Arquivo da categoría: Institucións
A AELG congratúlase polos avances lexislativos en relación ao Panteón de Galegos Ilustres
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega congratúlase pola aprobación por unanimidade dos tres grupos con representación no Parlamento Galego da lei que permite sacar do limbo xurídico o Panteón de Galegas e Galegos Ilustres, que será xestionado por unha fundación na que terá un papel central o propio Parlamento, e que se identificará como símbolo de Galiza.
Este é o inicio do camiño para que chegue a bo fin a nosa reivindicación de que o Panteón sexa, ademais de accesíbel publicamente e destinado a usos laicos, un espazo civil de titularidade pública, o que vimos defendendo xa desde 2010, cando a AELG celebrou un acto cívico e reivindicativo en lembranza do traslado dos restos mortais de Rosalía de Castro, ao tempo que promoveu que se garantise o acceso público ao Panteón.
Non sería entendíbel que estea en mans privadas un dos símbolos da nación recentemente recoñecidos, polo que resolver esta situación de anomalía histórica é unha necesidade que non pode ser demorada.
A Real Academia Galega dedicaralle o Día das Letras Galegas 2024 a Luísa Villalta
Desde a Real Academia Galega:
“O pleno da Real Academia Galega acordou dedicarlle o Día das Letras Galegas 2024 a Luísa Villalta (A Coruña, 1957-2004), cadrando co vixésimo aniversario do seu pasamento. Creadora dunha obra singular e sólida que a converteu nunha das grandes figuras da literatura galega que emerxeron na segunda metade dos anos 80 e primeiros 90, o 17 de maio de Luísa Villata será unha ocasión excepcional par reivindicala en toda a súa amplitude como a intelectual que foi. A autora coruñesa foi unha escritora para facermos pensar o mundo contemporáneo, a través dunha obra marcada polo pensamento apaixonado, a procura do rigor e tamén a exploración estilística. O cruzamento entre a poesía e a música é outro dos trazos definitorios dunha autora recoñecida sobre todo como poeta, pero que tamén cultivou con talento o teatro, a narrativa de ficción, o ensaio, o articulismo e a tradución.
Todos eses perfís serán motivo de atención o ano que vén arredor dunha celebración que permitirá actualizar e ler a súa figura á luz de novos marcos de análise, e tamén ao abrigo dos afectos que a súa personalidade segue a xerar.
“Luísa Villalta é unha intelectual. A lóxica, a razón, o pensamento configuran o humus no que enraíza un dos trazos máis significativos da súa voz. Unha poeta do pensamento, en palabras de Pilar Pallarés [poeta da mesma xeración], que empregaba a poesía para pensar o mundo contemporáneo, como ten subliñado Arturo Casas”, expón a proposta sometida a votación este mediodía. “Os acentos da súa voz, os focos da súa obra, o alento da súa escrita fan dela unha autora que sorprende na singularidade e pon de relevo, unha vez máis e fóra de estereotipos, a amplitude do campo literario que se estende en trazos de autoras únicas”, prosegue o texto.” (…)
O Plenario do Consello da Cultura Galega incorpora a Xavier Queipo
Desde o Consello da Cultura Galega:
“O Consello da Cultura Galega (CCG) realizou no serán do 28 de xuño unha sesión plenaria ordinaria. Nela a presidenta, Rosario Álvarez, deu conta do conxunto de accións do segundo trimestre, no que se levaron a cabo 34 actividades, das que o 46% se desenvolveron fóra de Santiago de Compostela. Ademais, fixo un balance do foro Pensar o mundo dende Galicia, co que a institución celebra o seu 40º aniversario. Tamén se aprobou a incorporación de Xavier Queipo (Santiago, 1957) ao plenario do CCG na quenda de personalidades electivas, no lugar deixado por Xulio Ríos.”
Montse Pena Presas, Bieito Silva e Diego Rodríguez, novos membros correspondentes da Real Academia Galega en 2023
Desde a Real Academia Galega:
“Na sesión plenaria ordinaria da Real Academia Galega celebrada o 29 de xuño tamén foron elixidos membros correspondentes da institución Bieito Silva, experto de referencia na planificación lingüística escolar e sobre a situación da lingua galega no sistema educativo; Montse Pena Presas, especialista en literatura infantil e xuvenil contemporánea; e Diego Rodríguez, responsable das áreas de patrimonio e cultura da Fundación Barrié.”
Medalla Castelao para Ledicia Costas, Siniestro Total, Susana Rodríguez, Lino de Prado e Rafael López
Desde Nós Diario:
“A escritora Ledicia Costas e a banda Siniestro Total xunto coa deportista Susana Rodríguez Gacio, o empresario Lino de Prado e o oncólogo Rafael López, recibiron as Medallas Castelao de mans do presidente da Xunta de Galiza, Alfonso Rueda, nunha cerimonia que tivo lugar en San Domingos de Bonaval, en Santiago de Compostela.
Á entrega, presidida polo líder da Administración autonómica, asistiron os restantes membros do Goberno galego, o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices; o delegado do Goberno, Pedro Blanco; o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López; o presidente da RAG, Víctor Freixanes; e a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, entre outras autoridades.
