Francisco Antonio Vidal gaña o III Premio Laudamuco para textos Teatrais coa obra A vinganza de Fortimbrás

Desde Nós Diario:
Francisco Antonio Vidal Blanco (Palmeira. Ribeira, 1957) é o gañador da terceira edición do Premio Laudamuco para textos teatrais, convocado polo Concello de Brión, a Academia Galega de Teatro e Edicións Positivas. O autor, nado na Bouciña (Palmeira), concorreu ao certame coa obra A vinganza de Fortimbrás, pola que recibirá un premio de 7.000 euros e a edición da peza por parte de Edicións Positivas.
A concelleira de Cultura, Sandy Cebral Gómez, destaca que “a pesar da situación excepcional por mor da pandemia da Covid-19, dende o Concello de Brión mantemos o noso compromiso coa cultura e vimos de fallar a terceira edición do Premio Laudamuco, que recaeu no escritor e etnógrafo coruñés Francisco Antonio Vidal Blanco”.
O xurado estivo formado por Pilar López Pérez, Xoana Balado Fernández, Gonzalo Rodríguez Calvo, Xulio Lago Alonso e Manuel Guede Oliva, persoas vencelladas á Academia Galega de Teatro e que escolleron por unanimidade o texto titulado A vinganza de Fortimbrás entre os 47 presentados ao certame.
O xurado destacou “o evidente interese que este premio concita, maila os seus poucos anos de vida, a teor do elevado número de textos presentados. É de supoñer que Roberto Vidal Bolaño estaría compracido”.
Segundo a acta do xurado, A vinganza de Fortimbrás é “unha precuela que vén dialogar co mito hamletiano e no que o autor rearma a historia shakesperiana, como antes fixera Álvaro Cunqueiro, propoñendo unha relectura na que os personaxes secundarios do drama orixinal pasan aquí a se converter en protagónicos, nun xiro de guión sorprendente e enriquecedor e no que é fácil percibir o amplo coñecemento por parte do autor ou autora da estrutura interna da obra de Shakespeare e no que Elsinor comparece como un espazo para abrigar novas hipóteses e traelas, de novo, a nós”. (…)”

“Libros na artesa”, no blog Os chanzos

Desde o blog Os chanzos, a cargo de Francisco Antonio Vidal:
” Libros na artesa non é unha editorial.
Libros na artesa son libros libres. É unha páxina sen ánimo de lucro onde se poden descargar libros galegos en formato eBook.
Son libros que esgotaron o seu percorrido polas librerías, contos ou relatos que os autores ceden para a súa difusión e lectura por medio de dispositivos electrónicos.
Para descargar o libro que desexes só é necesario pulsar o teu sistema de lectura.”

Aquí pode accederse ás obras.

Arteixo: encontro literario e recital poético na memoria de Paco Souto

O venres 12 de maio, ás 20:00 horas, no Centro Cívico e Cultural de Arteixo terá lugar un encontro literario, presentado por Alfredo Ferreiro, enmarcado no programa cultural do mes de maio.
Trátase de dar a coñecer as obras máis recentes de autores vencellados ao Concello de Arteixo. Os autores convidados son Francisco A. Vidal, Henrique Rabuñal, Miguel Sande, Modesto Fraga, Xosé Iglesias e Xabier Maceiras.
Tamén haberá un recital poético na memoria do poeta e activista cultural Paco Souto, para o que se conta co seguinte elenco: Emma Abella, Henrique Rabuñal, Iolanda Aldrei, Miguel Sande, Modesto Fraga, Rocío Blanco, Xosé Iglesias, Xabier Maceiras e Alfredo Ferreiro. O evento será acompañado pola música de Alberto Laso e Karlos Barral, co seu proxecto Infusiones Musicales.

Votacións dos Premios Barbantia da Cultura 2016

“Como Barbantiacada ano nestas datas, comunicamos que xa está aberto o prazo das votacións para que os socios e socias da Asociación Cultural Barbantia elixan os Premios Barbantia da Cultura 2016, que este ano se van celebrar no Concello de Porto do Son o sábado 3 de decembro.
Os candidatos, segundo a categoría aos PREMIOS BARBANTIA DA CULTURA 2016 son:

PREMIOS BARBANTIA 2016 Á TRAXECTORIA CULTURAL NO BARBANZA:
– Maxi Olariaga.
– Mª José Paz Franco – Maralla.
Francisco A. Vidal.

PREMIOS BARBANTIA 2016 Á INICIATIVA CULTURAL NO BARBANZA:
– Museo do Mar de Noia.
– Leñaverde (Boiro).
– A. C. Terra de Outes.

PREMIOS BARBANTIA 2016 DA CULTURA GALEGA:
– Quico Cadaval.
– Manuel Romero.
Blanca-Ana Roig Rechou.”

Toda a información aquí.