Entrevista a Xavier Rodríguez Barrio en Xornal de Galicia:
“(…) – Xornal (X): Esta obra [Calado testamento] conseguiu un premio. Case todos os seus libros gañaron algún galardón. A única forma de poder publicar poesía é gañando algún certame?
– Xavier Rodríguez Barrio (XRB): Non é a única forma, pero para a xente nova que comeza si que pode ser o único camiño. Cando eu publiquei o meu primeiro libro en 1973, non había premios que puidesen apoiar un libro. Había algúns como o Xosé María Chao en Vilalba ou o Castelao, pero pouco máis. Moitos deles non levaban nas bases a publicación do libro. Hoxe por hoxe e tal como está o mundo editorial, resulta complicado. Pero non só a nivel galego, senón a nivel estatal. Galaxia atende a poesía a través da colección Dombate, pero non o fai co ritmo que sería recomendable. Xerais publica moi pouca poesía. Hoxe por hoxe, está Espiral Maior. É insólito que chegue a 200 títulos de poesía publicados. É un esforzo incondicional que fai Espiral Maior a prol da poesía galega.
– X: Está a literatura galega un pouco limitada de galardóns poéticos?
– XRB: O Esquío morreu, por exemplo. E morreron outros. O Celso Emilio, comezara nos oitenta e era un premio que estaba consolidado a nivel de autores e contía económica. E desapareceu poucos anos despois de se crear, creo que a finais dos oitenta. Eses e outros acabaron desaparecendo.
– X: Como definiría Calado testamento?
– XRB: Neste libro tratei de facer unha fondísima e serena meditación sobre a experiencia do tempo. Un pouco, o título é contraditorio como a linguaxe que quixen empregar. É un pouco un balance, nestas alturas da vida na que teño cincuenta e algúns ano, do vivido, do pasado e do perdido. Falo da perda da inocencia, pero tamén fago unha lectura do amor e unha lectura da contorna familiar. Recollo un testamento calado, todo o que tes calado que vai formando parte dun suposto testamento, un suposto testamento que implica parte de silencio, parte de reflexión e parte de meditación.
– X: Vostede é coordinador dos Servizos de Normalización Lingüística da Deputación de Lugo. Dende ese traballo e coa que está a caer, o galego está nunha situación de escribir testamento?
– XRB: Non quero pensar nun calado testamento para a lingua. Se cadra estou equivocado e é produto do optimismo. Penso que o que toca facer, e xa digo que non sei moi ben como, é quitar todo os matices políticos da lingua. Aínda que iso é moi complicado, porque todos os idiomas teñen eses labirintos da política polo medio. Que está pasando con Galicia? Pois mira, con respecto a cando eu comecei a escribir, houbo un avance grandioso. Tamén penso que, a estas alturas, o galego tiña que estar afianzado na sociedade dunha forma máis intensa e cun compromiso claro de todo o mundo. Que a cousa vai lenta? Pois si. Aquí pasa o que dicía Díaz Castro no seu poema Penélope: Un paso adiante i outro atrás, Galiza, / i a tea dos teus sonos non se move. Hai que pensar moitas cousas nestes momentos e buscar un clima de unión para impulsar en todos os eidos o idioma que nos fai ser un pobo.
– X: Pode existir ese clima con esta Xunta de Galicia?
– XRB: Neste momento non hai clima. Houbo un clima propicio noutros tempos. Eu vivín escenarios máis propicios. Todo este tipo de acusacións e de non facer caso a propostas tan marabillosas de entidades como a Academia ou a AELG non resulta comprensible. Coido que hai que acelerar a implantación do idioma e conseguir que a implantación sexa real.”
Arquivo da categoría: Lingua
A Universidade de Santiago presenta campUSCulturae, un proxecto que potencia a diversidade cultural e lingüística
Carballo: Curso de verán Traballando en lingua: (Re)pensando o discurso, do 20 ao 22 de xullo
O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña, en colaboración co Concello de Carballo e mais coa Coordinadora de Traballadores/as de Normalización Lingüística (CTNL), convocan a sétima edición do curso de verán Traballando en lingua que este ano ten como eixo temático o de (Re)pensando o discurso.
As liñas temáticas son as seguintes:
– Reflexionar sobre a incidencia do(s) discurso(s) lingüístico(s) na situación social da lingua.
– Analizar os argumentos a respecto da diversidade lingüística.
– Revisar termos e conceptos sociolingüísticos en transformación.
– Avaliar as ideas forza e os conceptos chave do discurso normalizador sobre o galego, así como a súa actualidade e/ou necesidade de reformulación.
– Presentar propostas de actuación que permitan intervir no imaxinario social sobre a lingua.
Realizarase no Pazo da Cultura de Carballo (Rúa do Pan, s/n.) entre o mércores 20 e o venres 22 de xullo. Hai un total de 70 prazas, e a matrícula pódese formalizar aquí, cos seguintes prezos: 30 euros comunidade universitaria, persoas desempregadas e socios/as da CTNL (colectivo especial de matrícula no Xescampus); 50 euros xeral.
O programa é o seguinte:
* Mércores 20 de xullo:
– 11:00 h. (Re)pensando o discurso: propostas integradoras para a normalización lingüística. J. M.ª SÁNCHEZ CARRIÓN.
– 13:00 h. A dignificación das palabras que nos pertencen. O caso da normalización. PILAR GARCÍA NEGRO
– 16:30 h. Impoñemos galego ou queremos galego? Breve panorámica verbo dos marcos e discursos (erróneos?) sobre a lingua galega. IVÁN MÉNDEZ LÓPEZ.