A escritora Ledicia Costas foi a primeira en recibir o galardón, “unha verdadeira honra”, dixo, ao ser un recoñecemento “tan cheo de significado”.
Costas recoñeceuse como neofalante e parte dunha das primeiras xeracións escolarizada en galego, que “abrazou” o idioma a través da literatura infantil e xuvenil. “Que valioso é transmitir o idioma e que cousa tan fermosa recibilo así, a través das historias”, comentou. “A lingua galega é o corazón deste país e eu, igual que moitas persoas, facémolo bombear”, defendeu. (…)”
O mundo do libro galego reúnese no acto do 40 aniversario da Asociación Galega de Editoras
Desde a Asociación Galega de Editoras:
“A Asociación Galega de Editoras celebrou o seu 40 aniversario nun acto que tivo lugar este 8 de xuño, ás 19h, no Hotel San Francisco de Compostela, e no que se deron cita representantes do sector do libro galego e das administracións e entidades. O acto arrancou coa proxección dun audiovisual elaborado pola produtora Illa Bufarda que presentaba a traxectoria da AGE ao longo destes 40 anos. O presidente da AGE, Henrique Alvarellos, fixo un percorrido histórico pola edición en Galicia, dende os precursores do século XIX ata a actualidade, deténdose en 1983, cando naceu o gremio, e comparou a situación hoxe coa das orixes da Asociación:
«Media ducia de editoras botaron a andar, en xuño de 1983, a primeira asociación profesional do noso país. Tiñan un dobre obxectivo: crear unha industria editorial galega e conquistar público lector. A industria creouse. Hoxe contamos cunha verdadeira industria editorial galega, somos 46 empresas asociadas e publicamos todo tipo de libros, xéneros ou formatos. Pero a edición galega segue a soportar unhas cifras de vendas moi baixas, menos do 10% do mercado do libro en Galicia».
Por outra banda, reclamou máis visibilidade para o libro galego:
«Non cansaremos de reclamar un gran plan lector para o libro galego, porque a lectura é, ben o sabemos, o motor do coñecemento. Con políticas públicas sedutoras, acertadas, útiles… Fáltannos fiestras, lugares amables onde eses libros galegos teñan visibilidade».
Na súa intervención lembrou a todas as persoas que presidiron esta Asociación, especialmente os que xa non están, Luís Mariño, Carlos Blanco e Alfonso García Sanmartín.
O acto contou cos representantes institucionais do Concello de Santiago, Mercedes Rosón; da Deputación da Coruña, Xurxo Couto; e da Xunta de Galicia, Valentín García, o presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, o presidente da Asociación Nacional de Editores de Libro Educativo (Anele), José Moyano, o director da Federación de Gremios de Editores de España, Antonio Mª Ávila, o presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias, o presidente da Asociación Galega da Crítica, Mario Regueira, entre outros, ademais de presidentes e presidentas desta Asociación dende 1983 e boa parte das editoras asociadas.
As persoas asistentes recibiron de agasallo a obra 100 anos de edición moderna en Galicia, publicada pola Asociación Galega de Editoras e na que colaboran nove especialistas, que afondan na peripecia editorial da nosa terra dende que, hai xusto un século, se puxeran en marcha se puxeran en marcha os considerados primeiros proxectos de edición moderna en Galicia: selos como Céltiga, Lar ou Nós, que tiñan como obxectivo ampliar o público lector en galego, e con este fin crearon, por vez primeira, coleccións editoriais, estratexias de mercado e campañas de publicidade.”
Xusto Beramendi recibe a Medalla de Ouro do Museo do Pobo Galego
Desde Nós Diario:
“Coincidindo coa asemblea do padroado do Museo do Pobo Galego (MPG), o sábado 27 de maio entregóuselle ao historiador Xusto Beramendi, un dos seus fundadores, a Insignia de Ouro da entidade.
O padroado, na súa intervención, recoñeceulle que “os factores considerados para conceder as anteriores insignias de ouro concorren no caso do Dr. Beramendi González”.
Lembraron, ademais, por unha parte, que, “xunto cos xa finados Carlos García Martínez e Rafael Baltar Tojo concibiron a idea de crear o MPG, recollendo arelas históricas do galeguismo e valéndose da plataforma do COAG, ao que estaban vencellados laboral e profesionalmente.”
Por outra, recordaron que “ao longo de moitos anos asumiu responsabilidades de xestión no propio MPG, primeiro como secretario, logo como presidente da Xunta Reitora, e finalmente como presidente do padroado”.
Tiveron en conta desde o padroado, tamén, que “até o último momento levou o leme de MPG para non desviarse dos obxectivos de medre e anovamento” polo que “coherente coas súas ideas, en maio de 2022 para non perpetuarse no cargo renunciou á presidencia do padroado e desbotou a idea de presentarse á reelección”.
Após participar na fundación do Museo do Pobo Galego, exerceu como secretario do padroado entre os anos 1976 e 1986.
Posteriormente, foi nomeado presidente da Xunta Reitora en 2000. Un posto que ocupou até 2011, ano no que foi escollido presidente do padroado.
En abril de 2022 anunciou a súa decisión de retirarse e escolleuse á profesora Concha Losada, daquela vicepresidenta, como nova presidenta.”