O vindeiro sábado, 6 de marzo, ás 20:00 horas presentarase nas instalacións do Círculo Saviñao (rúa Pardo Bazán 17 de Escairón) O Cabo do Mundo, a cuarta novela de Xabier Quiroga. No acto acompañarán ao autor Enrique Sampil e Manuel Bragado. O Cabo do Mundo é unha das finalistas dos premios AELG na categoría de Narrativa.
Arquivo da categoría: Narrativa
A Pobra de Caramiñal: presentación da novela gaañdora do Premio García Barros
A Asociación Cultural Barbantia, a libraría Ler d´A Pobra do Caramiñal e a Editorial Galaxia presentación este venres o libro Un tipo listo, Premio García Barros de novela, de Xosé Monteagudo. O acto celebrarase na libraría Ler d´A Pobra do Caramiñal a partir das 20:30 e nel estarán presentes o autor, así como Víctor Freixanes, director de Galaxia; Antón Riveiro Coello, presidente de Barbantia; Xosé Ricardo Losada, secretario de Barbantia; e os socios da entidade, María Xesús Blanco e Xerardo AgraFoxo.
Ferrol: presentación dun libro de Neira Cruz
Mañá mércores 24 ás 20.00 horas na Galería Sargadelos de Ferrol preséntase o libro Jan estivo alí de Xosé A. Neira Cruz. O acto contará coa participación do autor acompañado por Víctor F. Freixanes, director xeral de Galaxia e membro da Real Academia Galega, e David Soler, ilustrador.
Santiago: presentación da nova novela de Marcelino Fernández Mallo
Este martes terá lugar en Santiago a presentación de Klásicos, segunda novela de Marcelino Fernández Mallo. Ademais do autor na presentación intervirán Rafael Cuíña, empresario e colaborador de diversos medios de comunicación, e Chisco Fernández Naval. A presentación de Klásicos terá lugar mañá martes 2 de febreiro na Librería Couceiro de Santiago, ás 8.00 do serán.
Cid Cabido: ‘A memoria sempre se transforma en ficción’”
A Nosa Terra conversa co escritor galego Xosé Cid Cabido:
“Como sabemos, a organización de datos para crear un relato é sempre unha construción artificial, por moito que eses datos procedan dunha experiencia real. Sempre hai versións. E nesas versións hai un grao de distorsión da realidade, ou polo menos, sempre se detectan diferenzas de percepción. O que comprobas nunha investigación como esta é que as versións adoitan ser moi nebulosas en aspectos esenciais e moi precisas en cuestións completamente secundarias. Así confirmamos que a memoria posúe uns mecanismos que contribúen a construír o relato, a deformar os feitos de tal xeito que, claro, rematan por transformarse en ficción. A que a cada quen lle convén contar.” [Ler entrevista completa]
Faleceu J. D. Salinger
O célebre escritor estadounidense Jerome David Salinger faleceu onte en Cornish, New Hampshire, aos 91 anos de idade. A súa mítica novela O vixía no centeo foi editada en 1990 por Xerais con tradución de Xosé Ramón Fernández Rodríguez, e desde entón leva vendidos máis de vinte mil exemplares no noso idioma. Tamén podemos ler en galego Nove contos, editado por Sotelo Blanco.
Rianxo: presentación de Sete palabras
O libro de Suso de Toro Sete palabras será presentado este venres 29 de xaneiro ás 20:30 no auditorio de Rianxo. No acto estarán presentes o autor; o secretario de Barbantia, Xosé Ricardo Losada; o académico, investigador e Premio Barbantia da Cultura Galega 2009, Xosé Luís Axeitos; o director de Xerais, Manuel Bragado; e mais o alcalde de Rianxo, Pedro Piñeiro.
A Coruña: obradoiro de narrativa con Marina Mayoral
A Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés abriu o prazo de inscrición para o Obradoiro de escritura narrativa impartido por Marina Mayoral. Hai vinte prazas que se outorgarán por rigorosa orde de petición (a inscrición é gratuíta). O obradoiro celebrarase do martes 9 ao venres 12 de febreiro de 2010, cun total de 20 horas repartidas en catro sesións de cinco horas diarias (de 10h a 13h e de 17h a 19 h). Os interesados poden chamar ao teléfono 981-170218/19, escribir un correo electrónico ou ben comunicalo en persoa na Sala de consulta da Biblioteca (Rúa Miguel González Garcés, 1 15008 A Coruña). Máis información: PDF, 124 KB.
Redondela: presentación dunha novela de Francisco Sobral

Mañá martes 22 de decembro preséntase a novela Liquidación por reformas, de Francisco Sobral. O acto terá lugar o vindeiro martes 22 de decembro no Auditorio do Multiusos da Xunqueira en Redondela.
Lalín: presentación da nova novela de Xabier Quiroga
Hoxe venres, 11 de decembro, ás 20,00 horas, no Salón de Actos do IES Laxeiro (Avda Bos Aires, 71, Lalín) será presentada por vez primeira O Cabo do Mundo, a cuarta novela de Xabier Quiroga. Acompañarán ao autor no acto Uxío Grande (Director do IES Laxeiro) e o editor Manuel Bragado.