– 18:30 h. Grupos de traballo: Reconstruíndo os discursos sobre a lingua. Coordinados por Olga Patiño Abeixón e Dores Sánchez Alegre.
* Xoves 21 de xullo:
– 10:30 h. Para a hegemonia social do galego: discursos, prácticas e políticas lingüísticas. CELSO ÁLVAREZ CÁCCAMO.
– 12:30 h. Grupos de traballo: Reconstruíndo os discursos sobre a lingua. Coordinados por Rosa Moreiras Cuñarro e Nuria Seoane Bouzas.
– 17:00 h. Marcos ideolóxicos, estrutura social e lingua na sociedade galega actual. FERMÍN BOUZA ÁLVAREZ.
– 19:00 h. Obradoiros simultáneos:
+ Obradoiro de espazo lingüístico persoal. GEMMA SANGINÉS.
+ O português simples (OPS!): socializando a estratégia luso-brasileira para o galego. VALENTIM R. FAGIM.
– 21:00 h. Pelos na lingua. Representación teatral de TALÍA TEATRO.
* Venres 22 de xullo:
– 10:00 h. Obradoiros simultáneos:
+ Obradoiro de espazo lingüístico persoal. GEMMA SANGINÉS.
+ Prexuízos lingüísticos: estratexias de combate. MANUEL NÚÑEZ SINGALA.
– 12:00 h. Lectura e debate das conclusións xerais.
– 13:00 h. Unha guía de estilo para a política lingüística. É posíbel?. NEL VIDAL BARRAL.
Santiago: “Concentración en defensa do galego nos medios de comunicación”
A Mesa pola Normalización Lingüística
chama a toda a sociedade a participar dunha concentración de urxencia esta segunda feira (luns) 4 de xullo, ás 20 horas, na Praza do Toural de Santiago en demanda da presenza da lingua galega nos medios de comunicación. A recente desaparición do xornal Galicia Hoxe no seu formato impreso únese á irreparábel perda colectiva que xa supuxo a desaparición de Vieiros, A Nosa Terra no seu formato impreso, GzNación ou A Peneira. Para alén dun revés para as aspiracións á normalidade da nosa lingua, A Mesa valora estas perdas como un duro golpe á liberdade de expresión e ao dereito a unha información plural e feita desde unha perspectiva galega. O acto reivindicativo en favor do galego nos medios concluirá coa lectura dun pequeno manifesto a cargo do poeta e editor Miguel Anxo Fernán-Vello.
Madrid: presentación de En castellano no hay problema, de Carlos Callón
A terza feira 5 de xullo, ás 19:30 h., no Centro Galego de Madrid (Rúa Carretas, 14-3º andar), preséntase o libro En castellano no hay problema, de Carlos Callón, publicado en Xerais. No acto acompaña ao autor Francisco Jorquera.
Ourense: presentación de Aníbal Otero, de Xesús Alonso Montero
O xoves 30 de xuño, ás 20:00 horas, no Liceo de Ourense (Rúa Lamas Carvajal, 5) de Ourense, preséntase o libro Aníbal Otero. Lingüística e política en España na Guerra Civil e no franquismo, de Xesús Alonso Montero, publicado en Xerais. No acto participa, acompañando ao autor, Fran Alonso.
Ramón Lorenzo: “A nosa lingua precisa unha revolución”
Monforte: presentación de En castellano no hay problema, de Carlos Callón
O xoves 23 de xuño, ás 20:15 h., na Galería Sargadelos (Praza de España, 2) de Monforte de Lemos, preséntase o libro En castellano no hay problema, de Carlos Callón, publicado en Xerais. No acto acompañarán ao autor Alicia Fernández e Andrés Gómez Chao.
Intervención de Agustín Fernández Paz na homenaxe dos Equipos de Normalización Lingüística
Intervención de Agustín Fernández Paz na homenaxe que a Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística dos centros de ensino lle renderon no transcurso do acto 1991-2011. Vinte anos dos Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística, celebrado no Museo do Pobo Galego o 4 de xuño de 2011.
Carlos Negro: Procurar un discurso “máis plural”
Entrevista a Carlos Negro en Galicia Hoxe:
“- Galicia Hoxe (GH): Cre que se abriu ese debate?
– Carlos Negro (CN): Espero que si. A miña idea inicial era poñerlle voz a un estado de ánimo de moita xente que está arredor da defensa da lingua, e que vén da sensación de que, por un ánimo defensivo ou polas agresións recibidas desde o poder, as actuacións son un pouco repetitivas e dirixidas á mesma parroquia. Iso crea un círculo pechado no que non hai perdas pero tampouco ganancias.
– GH: Entón, ¿non son eficaces as accións reivindicativas actuais?
– CN: Non o son fóra do círculo dos que xa teñen unha empatía co nacionalismo e coas esquerdas. Ben polos prexuízos, ben pola acción dos medios de comunicación, as mensaxes de defensa do idioma non chegan á sociedade. Proba diso é que non se recuperan falantes e que ás veces o único que chega é a mensaxe de imposición do galego, que é un absurdo. Hai que procurar un discurso máis plural, que non aparezan sempre os mesmos rostros e palabras, e buscar estratexias atractivas e máis enfocadas a un público non concienciado. Hai que ter máis empatía coa sociedade, para conectar coa xente, e menos homilía.
– GH: Di que se “rasca onde non pica”. Onde habería que rascar?
– CN: Habería que diversificar a mensaxe, porque non en todos os ámbitos sociais e xeográficos hai a mesma problemática. E, sobre todo, que o discurso sexa menos ideolóxico, de cidadán a cidadán, para que se descubra que o galego é unha riqueza e útil. (…)”