Galicia acollerá un centro internacional de Literatura Infantil e Xuvenil

«A Biblioteca Nacional que comezará a funcionar en 2009 na Cidade da Cultura albergará un Centro IBBY de Literatura Infantil e Xuvenil para a Diversidade Cultural. Será o segundo centro que a International Board on Book for Young Peple (IBBY) difunda e promova, despois da creación do primeiro en Oslo (Noruega) en 1985. […]

O centro converterase na primeira biblioteca internacional especializada nas linguas minorizadas ao atesourar todos os fondos da IBBY destas culturas. O principal obxectivo desta instalación será o estudo, a difusión e a promoción dos libros para nenos e mozos das culturas minorizadas para “facelas visibles no mundo”. Para iso, contará cunha ferramenta virtual que permitirá o acceso aos seus contidos dende calquera lugar do mundo. […] »

Xesús Fraga falará na Coruña sobre os seus autores fundamentais

O próximo martes 1 de abril, na Biblioteca Municipal Infantil e Xuvenil da Coruña (Rúa Durán Loriga, 10, Baixo), Xesús Fraga falará sobre Michael Bond, Tolkien, Roald Dahl, Gerald Durrell, Auster, Cunqueiro, Ignacio Aldecoa, Martínez de Pisón e outros autores fundamentais para a formación literaria en xeral e, en concreto, para os participantes no “Taller de escritura para adolescentes” de dita biblioteca.

Presentación en Boloña da revista Bloc

O martes 1 de abril de 2008, ás 10:00 horas no Translators Centre (Hall 30, Stand A41) terá lugar a presentación do número 1 de Bloc, revista internacional de arte e literatura infantil, na Feira do Libro Infantil de Bolonia. Participarán: Xabier P. DoCampo (director), Gerardo Domínguez (diseñador) e Teresa Duran (especialista en literatura infantil).

“Educar para ler”, campaña de animación á lectura da Galería Sargadelos de Ferrol

A Galería Sargadelos Ferrol realizará este sábado 1 de Marzo de 11 a 13 horas da mañá unha nova sesión da campaña de animación á lectura “Educar para ler” que ven realizando nos últimos anos. Nesta ocasión, a encargada da actividade é a actriz e escritora Fusa Guillén, quen traballará cos libros Pampón tiña razón e O segredo de Daniel, ámbolos dous pertencentes ao Colectivo Garola.

Preséntase en Compostela As pantasmas sodes do que non hai, de Amadeo Cobas

O próximo 22 de febreiro, ás 20:00 horas, na libraría Couceiro (Praza de Cervantes) de Santiago de Compostela, presentarase a obra As pantasmas sodes do que non hai (Sotelo Blanco Edicións, col. 12X22). Para alén do autor do libro, Amadeo Cobas, intervirán Yolanda Castaño (poeta) e Ánxela Gracián (directora da colección 12×22 e representante da editorial Sotelo Blanco).

O neno do pixama a raias, de irlandés John Boyne, preséntase na Coruña

A editorial Faktoría K vén de publicar en galego O neno do pixama a raias, o éxito literario do escritor irlandés John Boyne, traducido por Daniel Saavedra, do que se levan vendido millóns de exemplares en todo o mundo. A obra, que forma parte da nova colección Narrativa K, presentarase na FNAC da Coruña este xoves día 31 de xaneiro, ás 19:30 horas.