Instituto Camões e Consello da Cultura Galega asinaron o primeiro protocolo-marco para realizar actividades conxuntas e intercambios culturais

O Consello da Cultura Galega e o Instituto Camões asinaron en Compostela un pioneiro protocolo-marco de colaboración para fomentar a realización de actividades conxuntas e o intercambio de experiencias culturais. Os titulares das dúas institucións, Ramón Villares e Ana Paula Laborinho, respectivamente, subliñaron a importancia dunha iniciativa “que abre camiño para outros obxectivos” (Laborinho) e “que nos ofrece unha antena para a difusión da cultura galega” (Villares). Previo á sinatura tivo lugar un coloquio coa Presidenta do Instituto Camões e representantes do mundo cultural, educativo e universitario de Galicia, no que tamén estivo presente o Secretario Xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo. Consello da Cultura Galega e Instituto Camões consideran que “para se promover o coñecemento e difusión da cultura galega no exterior e da cultura de expresión portuguesa en Galicia é de fundamental importancia que se establezan relacións de intercambio entre ambas as entidades”. Con esa finalidade trátase de “realizar actividades e proxectos de forma conxunta en todas as áreas que resulten de interese mútuo, especialmente o intercambio de publicacións, a organización de conferencias, seminarios e cursos, a realización de exposicións ou de outros programas que poidan interesar a ambas as partes ou a cadansúa institución”. Ramón Villares e Ana Paula Laborinho expresaron a súa satisfacción pola sinatura deste protocolo-marco e a vontade de facer camiño, logo deste primeiro paso imprescindible para acometer outras iniciativas conxuntas nos vindeiros anos. O Presidente do CCG salientou mais unha vez a especial dimensión que para Galicia supón a presenza activa na comunidade de países de lingua portuguesa. A Presidenta do Instituto Camões falou, pola súa parte, da importancia de contar con Galicia e con España como parceiros privilexiados no espazo europeo e iberoamericano.
Antes da sinatura do protocolo, a Biblioteca do Consello da Cultura Galega acolleu un coloquio de Ana Paula Laborinho con 35 representantes do mundo cultural, educativo, universitario e da empresa de Galicia. No curso do encontro a Presidenta do Instituto Camões falou sobre Presenza da lingua portuguesa no ensino en Galicia e presenza da cultura galega na rede de centros do Instituto Camões. Na sesión interviu tamén Felipe Domínguez Presa, profesor da Universidade de Vigo, co relatorio Situación actual do ensino da lingua portuguesa na educación secundaria en Galicia. No debate, moderado polo profesor Henrique Monteagudo, tiveron ocasión de participar os profesores Dante Luchesi (Brasil), Fernando Venâncio (Portugal), Margarita Ledo Andión, Xosé Luís Rodríguez, Enrique Sáez, Ângelo Cristovão Angueira (secretario da Academia Galega da Lingua Portuguesa), Camilo Nogueira e Luís González Tosar. Uns e outros puxeron de manifesto a necesidade do coñecemento e o recoñecemento, do diálogo e a cooperación Galicia-Portugal para actuar máis eficazmente no horizonte da diversidade.
Vía Consello da Cultura Galega.

Santiago: IV Xornada Xustiza e Lingua, reflexións para a normalización

O mércores 24 de novembro, a partir das 19:00 h., terá lugar no Salón de Actos do Colexio de Avogados de Santiago de Compostela a IV Xornada Xustiza e Lingua, reflexións para a normalización, organizada polo Servizo de Asesoramento Lingüístico desta entida, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística. O número de prazas é de 100, e a inscrición pódese facer de balde através deste enlace. Nesta edición a xornada incorpora o formato de mesa redonda, baixo o título A posta en valor do galego na xustiza: claves e desafíos. Participan: Anxo Lorenzo Suárez (secretario xeral de Política Lingüística), Juan J. Martín Álvarez (director xeral de Xustiza), Fernando Fernández Leiceaga (maxistrado do TSXG), Xoán A. Pérez Lema (avogado) e Manuel González González (membro da RAG). Modera: Evaristo Nogueira Pol (decano do colexio de avogados).

Santiago: presentación de En castellano no hay problema, de Carlos Callón

O martes 9 de novembro, ás 20:00 h., no local da Asociación Cultural O Galo (San Miguel dos Agros, 5, baixo, na esquina coa praza de San Martiño Pinario), de Santiago, preséntase o libro En castellano no hay problema, de Carlos Callón, publicado en Xerais. No acto participan Uxía Senlle, Carlos Valcárcel e o propio autor.

A Coruña: V Encontro de Escritores/as novos/as ante vellas preocupacións

O sábado 6 de novembro, no Palacio de Exposicións Kiosko Alfonso da Coruña, terá lugar o V Encontro de Escritores/as novos/as ante vellas preocupacións, organizado pola Asociación de Escritores en Lingua Galega, co patrocinio do Centro Español de Dereitos Reprográficos (CEDRO), a Deputación Provincial da Coruña e a Concellaría de Cultura da Coruña, co seguinte programa:

10:00 a 11:30 h.
Mesa redonda: Que ten a poesía que ninguén a le pero todos a precisamos.
Con Celso Fernández Sanmartín, Óliver Laxe e Álvaro Negro.
Coordinación de Antía Otero.

11:30-12:00 h.
Descanso.

12:00-14:00 h.
Mesa redonda: Pero tan importantes son os premios literarios?
Con Ledicia Costas, Olalla Cociña e Lucía Novas.
Coordinación de Francisco Castro.

Xantar.

17:00-18:30 h.
Mesa redonda: Recóllote i érgote no verbo inteiro. A literatura galega de hoxe ante o seu idioma.
Con María Lado, Olalla Tuñas e Xosé Daniel Costas.
Coordinación de Marta Dacosta.

19:00-20:00
Recital e clausura.

Toda a información está disponíbel neste enlace á páxina do V Encontro. O acceso será libre até completar capacidade. En sucesivos días iremos poñendo á disposición do público máis información sobre as intervencións preliminares dos/as escritores/as participantes.

Pontevedra: presentación de Do ñ para o nh, de Valentim Rodrigues Fagim

O venres 5 de novembro, ás 20:00 h., preséntase no Centro Social Revira (rúa de Gonzalo Gallas nº 4) de Pontevedra o libro Do Ñ para o NH (manual de língua para transitar do galego-castelhano para o galego-português, polo seu autor Valentim Rodrigues Fagim, publicado en Através Editora.

Ribadavia: presentación de En castellano no hay problema, de Carlos Callón

O venres 5 de novembro, ás 21:00 h., no Pub Aljama (rúa Progreso, 35, 1º), de Ribadavia, preséntase o libro En castellano no hay problema, de Carlos Callón, publicado en Xerais. No acto participan o autor e Eladio Cabanelas, responsábel da Mesa pola Normalización Lingüística na zona do Carballiño e Ribeiro.

Universidade da Coruña: VII Xornadas sobre Lingua e Usos

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña, en colaboración coa Real Academia Galega, organiza as VII Xornadas sobre Lingua e Usos que este ano versarán sobre as relacións entre lingua e sanidade, nomeadamente sobre a presenza da lingua galega no ámbito sanitario. As Xornadas terán lugar os días 1, 2 e 3 de decembro no salón de actos do Edificio Universitario do campus de Oza. O prazo de inscrición permanecerá aberto até o día 24 de novembro. O programa pódese descargar aquí. Máis información neste enlace.