Yolanda Castaño no Festival Internacional “Primavera poética” de Lituania

Yolanda Castaño será  desde o día 21 de maio a única representante do estado español no Festival Internacional “Primavera poética” de Lituania. Este festival conta xa con 43 edicións (dende o ano 1965). O encontro constitúe unha consolidada cita no mundo da poesía a nivel mundial e que vai contar este ano e por vez primeira na súa historia cunha autora de literatura galega. (La Voz de Galicia)

Convocatoria australiana sobre a literatura actual

Desde a revista Antípodas (Journal of Hispanic and Galician Studies) chega a convocatoria do número XXII coa intención de documentar o “Panorama da escrita en lingua galega entre os séculos XX e XXI”. É un proxecto que nace da colaboración entre Antípodas (Journal of Hispanic and Galician Studies) e a Universidade da Coruña:

“Convidamos a participar neste volume dedicado a escrita actual en galego a todos os especialistas e investigadores no eido da literatura galega no cambio de século (aproximadamente entre 1990 e hoxe), aínda que tamén poden remitirse artigos en torno a literatura escrita en lingua galega e publicada despois do ano 1975. Antípodas pretende poñer ó día o momento literario de Galicia e, asemade, presentar un panorama dos autores máis novos que están xa a publicar con éxito. Estamos á procura de artigos orixinais que permitan olladas novedosas, diferentes enfoques da crítica, e, nesa mesma liña, aportacións no eido poscolonial, a literatura comparada ou os estudos de xénero. Os traballos deberán versar, preferentemente, sobre a producción literaria de autores en lingua galega que acadaron un certo nivel de notoriedade a partir do ano 1990, e aqueles outros máis novos que están agora acadando os primeiros recoñecementos polo seu labor literario. Antípodas desexa, deste xeito, analizar a situación da literatura en galego e tamén as súas perspectivas cara ó futuro máis inmediato […].”

Prazo para o envío dos traballos completos: 15 de Decembro de 2007. Pódese obter máis información na web da revista.

O Instituto Cervantes en Holanda mostra as letras galegas e o Camiño

Fran Alonso e Lino Braxe ofrecerán un coloquio sobre a literatura galega actual dentro do ciclo España, Crisol de Culturas, que se desenvolverá dende hoxe no Instituto Cervantes de Utrecht (Holanda), e co que se prentede dar a coñecer a diversidade cultural do Estado. (Galicia Hoxe)