O sector cultural ve con reticencias a remodelación do goberno

Desde Cultura Galega:
““Considero que é un paso atrás” aseguraba Manuel Bragado, presidente da Asociación Galega de Editores. A adscrición das competencias de Cultura en Educación, desaparecendo a actual consellaría de Cultura e Turismo, é vista pola Asociación de Actores e Actrices, como “unha mostra máis do desmantelamento da cultura galega”, en palabras de Casilda Alfaro, vicepresidenta da Asociación Galega de Actores e Actrices de Galicia (AAAG). Outras entidades, como Agapi, optan por esperar a que se coñeza todo o organigrama. “É unha mensaxe que o goberno nos fai para o noso autogoberno ao emular o Ministerio de Cultura de Madrid xa desaparecido. Pero a situación é diferente porque o ministerio desaparece porque están transferidas ás comunidades autónomas” puntualizaba Bragado, quen considera que a austeridade dun goberno “non depende do número de consellarías como da eficacia na xestión”. Nese sentido, Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, apunta que “depende máis dos recursos que do feito de dispor un departamento propio”. Con todo, o sentir maioritario é o de agardar ata que se coñeza a estrutura orgánica deste departamento. “Hai que agardar a organización, e ver se mantén a Dirección Xeral do Libro. Unha vez publicado haberá que estudar o organigrama e ver que se manteñen os compromisos de futuro” puntualizaba Bragado. Desde a AAAG teñen convocada unha xuntanza para este xoves co obxecto de facer unha valoración oficial do colectivo ante esta situación.”

Desaparece a Consellaría de Cultura e Turismo na remodelación da Xunta

“Alberto Núñez Feijoo deu a coñecer hoxe, martes 3 de xaneiro, a remodelación do seu equipo de goberno de cara á recta final da súa lexislatura. A no organigrama da nova Xunta desaparece a Consellaría de Cultura e Turismo repartindo as súas competencias actuais entre outros departamentos. De tal xeito, a área de Cultura intégrase en Educación que mantén á súa fronte a Jesús Vázquez. As competencias de turismo pasan a ser asumidas directamente polo presidente da Xunta.” Vía Cultura Galega.

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega pide a dimisión do Valedor do Pobo

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) recibe con profundo malestar a información que algúns medios de comunicación ofrecen no día de hoxe á cidadanía, a respecto de o Valedor do Pobo terse dirixido á Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria para que se retire ‑do mercado e das aulas nas que está en activo‑ un libro de texto de Coñecemento do Medio, en Educación Primaria, por recoller de xeito literal o disposto a respecto da lingua galega polo Estatuto de Autonomía no seu artigo 5.1., «A lingua propia de Galicia é o galego»; petición acollida, de xeito inmediato, por parte da propia Consellería de Educación, indicando que instará á editorial a «que corrixa con carácter definitivo» as próximas edicións da obra e advertíndo de que «En caso contrario teriamos que adoptar as decisións oportunas por parte da Administración educativa.»

Esta negación e deslexitimación da redacción do propio Estatuto de Autonomía é considerada pola AELG como unha gravísima actuación que ataca o principal soporte legal protector da nosa lingua (a súa consideración como propia e oficial), promovida como un ataque manipulador contra o principal trazo identificador do que somos e representamos no actual marco plurilingüe e pluricultural do Estado español.

A AELG quere deixar constancia pública da súa valoración como absolutamente inadmisíbel deste feito, un ataque máis á nosa lingua que nunca debeu terse producido, máxime tendo en conta que procede daquelas autoridades e organismos que deberan centrar a súa preocupación e esforzo en cumprir cos principais mandatos legais a este respecto: a súa protección real e promoción desprexuizada.

Desde a AELG, agardamos unha rectificación inmediata por parte do Valedor do Pobo, así como a súa dimisión, pois en reiteradas ocasións ten manifestado o incumprimento das súas funcións a respecto da defensa do galego como lingua normalizada.

Recollido en Galicia Hoxe e Baía Edicións.

“A Xunta elimina as axudas para os libros de texto e a promoción local do galego”

“A Xunta de Galicia deixa sen efecto as convocatorias publicadas en marzo para as subvencións de entidades locais de Galicia para a promoción do uso da lingua galega e as axudas para a edición en lingua galega de recursos didácticos curriculares para niveis non universitarios. Así vén publicado no Diario Oficial de Galicia, que hoxe (venres 9 de setembro) recolle senllas ordes promovidas pola Consellería de Educación (…)”. Vía Xornal. Tamén en Galaxia.

A Xunta impulsa a finalización do novo dicionario da Real Academia Galega

“A Consellaría de Educación e a Real Academia Galega (RAG) asinaron onte un convenio de colaboración para avanzar na investigación do galego. Este novo acordo entre ambas institucións abordará tres vertentes do galego: a terminolóxica, a lexicográfica e a sociolingüistica. Trala sinatura, o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, reiterou o “compromiso” da Xunta no avance das investigacións en torno ao galego. Pola súa banda, o presidente da RAG, Xosé Luís Méndez Ferrín, agradeceu o “entendemento” coa Xunta aínda que pediu máis fondos para a Academia. Un dos traballos máis importantes que se levará a cabo a partir deste acordo é a investigación terminolóxica. O novo proxecto do Termigal, que xa traballa neste aspecto, suporá o “avance nos traballos terminolóxicos da RAG”. O Termigal, servizo de terminoloxía científico-técnica en lingua galega, verá aumentado o seu ámbito de traballo durante o próximo ano. Ademais da atención ás consultas terminolóxicas, o Termigal encargarase de recoller e preparar a terminoloxía galega de botánica. Tamén elaborará a parte galega do dicionario de terminoloxía económica do Vocabulaire Panlatin du Marketing Économique da Rede Realtier. Os traballos relativos o ámbito lexicográfico centraranse na finalización da nova edición do dicionario da RAG no que se comezou a traballar no ano 2001. E a actualización do versión bilingüe –castelán-galego– do dicionario. Este convenio afondará na situación actual do galego na sociedade. Trátase dunha investigación sociolingüística sobre o galego na actualidade, a súa evolución e os cambios que sufriu o idioma o longo da historia. Dentro deste convenio recóllese tamén o fomento de proxectos para levar o galego ao estranxeiro. É o caso do XXIV Curso de Lingua e Cultura Galegas para Estranxeiros e Españois de fóra de Galicia que se desenvolve durante este mes na USC e no que participan 90 estudantes de vinte países. (…)” Vía Xornal. Tamén en Cultura Galega.