Entrevista
a Xavier Queipo en El País:
“- El País (EP): Un mundo no que reina a maldade, a fame e un clima desfavorábel para a vida mais “unha serie de sucesos ensarillados como as doas dun colar de desgrazas” comparecen no inicio de Extramunde. Un cadro apocalíptico…
– Xavier Queipo (XQ): No século XVI houbo unha microglaciación que provocou esa paisaxe gótica, de película de medo, que se describe. Hai que pensar que estamos na fin do feudalismo e que o punto de partida é unha sociedade pechada, de casamentos consanguíneos, miseria extrema, enfermidades e un poder omnipotente por parte da Igrexa que se mestura con crenzas ancestrais. Existe outro esoterismo en Galicia alén da brétema morriñenta, as pedras de abalar e a Santa Compaña que fai palidecer ao realismo máxico. É menos mediático, pero é máis real. Agradecínlle ao xurado que a escolla fose por maioría e non por unanimidade. Que houbera debate até o final é síntoma de boa saúde na literatura galega.
– EP: No seu discurso de recepción tamén lle mandou un recado ao conselleiro de Cultura, presente no acto.
– XQ: Dirixínme a Roberto Varela para dicirlle o que penso: “Somos galegos, moitos momentos da nosa vida son en galego, facemos o amor en galego, queremos que os nosos fillos vaian á escola en galego. Dígalle ao Goberno da nosa parte que queremos galego”. Despois agradecínlle que estivera alí nese día. A xente, que – até entón estivera un pouco tensa, merecía esa alegría e penso que todos saímos gañando. (…)
– EP: Que propón vostede?
– XQ: Hai un ataque e cómpre unha estratexia para reconstruírmos isto pedra a pedra. Como formulou, no século V a. C., o chinés Sun Tzu n’A arte da guerra, se amosas febleza cando te atacan, o inimigo arrisca máis para acabar contigo dunha vez por todas, envalentónase. A loita é crónica cando levas 16 anos na oposición, houbo unha vitoria parcial durante catro anos, e despois o desencanto foi terríbel e é maior cando desaparecen Vieiros e a edición en papel d’A Nosa Terra, o símbolo que foi Sargadelos está fóra de combate, vai pechar a sala Nasa e as axudas culturais desaparecen na súa meirande parte porque todo está absorbido pola gran chupadeira que é a Cidade da Cultura. Este país non ten infraestrutura empresarial para semellante megalópole. Cómpre recuperar a idea das comarcas e colocar a cultura nos lugares que están ao alcance da xente, ao xeito das capitais culturais europeas.”
Arquivo da categoría: Narrativa
Xavier Queipo: “En el siglo XVI como hoy, la sociedad tiene problemas para aceptar lo diferente”
Londres: presentación de Books Burn Badly, versión inglesa de Os libros arden mal, de Manuel Rivas
O
sábado 18 de xuño ás 11:00 horas, na sala Stevenson Lecture Theatre do British Museum Manuel Rivas presentará Os libros arden mal na súa versión inglesa, isto é, Books Burn Badly, dentro do programa World Literature Weekend. Para esta ocasión estará acompañado por Jonathan Dunne, traductor seu e de moitos textos literarios galegos ao inglés.
Allariz: presentación de Lume de cobiza, de Miguel Anxo Fernández
O
venres 17 de xuño, ás 21:00 horas, na Libraría Aira das Letras (Rúa Emilia Pardo Bazán, 5) de Allariz, preséntase Lume de cobiza, de Miguel Anxo Fernández, publicada en Galaxia.
Camilo Franco pecha a súa Balada triste de moqueta
‘Camilo Franco pecha
mañá, día 16 ás 22:30 horas na Casa das Crechas a súa última proposta de literatura para a rede, Balada triste de moqueta, o primeiro folletín para facebook do mundo. Acompañarano no escenario o músico Magín Blanco e a actriz e cantante Pepa Yáñez, nunha noite na que prometen que haberá “cervexa, música en directo, lecturas dramatizadas, análise política, algo de mala baba e moito cachondeo”.’ Vía Galicia Hoxe.
Xavier Queipo: “O poder esmagador”
Entrevista
a Xavier Queipo en Galicia Hoxe:
“- Galicia Hoxe (GH): Desta volta, o tema é “o papel esmagador da ideoloxía oficial, o poder omnímodo da Igrexa”. Onde podemos situar hoxe ese poder omnímodo que tivo a Igrexa no XVI?
