Seixalbo (Ourense): presentación de En castellano no hay problema, de Carlos Callón

O sábado 14 de maio, ás 17:30 h., nas Canellas (Seixalbo, Ourense), preséntase o libro En castellano no hay problema, de Carlos Callón, publicado en Xerais. O acto está coorganizado pola Asociación Irmandiños de Seixalbo e a Mesa pola Normalización Lingüística, e contará coa presenza do autor.

Vigo: recital-conferencia Itinerario poético pola defensa do idioma, por Carlos Callón

O xoves 12 de maio, ás 20:00 horas, no local da Mesa pola Normalización Lingüística en Vigo (Rúa Abeleira Menéndez, 28, baixo), terá lugar un Itinerario poético pola defensa do idioma, a cargo do seu presidente, Carlos Callón. No recital-conferencia, organizado en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo, farase un percurso pola historia contemporánea da lingua galega partindo de textos poéticos que a reivindican, desde os albores do Rexurdimento até os versos máis actuais das novas fornadas creativas. Segundo o autor, “nos poemas que se abordarán no evento de hoxe, poderemos constatar a forza destes creadores e creadoras para que a lingua galega sobreviva e se revitalice; en fin, a forza dun pobo que quere existir, que se nega a ser asimilado”.

Vilalba: presentación de En castellano no hay problema, de Carlos Callón

O venres 13 de maio, ás 20:30 h., na Casa da Cultura de Vilalba, preséntase o libro En castellano no hay problema, de Carlos Callón, publicado en Xerais. No acto, coorganizado pola editorial, o Instituto de Estudios Chairegos e a Mesa pola Normalización Lingüística, acompañará ao autor Xosé María Felpeto Enríquez.

Marcos Abalde Covelo gaña o VII Premio a artigos xornalísticos normalizadores do Concello de Carballo 2011

O xurado do VII Premio a artigos xornalísticos normalizadores do Concello de Carballo reuniuseo luns 2 de maio para decidir o artigo gañador deste certame, ao que se presentaron 48 traballos, e decidiu concederlle o premio, dotado con 1.000 euros e a publicación do artigo en A Nosa Terra Diario, Diario de Bergantiños, Galicia Hoxe, La Opinión de A Coruña, La Voz de Galicia, Longa Lingua, Radio Líder, Tempos Novos e Xornal de Galicia, ao artigo titulado Empoderármonos, de Marcos Abalde Covelo. Segundo o xurado, o recoñecemento deste artigo débese ao “paralelismo entre a situación das mulleres e a da lingua galega, adentrándose na violencia simbólica exercida contra o galego e contra as mulleres”. Na acta do xurado sinálase que o artigo “fala sobre a hibridación do galego co castelán, ten interesantes conexións intertextuais e chama a atención individual fronte a esa situación”. Ademais, “destaca a súa calidade lingüística, a linguaxe directa e a capacidade de incidencia no público”.
O xurado decidiu tamén outorgarlle un accésit sen dotación económica ao artigo Gas, do autor Diego Giráldez, e recoméndalles aos medios colaboradores a súa publicación. O accésit concédeselle “pola necesaria reivindicación dos medios en galego, nun momento difícil para eses medios” e pola “calidade de estilo e as referencias intertextuais, tanto a ámbitos literarios como científicos”.
O xurado do VII Premio a artigos xornalísticos normalizadores do Concello de Carballo estivo composto por Belén Puñal, xornalista carballesa, redactora da revista Tempos Novos; Marica Campo, profesora, escritora e gañadora da edición 2010 do certame; Iván Méndez, técnico de normalización lingüística do Concello de Cerceda e colaborador en prensa; e Nel Vidal, técnico de normalización lingüística do Concello de Carballo, como secretario, sen voto. Os obxectivos do premio son promover a reflexión sobre a situación social da lingua galega, crear espazos nos xornais para analizar e promocionar o uso do idioma galego e promover o emprego do galego na prensa escrita.
A entrega do premio terá lugar no transcurso da Festa da Lingua, que terá lugar o sábado 7 no Pazo da Cultura de Carballo, e na que actuará o grupo musical Marful, o teatral Berrobambán e será presentada por Yolanda Castaño.

Lugo: presentación de Aníbal Otero, de Xesús Alonso Montero

O mércores 4 de maio, ás 20:00 horas, na Galería Sargadelos (Praza de Santo Domingo, 4) de Lugo, preséntase o libro Aníbal Otero. Lingüística e política en España na Guerra Civil e no franquismo, de Xesús Alonso Montero, publicado en Xerais. No acto participan, co autor, Alexandre Veiga Rodríguez e Manuel Bragado.

Santiago: presentación de Aníbal Otero, de Xesús Alonso Montero

O luns 2 de maio, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro de Santiago de Compostela (Praza de Cervantes, 6), preséntase o libro Aníbal Otero. Lingüística e política en España na Guerra Civil e no franquismo, de Xesús Alonso Montero, publicado en Xerais. No acto participan, co autor, Antón Santamarina e Manuel Bragado.