A Coruña: presentación de O Soldadiño de Chumbo

O sábado 12 de febreiro ás 12:00 h., no CGAI (Rúa Durán Loriga, baixo) da Coruña, preséntase o clásico de Hans Christian Andersen, O Soldadiño de Chumbo, publicado por Galaxia, e que vén acompañado do DVD coa película producida por Continental, do que tamén se preparou unha unha aplicación para iPad. No acto intervirán Tomás Conde e Virginia Curiá, directores da película, e o editor do libro, Francisco Castro. Visionarase a película e os asistentes poderán experimentar coa aplicación do conto para iPad.

Santiago: presentación de Na cerna da selva, de Pere Tobaruela

O mércores 9 de febreiro, ás 20:00 h., na Biblioteca Ánxel Casal (Avenida Xoán XXIII, s/n.), de Santiago de Compostela, presentación do libro Na cerna da selva, de Pere Tobaruela, publicado en Sotelo Blanco Edicións. No acto participan, acompañando ao autor, Ánxela Gracián e Arantxa Serantes.

Manuel Rivas participa no Día Mundial das Linguas Maternas na UNESCO, e comeza a publicación da súa obra en Brasil

Os escritores Manuel Rivas e Kirmen Uribe foron convidados a participar, os días 7 e 8 de febreiro, nos actos de celebración do Día Mundial das Linguas Maternas da UNESCO na sala dos Dereitos Humanos en Bruxelas, onde impartirán cadanseu recital poético nas súas respectivas linguas maternas, galego e eúscaro, con acompañamento musical. Ademais, ambos os dous escritores participarán en diversos actos, encontros e conferencias. Por outra banda, a editorial brasileira Tinta Negra (São Paulo) publica este mes de febreiro Que me queres, amor?, de Manuel Rivas, o primeiro chanzo para a publicación da obra completa de Rivas, responsabilidade que asume esa editora para todo o Brasil. A nova ven a través de Xerais. Aparece recollida tamén en Galicia Hoxe.

Pontevedra: 12ª edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil

A 12ª edición do Salón do libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra abre as súas portas o domingo 6 de febreiro baixo o título É mentira, con múltiples actividades: obradoiros, teatro, maxia, conferencias, contacontos, circo…, etc., e que terán lugar até o sábado 19 de marzo. Adxuntamos o programa completo: Programa Salon do Libro Infantil e Xuvenil febreiro 2011.