– Xavier Queipo (XQ): Extramunde ten varios niveis posibeis de lectura, dende o máis lineal -unha novela de aventuras-, até outros máis elaborados, onde o lector pode establecer asociacións de ideas e semellanzas entre a sociedade galega do século XVI e o poder esmagador da Igrexa e a sociedade actual onde a democracia está secuestrada polo poder do capital financiero.
– GH: Mal de linguas había en Diarios dun nómade. Un mal do que, afortunadamente, non te curaches. Como ves as polémicas sobre o decreto do suposto plurilingüismo de Feijoo? En Bélxica a cuestión lingüística tampouco é simple…
– XQ: O mal de linguas é para min unha necesidade, pois vivo nunha sociedade plurilingüe. Eu falo varias, todas elas mal e cun sotaque galego encantador, do que estou ben orgulloso. O importante aquí na Bélxica e o respecto polas dúas comunidades e establecer pontes de entendemento entre elas. Eu entendo o plurilingüismo de xeito diferente ao goberno da Xunta, mais ese é o goberno que nos demos. Entrementres -eles non van mudar- teremos que procurar facer uso dunha verba tan preciosa como solidariede, axudar entre todos a construír unha sociedade maioritariamente en galego, respectando as opcións que outros poidan ter e insistindo na aprendizaxe do portugués a partir do galego, que é unha materia pendente do ensino en Galiza. (…)
– GH: Que supón para ti recibir o Xerais? -Xa gañaras o Premio da Crítica, o García Barros…
– XQ: Recibir un premio é un xeito de ter visibilidade, de vindicar a existencia dun traballo que é de corredor de fondo. Levaba moitos anos sen recibir un mínimo recoñecemento e iso notábase. Non son fácil de desanimar, pois creo no que escribo, partindo da honestidade e da procura constante da calidade. A aceptación da obra está moi mediatizada pola obtención de premios, polas críticas que deses libros se fagan e pola presenza destacada na mesa de novidades. É inxusto, mais é asi. O Xerais é un gran premio, con moito impacto e prestixio. Daquela o que me vai traer é visibilidade. Vai tirar doutros libros que estaban esquecidos. Espero que isto aconteza xa e que mentres esperan a que no outono apareza Extramunde, vaian lendo no verá por exemplo Ártico 2.0, que acaba de saír hai un par de semanas, ou Cartas marcadas, que penso que é un bo libro para facer acordar o gusto pola lectura.
Santiago: presentación de 1980 (ano cero), de Rubén Martínez Alonso
O
xoves 16 de xuño, ás 19:45 horas, na Fundación Eugenio Granell (Praza do Toural) de Santiago de Compostela, preséntase a novela 1980 (ano cero), de Rubén Martínez Alonso, publicada en Toxosoutos. No acto acompañarán ao autor Xosé Díaz e David González Couso.
Agustín Fernández Paz: “Consentemento e resistencia”
Entrevista
a Agustín Fernández Paz en Galicia Hoxe:
“- Galicia Hoxe (GH): A novela [Non hai noite tan longa] conta o reencontro de Gabriel, o protagonista, co seu pasado, coa historia da súa familia. Pero máis que nada parece que o obxectivo da novela é retratar o que en varias ocasións se define como “miseria moral” daquela sociedade…
– Agustín Fernández Paz (AFP): O libro ten unha historia que vertebra o que se quere contar, pero do que se trata é de botar unha ollada crítica, moral, sobre a época na que a miña xeración era nova, nos anos 60. E esa é unha das regras da boa novela negra clásica. Dashiell Hammett desenvolve unha trama nas súas novelas, pero en realidade estanos falando de cuestións como a corrupción.
– GH: Pero considera o seu libro unha novela negra? Exemplo desa miseria moral que retrata é como se condena socialmente as mulleres violadas…
– AFP: É unha obra con elementos de novela negra. Esa indagación moral, sobre todo, e xa non só o feito de que haxa unha investigación sobre un caso, o do pai do protagonista, encarcerado por un delito que non cometera. Houbo moitas mulleres coma Berta, violada e obrigada polos seus propios pais a calar, a ocultalo, porque se as culpaba dese acto de violencia de xénero dicindo que eran “lixeiras de cascos” e ese tipo de cousas. (…)
– GH: Moito premio recibe. Foi nominado para os Andersen, seleccionado pola Dalkey Archive Press…
– AFP: Iso é porque son maior. Sempre son de agradecer os premios… agás algún caso particular… -refírese ó Premio da Cultura Galega, que rexeitou como modo de protesta contra a política cultural e lingüística do actual Goberno-. E non me preguntas pola foto de portada, na que sae Rosa Parks, a muller que non lle cedeu o asento no autobús a un branco porque estaba “farta de ceder”. Martin Luther King escribiu sobre ela. O Movemento polos Dereitos Civís ten aínda moito que ensinarnos: a non violencia, a protesta… e o movemento do 15-M ten que ver con isto, aínda que estea menos organizado.”
