Curso de recursos informáticos en galego, n’ A Coruña

A A. C. Alexandre Bóveda d’ A Coruña organiza un curso de recursos informáticos en galego coas seguintes datas de celebración:
-1º curso (luns-mércores): 5, 7, 12, 14 e 19 de novembro;
-2º curso (martes-xoves): 6, 8, 13, 15 e 20 de novembro.
Todos os días de 20:30 a 22:30 horas. Para inscribirse no curso hai que facelo no local da A. C. Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1, A Coruña; 981 200 869) antes do seu comezo.

“Galeguia. Encontro con Cabo Verde” n’ A Coruña e Compostela

«A Fundación Via Galego organizou para o próximo 19 de outubro, sexta feira, no Kiosko Alfonso da Coruña, unha mesa redonda titulada “Letras que unen” e un recital poético denominado “Cabo Verde lírico”. Na mesa redonda Letras que Unen intervirán Felisa Rodrigues (experta-galega en literaturas lusófonas africanas), Germano Almeida e José Vicente Lopes (escritores cabo-verdianos) e Xavier Alcalá e Carlos Quiroga (escritores galegos). Incluirá unha breve introdución á literatura cabo-verdiana da profesora Felisa Rodrigues e posterior debate arredor da lingua galego-portuguesa como ferramenta útil de traballo para os escritores galegos e cabo-verdianos. Terá lugar a partir das 17horas. No recital participarán varias poetas novas, como Yolanda Castaño, Lucía Aldao ou María Lado, que recitarán poemas de autores cabo-verdianos. Terá lugar a partir das 19:00 horas.
O acto insírese nas xornadas Galeguia. Encontro con Cabo Verde, organizadas pola Fundación Via Galego entre os días 17 e 20 de outubro co patrocinio da Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural, entre outras institucións e entidades. Galeguia ten por obxecto fundamental promover un maior relacionamento entre a Galiza e os países de fala portuguesa, para así aproveitar na medida do posíbel a facilidade comunicativa que a lingua galega habilita no plano internacional, de extraordinario relevo no mundo global.» (Fundacion Via Galego)

A Xunta promove un sistema de traducción automática galego-inglés

«A Secretaría Xeral de Política Lingüística vén de anunciar a contratación de novas aplicacións tecnolóxicas para a lingua galega. O Diario Oficial de Galicia publica para a contratación dun sistema de tradución automática do galego ao castelán, do galego ao inglés e do inglés ao galego, por procedemento aberto e mediante concurso.» (sociedadedainformacion.eu)

O Diccionario Enciclopédico Galego das TIC

«¿Que é máis correcto, ‘banda larga’ ou ‘banda ancha’, ‘sen fíos’ ou ‘wi-fi’? As dúbidas lingüísticas relacionadas cos últimos avances tecnolóxicos son moitas veces un problema dado o lento avance das normativas idiomáticas en comparación coa velocidade de evolución das TIC. […] O proxecto de elaboración dun Diccionario Enciclopédico Galego das TIC tentará, dalgún xeito, aclarar este tipo de dúbidas, incluíndo os termos e definicións conceptuais do mundo das Tecnoloxías da Información e das Comunicacións.
A elaboración do diccionario, o primeiro destas características na nosa lingua, será desenvolvido pola Asociación de Enxeñeros de Telecomunicacións de Galicia (AETG), a Escola Superior de Enxeñeiros de Telecomunicacións de Vigo e a Real Academia Galega.» (Xeración Web)

Nova entidade para defender os dereitos lingüísticos na administración do Estado

«O Consello de Ministros, a proposta do titular de Administracións Públicas, Jordi Sevilla, aprobou un Real Decreto polo que se crea o Consello das Linguas Oficiais na Administración Xeral do Estado e a Oficina para as Linguas Oficiais. É unha iniciativa destinada a asegurar que os cidadáns das comunidades autónomas con lingua oficial propia poidan exercer de xeito pleno o seu dereito a dirixirse á Administración Xeral do Estado en devandita lingua, nos termos que establecen as leis. Así, os cidadáns galegos poderán empregar o galego como vehículo de comunicación cos diferentes órganos da Administración central.» (Galicia-Hoxe.com)

Preséntase en Ferrol “A lingua galega na cidade do século XX”, de Gabriel Rei Doval

Na Galería Sargadelos de Ferrol terá lugar a presentación do libro A lingua galega na cidade do século XX (Xerais), de Gabriel Rei Doval. No acto intervirá, ademais do autor, Fernando Ramallo, da Universidade de Vigo. Será o venres 20 ás 20:00 horas.