Entrevista
a Carlos Callón en A Nosa Terra:
‘(…) – A Nosa Terra (ANT): Na fiinda do libro [Amigos e sodomitas] repara en que na investigación histórica moitas veces o máis complicado é crebar inercias e preconceptos para poder “ver” a auténtica realidade.
– Carlos Callón (CC): Ese exercicio é moi necesario. Ao preparar esta obra encontreime con que había unha falsificación da historia da sexualidade e unha falsificación da historia de Galiza. A documentación é clara sobre determinados asuntos pero moitos estudosos obvian o que ven e impoñen o seu criterio. E por iso se silencia a loita da nobreza galega por maior independencia no reinado de Afonso X de Castela –con Estevan de Castro á cabeza, acusado de sodomita– ou se traduce sistematicamente a Gallaecia dos textos por Reino de León.
– ANT: Tendo en conta esas carencias da historiografía, hai moito por descubrir na historia de Galiza?
– CC: Hai moita descubertas por facer para os historiadores da Idade Media galega. Aínda hoxe pesa máis a ideoloxía que o rigor académico e iso fai que as conclusións históricas sexan falsas. No caso de Amigos e sodomitas xa houbo críticas poñendo a pedir pan o libro tres meses antes de que fose editado. Curiosamente, neste intre vemos que os estudos históricos minorizados, marxinados nos grandes centros de estudo, son os que meirande rigor académico teñen. (…)
– ANT: O roubo do Códice Calixtino alertou sobre a situación do noso patrimonio medieval.
– CC: Está caendo a cachos. Os documentos ou están sen coidados como no caso do códice ou foron levados para Madrid, caso do Tombo de Celanova. O caso desoutro códice tamén é interesante. A pesar de ser unha fonte documental fundamental da Galiza medieval tivo a súa primeira edición na década do 1990 e dixitalizouse, en fotos, hai só uns meses. Pero estes casos son simbólicos do que pasa co románico ou con outras mostras históricas ou artísticas, abandonadas, sen protección pública, ao coidado de institucións que non o resgardan senón que simplemente o patrimonializan.’
Arquivo da categoría: Historia
Carlos Callón: “Tralo armario da Idade Media”
“Co
ensaio Amigos e sodomitas. A configuración da homosexualidade na Idade Media, o filólogo e presidente da Mesa pola Normalización Lingüística Carlos Callón (Ribeira, 1978) achégase ao descoñecido mundo da homosexualidade na Idade Media galega. Para Callón, na Alta Idade Media existía un clima moito máis propicio á homosexualidade que comezou a crebarse, a instancias do poder relixioso, na Baixa Idade Media, entre o século XI e o XV. Paseamos con Callón polas rúas de Compostela para coñecermos máis en detalle algunhas das interesantes historias deste libro nos mesmos espazos nos que sucederon, hai centos de anos. A Compostela medieval está chea de referencias históricas que permiten comprender a evolución do pensamento da Igrexa e da sociedade cara a homosexualidade ao longo de centos de anos. Carlos Callón deseñou un roteiro que permite coñecer historias persoais e cambios culturais a través das pedras e rúas da cidade vella de Compostela (…).” Pódese consultar o artigo completo en Cultura Galega.
Santiago: actos da Asociación Cultural O Galo para o luns 18 de xullo
O
luns 18 de xullo, a Asociación Cultural O Galo súmase aos actos de lembranza desa data coas seguintes actividades:
– Ás 12:00 h., na Praza do Toural, conxuntamente co Equipo de Normalización Lingüística da Escola Oficial de Idiomas de Santiago, exporanse algunhas das estampas de guerra de Castelao, no ano no que ademais celebramos o 125 aniversario do seu nacemento, exposición que se tentará manter na rúa até o domingo 24 de xullo.
– Ás 14:00 h., na Alameda de Santiago, terá lugar un acto de homenaxe popular apoiado polo Galo e o Ateneo de Santiago ás irmás Fandiño, ás Marías, como lembranza tamén a todas as persoas que sufriron a represión do fascismo desde o 18 de xullo do 36. Contarase con intervencións poéticas e musicais, ademais de coa presenza das flores de todas as cores que os e as asistentes levarán ás irmás Fandiño.
