“Palabras de mulleres”, encontro de poetas en Lugo

Este evento terá lugar os días 9, 10 e 11 de maio de 19:00 a 21:30 horas no Centro Cultural Uxío Novoneyra (Lugo). Constituirá un espazo no que se debaterán, investigarán e intercambiarán coñecementos sobre o traballo desenvolvido ao longo da historia polas poetas galegas. Participarán as seguintes poetas: Marilar Aleixandre, Lupe Bao, Carmen Blanco, Marica Campo, María do Cebreiro, Cristina Corral Soilán, Emma Couceiro, Estíbaliz Espinosa, Ma. Sara Fernández, María Lado, e Helena Villar Janeiro.

Presentación de “Dun tempo e dun país”, de Manuel Caamaño

O venres 27 de abril, ás 20:30 h., na Casa de Cultura “Avilés de Taramancos” de Noia preséntase Dun tempo e dun país, do escritor Manuel Caamaño Suárez. O acto contará coa participación do autor, de Xosé Manuel Beiras Torrado e de Pedro García Vidal. Tamén será presentado o número 24 do suplemento cultural A voz de Barbantia.

Presentación de dous novos libros de Xosé Chao Rego

As obras Iglesia y franquismo. 40 años de nacional-catolicismo (1936-1976) e Iglesia y posfranquismo. 17 años de transición (1976-1992), de Xosé Chao Rego, serán presentadas na Galería Sargadelos de Compostela (Rúa Nova, 16). Intervirán no acto Bernardo García Cendán (profesor de Socioloxía na Universidade de Santiago), X. Amancio Liñares Giraut e Antonio Puentes Chao (directores editoriais de 3C3) e o propio autor.

Presentación de “Ramón Martínez López”, de X. Amancio Liñares Giraut

A obra biográfica Ramón Martínez López, de X. Amancio Liñares Giraut, será presentada no Auditorio da Casa da Cultura Ramón Martínez López, en Boiro, o sábado 21 de abril ás 20:00 horas. No acto intervirán o concelleiro de cultura de Boiro, Xerardo Piñeiro, o escritor e membro da Fundación Castelao, David Otero, o alcalde de Boiro, Xosé Deira, e o propio autor.

Presentación dunha antoloxía dos Premios Esquío (1981-2006)

O día 21 de abril, sábado, a Sociedade de cultura Valle-Inclán de Ferrol honrará o Patrimonio de Feira Antiga na Arquitectura dos Pendellos d’Agolada coa celebración dos seus 25 anos (máis un) de existencia, na coordinación do Premio Esquío de poesía (galego e castelán). Neste contexto terá lugar a presentación do libro Poesía viva, pura poesía (Antoloxía dos Premios Esquío: 1981-2006), e un recital dos poetas premiados conducido por Vicente Araguas. Entre os poetas que xa teñen confirmada a súa asistencia figuran: María do Carme Álvaro, Ramón Caride, Baldomero Iglesias Dobarrio, Fernández Abella, David Otero, Elvira Riveiro Tobío e Ángel Utrera Baza.

Preséntase en Compostela «Clío nas ondas», de Ramón Villares

No acto de presentación de Clío nas ondas. De libros, persoas e sazóns de Ramón Villares intervirán Virxilio Costas (director da Radio Galega), Ana Romaní (directora do Diario Cultural da Radio Galega e autora do epílogo do libro), Amancio Liñares (director editorial de tresCtres) e o propio autor. Terá lugar no Club Internacional de Prensa (Avda. da Coruña, 6-Baixo, Santiago de Compostela) o mércores 11 de abril ás 12:00 hs.