Xavier Queipo: “A xente que ataca a lingua galega é a que ten medo, e niso consiste ser de dereitas”
Entrevista
a Xavier Queipo en Xornal:
“- Xornal (X): Que se conta en Extramunde?
– Xavier Queipo (XQ): É unha novela de aventuras ambientada no século XVI e ten unha forte compoñente ideolóxica. Critícase a opresión da ideoloxía única da Igrexa católica naquel momento, o colonialismo… Dáse unha visión dos dereitos fundamentais do home, e en particular do dereito á liberdade, a través dun grupo de persoas condenadas polo Santo Oficio. (…)
– X: No Encontro Internacional de Literatura de Viaxes (Litvi), que financia a Xunta con 20.000 euros, non hai un só escritor galego. Non os hai ou non os ven?
– XQ: Unha cousa é que non teñamos unha experiencia marítima e outra que non sexamos viaxeiros ou non teñamos literatura de viaxes. A literatura da emigración é literatura de viaxes, e temos abondosos exemplos recentes, como New York, New York de Inma López Silva, Fin de século en Palestina de Miguel Anxo Murado ou o que escribín sobre as miñas viaxes por Asia. A metade de Saltimbanquis no paraíso, de Xelís de Toro, tamén se desenvolve en Londres. E hai literatura de catedrais, por suposto. De que fala Trece badaladas? De que fala Festina lente? Falan de catedrais. Se fose profesor de literatura e non biólogo, podería dar moitísimos máis exemplos.
– X: Daquela, como se explica?
– XQ: Supoño que a dirección consideraría que aos autores galegos non son abondosos, nin en número nin na súa calidade. Eu estiven na primeira edición, e coido que en igualdade de condicións con xente como Julio Llamazares ou César Antonio Molina. Nunca me sinto inferior cando estou con autores de sistemas literarios cun idioma maioritario, pero tampouco podemos esquecer que o galego é unha lingua minorizada en Galicia. Unha lingua que, debendo ser maioritaria, como indica o noso Estatuto de Autonomía, está a ser atacada pola xente que ten medo, pola dereita. Ser de dereitas consiste niso, en ter medo.
– X: Medo a que?
– XQ: Medo a que cambie unha coma no libro sagrado, no sistema de referencias no que eles se sinten seguros. O máis revolucionario en Galicia é escribir en galego, e por iso o fago.”
Miguel Anxo Fernández: “Interésame o antiheroe”
Entrevista
a Miguel Anxo Fernández en Galicia Hoxe:
‘”Interésanme os antiheroes. Personaxes como os de Henning Mankell ou Petros Markaris. Hai un tipo de novela negra europea, que agora está tendo moita repercusión polo fenómeno Stieg Larsson. A min Larsson non me interesa, pero creo que o éxito destes autores ten que ver con que levantan acta da parte escura da sociedade”, comentou.
Do mesmo xeito que as novelas anteriores afondaran, desde a ficción, no que agochan as altas esferas da produción de Hollywood -explotación sexual, corrupción, tratos de favor…-, Lume de cobiza achégase ó mundo dos incendios provocados que serven a intereses urbanísticos ou a recualificación de terreos por políticos comprados.
O contexto daquela sorte de especulación adiantaba ademais a crise económica que veu despois, como resultado do xogo co prezo da vivenda. “Procurei, claro, a verosimilitude. Son personaxes moi reais, por exemplo, as súas parentes, como a tía avoa. O que conto é ficción, pero poderiamos atopar na realidade uns cantos construtores como o da novela, o Demoleitor. Soutelo é un tipo queimado, que está de volta, da falta de sinceridade da clase burguesa, que pode encarnar a súa irmá ou os pais do mozo morto. Ese aspecto social está moi presente, si, na novela”, lembrou.’