“O
escritor Manuel Rivas e o filólogo John Rutherford foron nomeados o 17 de outubro doutores Honoris Causa pola Universidade da Coruña. A Mesa do Claustro da Universidade da Coruña aprobaba as distincións, confirmando a proposta que saíra da Facultade de Filoloxía. Encol de Manuel Rivas, a entidade considerou que se trata o “máis senlleiro escritor coruñés vivo e un dos máis polifacéticos e relevantes creadores en lingua galega”. Pola súa banda, Rutheford foi recoñecido como ” un dos máis importantes valedores internacionais da cultura galega” co seu traballo desde a Universidade de Oxford. Aínda non se estableceu data para o acto do duplo nomeamento.” Vía Cultura Galega.
Arquivo da categoría: Institucións
Cultura anula a convocatoria das axudas ao funcionamento de asociacións e fundacións
‘O Diario Oficial de Galicia recolle hoxe, martes 18 de outubro, a anulación da orde pola cal se convocaban axudas ao funcionamento de asociacións e fundacións. A Consellería de Cultura “deixa sen efecto” a convocatoria publicada no DOG do 13 de xuño, que contemplaba axudas por valor de 50.000 euros para 2011 e de 250.000 euros para 2012. Segundo a Xunta de Galicia, “con motivo da política orzamentaria, que implica o necesario equilibrio entre ingresos e gastos, resulta necesario efectuar un axuste nos créditos inicialmente asignados”. O departamento de Roberto Varela sinala que esta decisión tómase “co obxectivo de cumprir a normativa en materia de estabilidade orzamentaria e déficit público”.’ Vía Cultura Galega.
A Universidade da Coruña propón facer honoris causa a Manuel Rivas
“O
claustro da Universidade da Coruña decidirá o lunes 17 de outubro se aproba distinguir co título de doutor honoris causa ao escritor Manuel Rivas. A proposta deste recoñecemento partiu da Facultade de Filoloxía, cuxa xunta decidiu elevar ao claustro a decisión. (…)” Vía La Opinión. Tamén en Galaxia e Xerais.
O Parlamento avala o 2012 como o ano de Celso Emilio Ferreiro
‘Os
tres grupos con representación no arco parlamentario galego acordaron este martes [11 de outubro], a instancias do PP, “honrar a figura de Celso Emilio Ferreiro” no centenario do seu nacemento. Deste modo, ao longo de 2012, programaranse diferentes actividades de “promoción e difusión” para dar a coñecer a súa biografía e a súa obra. Malia o acordo do pleno da Cámara, o debate sobre esta iniciativa, que insta á Xunta a elaborar un catálogo de actuacións e a buscar a colaboración doutras entidades para difundir a súa obra e dar a coñecer a súa “actividade política de compromiso con Galicia e en defensa dos valores democráticos”, non estivo exento de polémica (…)’ Galicia Hoxe. Tamén en La Voz de Galicia, La Opinión e Cultura Galega.
A Xunta anuncia axudas á edición de libros e normalización nos concellos para 2012
“A edición de libros de texto en galego e os equipos de normalización municipais voltarán ter axudas da Xunta nos orzamentos de 2012. Anxo Lorenzo, secretario xeral de Normalización Lingüística anunciou onte, na súa comparecencia ante o Parlamento, a vindeira publicación de dúas convocatorias con este obxecto. Ademais, no caso das axudas a concellos, a convocatoria será para 2011-2012, de xeito que as entidades locais poderán imputar os gastos xa realizados este ano á mesma. Lorenzo adiantou que na orde “primará no reparto de axudas os concellos que xestionen de forma responsable e que aposten pola fusión de servizos”. Precisamente para finais deste mes farase o acto oficial de presentación da Rede de Normalización Lingüística, á que xa se adscribiron case cen entidades.” Vía Cultura Galega.
