas, diferentes enfoques da crítica, e, nesa mesma liña, aportacións no eido poscolonial, a literatura comparada ou os estudos de xénero. Os traballos deberán versar, preferentemente, sobre a producción literaria de autores en lingua galega que acadaron un certo nivel de notoriedade a partir do ano 1990, e aqueles outros máis novos que están agora acadando os primeiros recoñecementos polo seu labor literario. Antípodas desexa, deste xeito, analizar a situación da literatura en galego e tamén as súas perspectivas cara ó futuro máis inmediato […].”

Prazo para o envío dos traballos completos: 15 de Decembro de 2007. Pódese obter máis información na web da revista.

Presentación de libros de teatro na Estrada

Na Estrada está prevista para esta semana a presentación das seguintes obras: Camiño de volta,de Paco Lareo; A primavera continuará, de Manuel Fragoso; Cando os libros toman té, de Teresa González Costa; Felisa, de Xoán Xesús González (introdución e edición de Marcos Seixo); Falsas confidencias, de Marivaux (tradución e adaptación de Carlos Loureiro Rodríguez); Grazas Padre Ramón, de Manuel Daniel Varela Buxán (tradución e adaptación de Xosé Luna). Será o venres 18 de maio ás 20:00 horas na Galería Sargadelos.

A próxima semana na Galería Sargadelos de Ferrol

O luns día 14 de maio, ás 20:00 horas, terá lugar a conferencia “O galego na Universidade”, a cargo de Xosé Ramón Freixeiro Mato.

O martes día 15 de maio, ás 20:00 horas, terá lugar unha mesa redonda sobre “O libro no mundo editorial galego”, na que intervirán Antón Cortizas, (Tambre-Edelvives) e Miguel Toval (Editorial Embora).

O mércores día 16 de maio, ás 20:00 horas, terá lugar a mesa redonda “O galego nos medios de comunicación”, na que intervirán: Germán Castro (Diario de Ferrol), Xan Morales (Club de Prensa), Uxío Fernández Fernández (Ferrol Hoy), Antía Díaz (Voces de Ferrol de Radio Voz) e Raúl Salgado (Localia TV).

O venres día 18 de maio, ás 20:00 horas, terá lugar un Recital de versos de María Mariño, a cargo de diversos poetas de Ferrolterra.

Presentación do “Dicionario María Mariño” na Pobra do Caramiñal

O Dicionario María Mariño de Esperanza Mariño Davila será presentado no Auditorio do Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal o xoves 10 de maio ás 20:30 horas. No acto intervirán o alcalde da Pobra do Caramiñal Isaac Maceiras, a concelleira de cultura Encarna González e a autora Esperanza Mariño Davila.