Francisco Antonio Vidal: “Escribir é unha forma de manifestar as preocupacións”

Entrevista a Francisco Antonio Vidal en La Voz de Galicia:
“La Voz de Galicia: Esta novela saíu á luz pouco despois da presentación dun ensaio sobre os ritos e a fe, ¿que é máis complicado, escribir novelas ou obras de investigación?
Francisco Antonio Vidal: Os libros de investigación están dirixidos a un público moi concreto e teñen que servir para achegarlle información nova ao lector, senón é mellor non facelos. Isto implica un traballo intenso de mirar bibliografías, percorrer lugares, falar con xente… Pero a novela tamén implica moito esforzo. No caso de As deusas do calvario, eu decido poñerme con ela despois de ler dous libros e movo moita información e publicacións diversas para ir creando os personaxes. Cada obra, independentemente do xénero, require o seu traballo.”

Illa de San Simón: acto literario-musical Os libros arden mal

O sábado 25 de setembro a partir das 18:00 h. celébrase na Illa de San Simón unha performance literaria e musical sobre Os libros arden mal, onde Manuel Rivas estará acompañado polo cantante de tangos Marcos Meléndrez, o guitarrista Gastón Rodríguez e o gaiteiro, cantante e serruchista Pulpinho Viascón. Neste concerto escénico, palabras, música e imaxes van construíndo un espazo de re-existencia e de memoria sensorial sobre as cinzas da desolación. O punto de partida do relato e do espectáculo é un episodio real: a queima de libros das bibliotecas populares na dársena da Coruña, en agosto de 1936, e vai seguindo o rastro do fume que desprenden as fogueiras, ata que nas esquinas da historia escóitase o clamor de tangos, a melancolía indómita do mar, o serrucho que sona como un violín… As persoas interesadas en asistir deberán formalizar previamente a súa reserva para facer uso do transposte marítimo que AGADIC se habilitará para a ocasión. O barco partirá, tanto o sábado coma o domingo, ás 17:00 horas do porto de Vigo. As reservas haberán de realizarse tanto por teléfono (902 022 537) como por mail (loa@viaxesloa.com) ata cubrir a capacidade da embarcación.

Silvia Bardelás: “En Alemaña gustou que tocase un tema universal”

Entrevista a Silvia Bardelás en La Voz de Galicia:
“La Voz de Galicia (LVG): As Médulas é unha metáfora?
Silvia Bardelás (SB): Si, é unha paisaxe que me viña moi ben para explicar a situación das personaxes que están metidas como entre paredes que son as montañas do Bierzo. Por outra banda, son as médulas dos catro personaxes tamén, que o narrador métese nelas. (…)
LVG: Vostede dirixe un blog literario e vive en Madrid. ¿Dende esa perspectiva como ve a literatura actual galega?
SB: Vexo que está demasiado comercializada e ten que apostar por cousas novas e dalas. Hai unha tradición literaria moi boa en Galicia e a lingua está moi ben para escribir.
LVG: ¿Quere dicir que lle falta frescura?
SB: Non quero dicir que non haxa ideas frescas, pero quizais hai que apoialas máis, aínda que iso tamén ocorre a nivel mundial.”

A Coruña: Clube de lectura coordinado por Francisco Fernández Naval na Biblioteca González Garcés

En xoves alternos desde o 14 de outubro até o 23 de decembro retómase o Clube de Lectura en Galego que dirixe Francisco Fernández Naval na Biblioteca Miguel González Garcés da Coruña. Neste último trimestre conxugaranse autores galegos clásicos e contemporáneos, homes e mulleres de idades diferentes, para poder ter unha mellor visión do panorama actual da narrativa galega, lendo, por exemplo a Rafael Dieste e Anxos Sumai. Lidos os libros na casa, as persoas que forman o club comentarán as súas impresións, discutíndose aspectos, literarios ou non, relacionados coa obra e co autor ou autora, favorecendo o diálogo e a convivencia e unha mellor comprensión da obra. Máis información sobre as actividades e a inscrición neste enlace.

Manuel Núñez Singala: “Somos galegos porque falamos a nosa lingua”

Entrevista a Manuel Núñez Singala no Xornal:
“Xornal (X): Toda obra literaria non é sempre un engano en si mesma?
Manuel Núñez Singala (MNS): A literatura é ficción. Nese sentido sempre é un engano. Agora ben, a literatura é un sistema para aprender, para non enganarnos nunca. É coller suficiente valía e bagaxe para non enganarse.
X: Os relatos son un xénero máis complicados que a novela pola necesidade de síntese?
MNS: Son xéneros moi difíciles. As novelas son sempre de longo percorrido. É como ser un corredor de fondo e un velocista ao mesmo tempo. Cando falamos de relatos, temos que ter presenten que agora non temos demasiado tempo. Ás veces, cando pillo un libro de contos, pregúntome por que está organizado dese xeito. No meu libro, os relatos van organizados por tamaño e densidade. Así, se un día alguén ten cinco minutos e quere ler só tres páxinas, xa pode escoller algún. Se ten máis tempo, pode escoller outro. Por outro lado, o relato é un xénero moi difícil. Non me gustan os relatos nos que sobra moito. Un conto é un conto porque di o que fai falla, pero máis nada. Iso moléstame moito, eu escribo só o que é necesario. Eu teño contos que teñen sete palabras. Moitas veces dáme a impresión de que leo relatos que se poderían contar empregando a metade de páxinas.”

Lalín: presentación de Máis vidas, de Xosé Vázquez Pintor

O venres 24 de setembro, a partir das 20:30 h., no Museo Ramón María Aller Ulloa, en Lalín, preséntase o libro de narrativa de Xosé Vázquez Pintor Máis vidas, publicado por Espiral Maior. No acto intervirá, co autor, o poeta e editor Miguel Anxo Fernán-Vello, tendo lugar despois un recital de canto e de piano, coa cantareira Begoña Fernández Lorenzo e o músico e escritor Iago Mouriño.

Xurxo Sierra Veloso obtén con Os fíos o IV Premio de narrativa breve Repsol

Xurxo Sierra Veloso gañou o IV Premio de narrativa breve Repsol coa súa obra Os fíos, dotado con 9000 euros. O xurado, composto por Francisco Pillado, Modesto Hermida, Xosé Luís Axeitos, María Canosa e Carlos Lema, valorou da obra gañadora “a súa ironía, a pulida e traballada narrativa do autor, a orixinalidade no tratamento literario, así como o xogo de distanciamento orixinal, que resulta sempre moi intelixente, sendo esta unha obra que deixa sempre un espazo aberto ao lector ou lectora”. A esta edición presentáronse un total de 41 orixinais e inéditos, o que representa o maior número desde a súa creación.