A Xunta non convocará os certames Xuventude Crea este ano
“Nin
banda deseñada, nin premio Tesoira de novos deseñadores, nin teatro nin música nin poesía nin videocreación. Como xa temían moitos sectores por mor do atraso na súa convocatoria, Xuventude Crea, o Certame galego de Creadores Novos, non se convocará este ano en ningunha das súas categorías. Segundo confirma a Consellaría de Traballo e Benestar, os galardóns considerados dos máis importantes e mellor dotados do país nos seus diferentes ámbitos, sofren tamén os recortes orzamentarios e están nunha fase de reformulación. Desde a Consellaría sinalan que aínda non está decidida a fórmula da convocatoria para 2012, a contía nin as categorías que se desenvolverán.” Vía Cultura Galega.
O historiador Pegerto Saavedra ingresará na Real Academia Galega
“Pegerto Saavedra Fernández
(A Fonsagrada, 1951), catedrático de Historia Moderna da Universidade de Santiago de Compostela, será o novo membro da Real Academia Galega. A entidade tomou esta decisión no plenario desenvolvido o venres 30 de setembro, no que decidiron que sexa este historiador o que ocupe a vacante deixada por Francisco Xavier Río Barja. Nesa mesma xuntanza, o plenario tamén acordou facer oficial as propostas de Giulia Lanciani como Académica de Honra, e de Ana Isabel Boullón Agrelo, Xosé Henrique Costas González, Gonzalo Navaza Blanco e Antón Palacio Sánchez como Académicos Correspondentes.” Vía Cultura Galega.
O Pen Clube de Galicia renova a Luís González Tosar como presidente
“Era
a única candidatura presentada e a asamblea do Pen Clube de Galicia aprobouna por unanimidade. O escritor Luis González Tosar foi reelexido como presidente, no que estará acompañado de Úrsula Heinze como vicepresidenta, Miro Villar, como secretario e Bieito Iglesias como tesoureiro. Entre as primeiras medidas, o reelexido presidente reivindicará ante a Consellaría de Cultura a inclusión a comisión do libro, así como buscará apoios para celebrar a cuarta Bienal Internacional do PEN que ten previsto celebrarse en Santiago en xuño de 2012.” Vía Cultura Galega.
Santiago: I Conferencias Internacionais do Libro en Galicia
O Clúster do Libro organiza as I Conferencias Internacionais do Libro co obxectivo de crear un punto de encontro do noso sector con outras experiencias e outros mercados atractivos. Celebraranse o luns 26 de setembro no Auditorio da Biblioteca de Galicia da Cidade da Cultura, co seguinte programa:
– 11:00 h. Inauguración conferencias: Daniel Buján Núñez, Subdirector Xeral de Bibliotecas, e Alfonso García Sanmartín, Presidente do Clúster do Libro.
– 11:30 h. Vicente Paz (editor e representante de Leya Portugal): O sector do libro brasileiro o as posibilidades do libro galego nos seus mercados naturais.
– 13:00 h. Amelia Guardiola (representante para Europa da Feira Internacional do Libro de Guadalajara): O intercambio de dereitos e a oportunidade de negocio no contexto da Feira Internacional do Libro de Guadalajara.
– 16:30 h. Jonathan Dunne (filólogo e tradutor literario): Posibilidades de produción e difusión do libro galego no ámbito anglosaxón a través dos novos soportes de comunicación.
– 18:00 h. Natalia Dudek (axente literaria): Posiblidades de internacionalización do libro galego nos novos mercados asiáticos.
– 19:30 h. Clausura conferencias.
Compostela acollerá a IV Bienal Literaria do PEN Clube en 2012
“Escritores de todo o mundo achegaranse a Compostela na primavera de 2012 para participar na IV Bienal Literaria do PEN Clube. A delegación galega desta organización encargarase de organizar este prestixioso encontro, segundo se acordou no recente Congreso Mundial de Escritores que se celebrou en Belgrado. A delegación galega que asistiu a este evento acordou tamén incorporar as nosas letras ao proxecto Diversity que traduce e pon na rede textos de diversas literaturas.” Vía Cultura Galega.