Ditame do VI Certame de Teatro Infantil e Xuvenil “Atenea 2008”

Este é o ditame do VI Certame de Teatro Infantil e Xuvenil “Atenea 2008”:

«O Xurado do VI Certame de Teatro Infantil e Xuvenil “Atenea 2008”, que organiza o Ateneo Ferrolán, co patrocinio de Caixa Nova, composto por María José Doce Rey, Aurora Rivas Hermida, Esperanza Vidal Martínez e Francisco Oti Ríos acordou o seguinte FALLO:

1) Conceder o Premio de Categoría Especial ao grupo de teatro do Colexio “Carmen Polo”, dirixido por María Victoria Suárez.

2) Conceder Premio a:

* Grupo do CEIP “Centieiras” do concello de Fene coa obra “Todo é un conto”, dirixido por Mª Cointa Pazos García.

* Grupo “Atios”, do CEIP “Atios”, coa obra “O galo Quirico”.

* Grupo do CEIP “Cruceiro Canido”, coa obra “Berenguela”, dirixida por Maravillas Beceiro.

* Grupo da Asociación Os Amigos “Arco Iris” do Concello de Valdoviño coa obra “A Farsa das zocas” dirixida por Lucía Caneiro.

* Grupo IES CARBALLO CALERO coa obra “Un casting para Melchor” dirixida por MMª Pilar Patiño.

* Grupo “Pasapadentro” da Asociación Cultural Melandrainas de Arteixo, coa obra “La niña que riega las albahacas” dirixida por Marga Fernández e Queta Soto.

Todos eles recibirán un premio, de igual cuantía, por un total de 250 Euros, doados por Caixa Nova, ACTO que terá lugar o próximo venres día 20 ás oito da tarde no salón de actos do Ateneo Ferrolán.» (Ateneo Ferrolán)

Entrega en Sarria do VIII Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño

O venres 18 de abril terá lugar no hotel NH Alfonso IX ás 20:00 a entrega do VIII Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño á poeta Olalla Cociña.
«Comezaremos cun solo da bailarina Carmela Garcia, que interpretará a coreografía “El jardín”, coa que recibiu o Premio á bailarina sobresaínte no XXI Certame Coreográfico de Madrid. A continuación intervirán os membros do xurado Xosé Mª Álvarez Cáccamo, Yolanda Castaño e Martín Veiga, o concelleiro de Cultura do Concello de Sárria Xermán Arias, o alcalde de Sárria Claudio Garrido e a Presidenta da A.C. Ergueitos María Casar. O artista plástico Eduardo Valiña farálle entrega á gañadora dunha peza coa que contribúe a facer do Fiz Vergara Vilariño un encontro das artes. O mantedor do acto será X. A. Neira Cruz.
Remataremos a entrega do premio cunha actuación do dúo formado por Luis Soto (frauta da Real Filharmonía de Galicia) e Xosé Antonio Rodríguez (profesor de guitarra no Conservatorio profesional de Santiago de Compostela) interpretando obras de Piazola, Machado, Satie e Paulino Pereiro. Posteriormente haberá unha cea no mesmo hotel.
Nesta ocasión tamén nos sería moi grato poder terte neste acto que anova en cada edición o noso labor de manter viva a memoria do Fiz e de facer medrar a árbore da poesía cun novo poemario anainado na casa da Espiral Maior.» (María Casar, Presidenta da A. C. Ergueitos)

Entrega en Pontevedra do II Premio Diario Cultural de teatro radiofónico

O 17 de abril ás 20:30 abrirase o Espazo Radioescénico en que se celebrará a entrega do II Premio Diario Cultural de teatro radiofónico, organizado pola Radio Galega en colaboración co Centro Dramático Galego. Será no Teatro Principal de Pontevedra (R/ Paio Gómez Chariño, s/n).

Rubén Ruibal recibiu en Ferrol o “Premio nacional de literatura dramática”

«Os Premios Nacionais de Literatura do Ministerio de Cultura correspondentes a 2007 distinguiron a Vicente Molina Foix, en Narrativa; Olvido García Valdés, en Poesía; José María González García, en Ensaio; e en Literatura Dramática en Rubén Ruibal. Na categoría de Literatura Infantil e Xuvenil, a distinción recaeu en Jordi Sierra i Fabra; e en Historia de España en Luís Gil Fernández. […]» (Galiciae)

Carlos Penela gaña o Premio de Poesía Caixanova

«O xurado do VI Premio de Poesía Caixanova decidiu onte outorgarlle o galardón a Carlos Penela Martín pola obra Sombras, rosas, sombras. O certame, con 12.000 euros, un dos mellor dotados de Galicia, é dos máis importantes que se convocan nas diferentes linguas do Estado.

O xurado, composto por Luís González Tosar, escritor e presidente do PEN Clube de Galicia; Marilar Aleixandre, gañadora do V Premio de Poesía Caixanova; Dolores Sánchez Palomino, profesora da Universidade da Coruña; Bieito Arias Freixedo, profesor da Universidade de Vigo, e Xosé Manuel Salgado Rodríguez, profesor na Universidade de Santiago, decidiu por unanimidade entregarlle o galardón ó texto de Penela pola súa “solidez poética”, tanto no aspecto formal coma no desenvolvemento dunha linguaxe innovadora e o mantemento da tensión estética. […]» (Galicia-Hoxe)

Carlos Losada gaña o II Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil

«De Game over, o xurado salientou o “bo ritmo” da obra, as súas “boas posibilidades escénicas” e a “frescura” da linguaxe. Subliñou que o texto é “doado de seguir” para a mocidade e introduce unha “mensaxe moi actual”: o illamento ao que se someten na actualidade os pequenos por mor do mundo das máquinas. En Game over cóntasenos a viaxe de Roi ao país das súas marabillas, dos seus xogos e dos seus medos.» (Vieiros)

Rubén Ruibal gaña o “Premio nacional de Literatura Dramática por “Limpeza de sangue”

Limpeza de sangue (o sangue fai ruído) de Rubén Ruibal (Ribadeo, 1970) foi a obra gañadora do XIV Premio Álvaro Cunqueiro para Textos Teatrais do ano 2005. A súa edición a cargo de Edicións Xerais por convenio co IGAEM resultou merecente do Premio Nacional de Literatura na modalidade de Literatura Dramática por parte dun xurado composto por trece persoas entre as que está, pola Real Academia Galega, Rosario Álvarez Blanco. Segundo a recensión de Inma López Silva sobre esta obra, “Rubén Ruibal amósasenos aquí coma un autor de talento que constrúe unha obra de estrutura cinematográfica, constituída por escenas que desenvolven un argumento ben dosificado”. (culturagalega.org)