Ribeira: presentación de Amigos e sodomitas, de Carlos Callón
O
sábado 2 de xullo, ás 19:00 horas, no Ateneo de Ribeira, preséntase o libro Amigos e sodomitas. A configuración da homosexualidade na Idade Media, de Carlos Callón, Premio Vicente Risco de Ensaio 2011, e publicado en Sotelo Blanco, dentro dos actos de celebración do Día do Orgullo Gai, Lésbico, Bisexual e Transexual.
Cacheiras (Teo): presentación de A historia secuestrada polo franquismo, de Manuel Monge
O
venres 1 de xullo, ás 20:30 horas, na Mediateca Municipal O Grilo de Cacheiras (Teo), preséntase o libro A historia secuestrada polo franquismo, de Manuel Monge, publicado en Laiovento, dentro das actividades que A Oliveira de Teo realiza para a recuperación da Memoria Histórica. No acto participará, acompañando ao autor, Francisco Pillado.
Nigrán: presentación das Actas do Congreso Emigración e educación (1900-1936)
O mércores 22 de xuño, ás 13:00 horas, no IES Escolas Proval de Nigrán, presentarase o libro que recolle as Actas do Congreso Emigración e educación (1900-1936). Iº Centenario das Escolas da Unión Hispano-Americana Valle Miñor (1909-2009), organizado polo Instituto de Estudos Miñoranos, e que recolle as aportacións, entre outros, de Ramón Villares, Antón Costa ou Xosé Manuel Beiras, coordinados polo profesor Xosé Manuel Malheiro.
A Coruña: conferencia de Uxío-Breogán Diéguez sobre Alexandre Bóveda
O
martes 21 de xuño, ás 20:30 horas, na Agrupación Cultural Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º) da Coruña, e con entrada libre até completar capacidade, dentro do ciclo de conferencias en conmemoración do 75º cabodano do asasinato de Alexandre Bóveda, Uxío-Breogán Diéguez Cequiel falará de A. Bóveda e a cuestión estatutaria.
Aranga: lectura de poemas na Inauguración do monumento de homenaxe ás persoas asasinadas polo franquismo nas fosas de Aranga
O
sábado 18 de xuño inaugúrase un monumento de homenaxe ás persoas asasinadas polo franquismo nas Fosas de Aranga, nun acto organizado pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica, co seguinte programa de actos:
– 19:00 h. Inauguración dunha placa na fosa de Santa Mariña, en Guitiriz.
– 20:30 h. Inauguración do monumento no Campo da Festa de Aranga.
Nestes actos haberá a lectura de poemas de Manuel Rivas e Claudio Rodríguez Fer.
– 21:00 h. Festival musical coa actuación de A Quenlla, Os Tres Trebóns e Zënzar, tamén no Campo da Festa de Aranga.
O monumento, obra do escultor Xosé Valle Díaz, Valdi, levará o seguinte poema de Salvador García Bodaño:
AOS MÁRTIRES
Érguense vitoriosos sobre a Historia
os vosos nomes nobres e valentes,
que aquí repousan cos corpos xacentes
como un fito que se alza na memoria.
Aos pobos só os derrota a desmemoria.
Nunca a aqueles que son de si conscientes,
que son da nación súa fillos crentes
o destino lles nega a súa gloria.
E non morreu aquí, non fusilaron,
a nosa ansia total de liberdade,
nin unha e outra vez logo a mataron.
Non se pode destruír a identidade
deste pobo por mais de que o intentaron.
Non se pode matar a realidade.
Doutra volta aquí estamos, renacidos,
na mesma loita irmáns, nunca vencidos.
Máis información sobre o acto aquí.
Guitiriz: presentación do libro A fosa do cemiterio de Vilarraso (Aranga), de Emilio Grandío e Eliseo Fernández
O xoves 16 de xuño, ás 20:00 horas, no local da A. C. Xermolos (Casa das Palabras), en Guitiriz, preséntase o libro A fosa do cemiterio de Vilarraso (Aranga), de Emilio Grandío e Eliseo Fernández, coa participación deste último, acompañado por Alfonso Blanco, Baldomero Iglesias “Mero” e Santiago Fernández.
O Barco: presentación de O lecer das augas
O
venres 17 de xuño, ás 20:30 h., no edificio multiusos do Concello de O Barco de Valdeorras, presentación de O lecer das augas. Historia dos balnearios en Galicia. 1700-1936, publicado en Galaxia. Participan no acto Aurelio Blanco Trincado, Felipe Senén e Luís Alonso Álvarez, que falará en nome dos tres autores do libro.