Lira: presentación de Cita en Fisterra, de Luís Rei Núñez

O venres 13 de abril, ás 20:00 horas, no Local da Confraría de Lira (Portocubelo, Lira, Carnota), preséntase o libro Cita en Fisterra, de Luís Rei Núñez, publicado en Xerais. No acto, coorganizado pola editora e a Asociación Cultural Canle de Lira, participan, xunto ao autor, Manuel Bragado e o músico Xabier Díaz.

Pedro Feijoo: “Quería facer con Vigo o que Woody Allen con Manhattan ou Montalbán con Barcelona”

Entrevista a Pedro Feijoo en Atlántico Diario:
“(…) – Atlántico Diario (AD): Como tardou tanto en animarse a publicar ficción [Os fillos do mar]?
– Pedro Feijoo (PF): Se me din hai dous anos que ía escribir unha novela, botaríame a rir. Xordíu de casualidade, matinando que sería o seguinte que nos gustaría mercar na librería. Algo de historia, algo de trama e que falasen coma nós. Cando nos decatamos tiñamos a novela enriba da mesa. O proceso creativo compaxineino co meu traballo de músico. Escribín moitos capítulos na furgoneta e incluso nas bañeiras dos hoteis. (…)
– AD: As comparacións son odiosas, pero inevitables. Como senta que o chamen o novo Domingo Villar?
– PF: Ata certo punto é normal porque facemos un tipo de novela que non se constrúe en Galicia. A miña proposta é diferente, porque, dende logo sen querer desmerecer, a de Villar ten un corte máis policial. Eu aposto por algo máis aberto: en parte trama, en parte histórica; con una gran velocidade no texto, moi coloquial e sobre todo, moito humor. (…)”

Vigo: presentación de Outono aquí, de Mario Regueira

O xoves 12 de abril, ás 20:00 horas, na Libraría Librouro (Rúa Eduardo Iglesias, 12) de Vigo, preséntase a novela Outono aquí, de Mario Regueira, publicada en Sotelo Blanco, gañadora do Premio Manuel Lueiro Rei de novela curta no 2011. No acto, acompañando ao autor, participará María Lado.

A Coruña: presentación das traducións Cita con Rama, de Arthur C. Clarke e Venecias, de Paul Morand

O xoves 12 de abril, ás 20:30 horas, na Asociación Cultural Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º) da Coruña, preséntanse as dúas novas obras de Hugin e Munin, editorial orientada á tradución a galego de narrativa de ficción: Cita con Rama, de Arthur C. Clarke e Venecias, de Paul Morand. No acto participa Javier Pedreira, Wicho.

Vigo: presentación de Esperando o leiteiro, de Xosé Neira Vilas

O mércores 11 de abril, ás 20:00 horas, na Biblioteca Municipal Xosé Neira Vilas (Avenida Martínez Garrido, 21), de Vigo, Xosé Neira Vilas presenta a súa nova novela, Esperando o leiteiro, publicada por Galaxia. Estará acompañado por Víctor F. Freixanes e Isaura Abelairas. No acto a actriz Uxía Blanco realizará a lectura dalgúns fragmentos da obra.
Crónica posterior en Galaxia.

Marcelino Fernández Mallo: “As palabras caen en terra seca, é tempo de pasar á acción”

Entrevista a Marcelino Fernández Mallo en Dioivo:
“Marcelino Fernández Mallo acaba de presentar a súa nova novela, Pallarega (Toxosoutos). Froito de sete anos de traballo, a obra acompaña o proceso de superación e desenvolvemento persoal de Nicolás, un rapaz criado no franquismo que, coma moitos outros membros da súa xeración, tira para adiante sendo quen de manter a súa autonomía de criterio por enriba da propaganda ideolóxica oficial. Non é un heroe, senón máis ben un supervivente, que non se cuestiona moito sobre a xustiza dos réximes ditatoriais cos que convive. Coma tantos outros. (…)
– Dioivo (D): Dalgún xeito o libro é unha homenaxe a unha xeración, dis, “admirable”, criada na ditadura e capaz de loitar, resistir, ir alén da submisión e a ignorancia na que querían confinalos. Podes explicar un pouco máis isto?
– Marcelino Fernández Mallo (MFM): Para os galegos nacidos nos anos 20 e 30, o mínimo nivel de educación foilles un ben de luxo. Ademais de medrar nunha contorna de carencias enormes, foron sometidos a un ambiente de represión xa non física, senón sobre todo espiritual, emocional e intelectual, malia o cal souberon conservar o seu talento innato e mesmo prepararse inconscientemente para a transformación que haberían experimentar no ocaso das súas vidas. Por todo isto, coido que son unha xeración a reivindicar e a recoñecer.
– D: Unha das cuestións que aparecen no libro é a lingüística: a relación de Nicolás coa súa propia lingua e cultura. Por onde querías levar a reflexión, nun tempo, o actual, de ataques a ambas?
– MFM: A lingua é parte dun ser. Nesa lingua expresa as súas ideas, sentimentos e intencións. Nicolás ten conciencia deste feito e utiliza a lingua coma un instrumento. Vai a Madrid é emprega o galego para manter a ligazón coas súas orixes, pero tamén como método para transmitir inocencia, por exemplo, cando é necesario. En Cuba, mantén o uso da lingua para adquirir unha posición de dominio en determinados espazos, como pode ser a bodega. A importancia da lingua como elemento de idiosincrasia e diferenza é incuestionable malia os intentos actuais de banalización por parte dalgunhas poderosas organizacións e colectivos. (…)”

Antón Riveiro Coello: “Non abonda dicir o pasado, hai que tentar comprendelo”

“O escritor Xesús Fraga entrevista nas páxinas de Cultura de La Voz de Galicia, ao autor de Laura no deserto, Antón Riveiro Coello. Na mesma, desgránanse polo miúdo algúns aspectos desta novela de exilio e segredos familiares. Podes baixar a conversa completa, en formato PDF aquí.” Vía Galaxia.

Nace Punto G Edicións

“Punto G é a máis recente incorporación ao panorama editorial galego. Coa intención de “sintonizar cos gustos maioritarios das persoas afeccionadas a ler” a editora inicia a súa actividade co lanzamento de O clan do oso das cavernas, de Jean M. Auel. Esta novela, un dos maiores éxitos literarios internacionais dos últimos treinta anos, sae á venda na nosa lingua con 506 páxinas a un prezo de vinte euros. A editora anuncia a súa intención de continuar a publicación dos seis volumes que compoñen a saga Os fillos da terra.” Vía Cultura Galega.