ProLingua anuncia as localidades nas que se presentará o libro das 55 mentiras…

A Plataforma ProLingua anunciou hoxe a listaxe provisional de localidades nas que se presentará o próximo venres 5 de febreiro o libro 55 mentiras sobre a lingua galega. Son máis de sesenta as vilas e cidades de todo o mundo que acollerán o acto, un fito histórico para o sistema literario galego: A Coruña, A Estrada, Allariz, Baiona, Barcelona, Bethelem, Bos Aires, Bruxelas, Cacheiras, Caldas de Reis, Cambados, Cangas, Carballo, Carnota, Celanova, Cerceda, Chantada, Copenhague, Corcaigh/Cork, Cotobade, Cuntis, Ferrol, Gondomar, Guitiriz, Lalín, Lisboa, Londres, Lugo, Madison – Wisconsin, Madrid, Marín, Melide, Moaña, Monforte, Nablús, New York, Nigrán, O Barco, O Grove, Ourense, Padrón, París, Pobra de Trives, Ponferrada, Ponteareas, Pontevedra, Ribadavia, Ribadeo, Ribeira, Salceda de Caselas, San Martiño de Trebello (Val do Ellas), Santiago, Saraievo, Trintxerpe, Tübingen, Tui, Verín, Viana do Bolo, Vigo, Vilafranca do Bierzo, Vilagarcía, Vilalba e Vitoria/Gasteiz. Tedes máis información no blog de ProLingua.

A Plataforma ProLingua presenta a súa primeira publicación en máis de cincuenta localidades de todo o mundo

A plataforma a prol da defensa e promoción da lingua galega ProLingua presentará o venres 5 de febreiro a súa primeira publicación titulada 55 mentiras sobre a lingua galega, coordinada polo profesor da Universidade de Vigo Xosé-Henrique Costas.

Esta publicación pretende ser un argumentario sinxelo e clarificador, ao tempo que sólido e rigoroso, que axude a sociedade galega a comprender e superar aquelas valoracións e interpretacións subxectivas, ideoloxizadas desde unha óptica exclusivamente partidista, erróneas ou perversas que perseguen o obxectivo de actuaren de freo ao camiño da necesaria reposición e normalización de usos para a lingua galega no seo da súa sociedade.

Nos próximos días a Plataforma ProLingua dará a coñecer no seu blogue máis detalles da multipresentación que deste libro se fará simultaneamente en máis de medio cento de localidades espalladas polo noso país –todas as cidades e principais vilas-, polo Estado español –Ponferrada, Madrid, Barcelona, Vitoria/Gasteiz e Trintxerpe- e no estranxeiro –Tübingen, Buenos Aires, Lisboa, Tel Aviv, Nova York, Bethelem, Nablús, París, Saraievo, Londres, Bruxelas e Copenhague.

Comunicado da Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística das Universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo

A Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística, na súa reunión do martes, 12 de xaneiro de 2010, tras coñecer o contido das Bases para a elaboración do decreto do plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia, que o Consello da Xunta fixo público o pasado 30 de decembro, decide facer chegar ás autoridades políticas e educativas e á sociedade galega en xeral as seguintes consideracións: [Documento completo en PDF, 58 KB]

A Real Academia Galega presenta o seu informe sobre as bases do “Decreto do plurilingüismo”

“É certo que o actual goberno levou no seu programa electoral a derrogación do Decreto 124/2007 pero nestas Bases non só non se xustifica suficientemente a necesidade xurídica nin pedagóxica de tal derrogación senón que os puntos fortes do proxecto de Decreto parecen de legalidade dubidosa; outros artigos introducirían nos Centros malestar, sufrimento ou desorde e iso é o contrario do que debe perseguir calquera ordenamento xurídico; outros son tan dificilmente aplicables que previsiblemente impedirían iniciar a implantación deste Decreto en setembro de 2010; e o 33% de linguas estranxeiras precisará quizais varias lexislaturas. O camiño debe ser outro. A Real Academia Galega xa pediu no 2002 unha actualización da Lei de Normalización Lingüística para axeitala ás realidades novas nas que hoxe vive a lingua e para incorporarlle a doutrina do Tribunal Constitucional posterior a 1983 e mailos compromisos asinados por España na Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias 11. Estas Bases póñenlle ao galego un límite no 33%: iso non é o centro de gravidade nin corrixe a histórica desigualdade co castelán de que fala a Tribunal Constitucional. Polo tanto non procede darlles o Prace desta Academia…”

A Real Academia Galega acaba de presentar o seu informe sobre o borrador de decreto de educación. Recomendámosvos a súa lectura: PDF, 104 KB

A Real Academia Galega rexeita o borrador do decreto

Segundo informa hoxe El País, a Real Academia Galega dedicou o primeiro plenario do ano a falar do borrador do decreto de educación. Os académicos amosaron de maneira unánime a súa disconformidade co texto. Unha comisión de estudio formada por Xosé Luís Axeitos, Víctor Freixanes, Manuel Rivas, Francisco Fernández Rei e Xesús Ferro Ruibal preparará nos próximos días un documento resumo das valoracións da Academia, que será votado a finais desta mesma semana nunha nova reunión do plenario.

O futuro da lingua é hoxe, suplemento do Xornal de Galicia

O suplemento Contexto do Xornal de Galicia dedicou onte as súas páxinas ao futuro da lingua. Deixámosvos aquí as ligazóns aos seus artigos:

Lingua e autonomía: a lenta forxa do consenso

Da convivencia á ‘guerra’ docente

Os novos señores da educación

Aprendermos en galego? Ahora ya no toca

Os protagonistas, marxinados

Vinte e catro horas no país da lingua

A Coruña: conferencia de Valentim R. Fagim

O vindeiro martes 12 de xaneiro o presidente da AGAL e profesor da EOI de Ourense, Valentim R. Fagim falará dentro do ciclo Literatura e Naçom. A súa palestra leva por título As Estratégias para a Língua. Será a partir das oito do serán no local da Fundación Caixa Galicia, no Cantón Grande da Coruña. Organiza a Agrupaçom Cultural O Facho.

A Coruña: conferencia de José R. Freixeiro Mato

O vindeiro martes 15 de decembro o profesor da Universidade da Coruña José R. Freixeiro Mato falará dentro do ciclo Língua, Literatura e Naçom. A sua charla versará sobre O galego desde a perspectiva histórica e no momento actual. Será ás oito do serán no local da Fundación Caixa Galicia da Coruña (no Cantón Grande).