Entrevista
a Víctor F. Freixanes no Xornal:
“Xornal (X): Que conta Víctor Freixanes nesta novela chamada Cabalo de ouros?
Víctor F. Freixanes (VF): Trátase dunha novela centrada na época do volframio na Galicia do 49 ao 51, aproximadamente. Hai unha partida de cartas que dura tres días e tres noites entre un grupo de sete persoas cun capitán xogador, un vello alcalde do interior e un cura. Ese sería o núcleo da novela, pero é unha historia que resulta complexa porque se hai sete personaxes, hai sete vidas, hai sete historias. As historias entrecrúzanse, hai unha aventura de amor e unha parábola do país. A novela está construída como un cantar de cegos. (…)
X: Dezasete anos sen publicar unha novela. Por que agora?
VF: Eu escribo moito, pero publico pouca ficción. Escribo moito sobre investigación, estudos e literatura gris. De ficción, moi pouco porque é onde máis son eu. Na ficción atópome comigo, coas miñas pantasmas, coa miña visión de país. E cando escribo ficción, vexo a outra cara da moeda. Aínda así, teño catro ou cinco libros comezados. Este libro ía ser un conxunto de contos, pero atopei que no primeiro deles había unha novela que é a que finalmente sae agora. Os contos quedarán para outra ocasión. Cando escribes, de cando en vez volves, sobre as túas historias porque na literatura hai algo de diván de psiquiatra e algo de fuxida, unha especie de escape a outros mundos.
X: Falar con Freixanes, ademais de falar cun escritor, é falar cun editor. Non hai moito o presidente da Asociación de Editores, Manuel Bragado, advertía de que a edición en Galicia ía baixar un 20%. Son moi malos tempos para os libros?
VF: Probablemente sexa así, pero non é só un problema galego, senón que é algo xeral. E tamén hai que ter en conta que baixa o libro, pero tamén baixa a produción audiovisual ou da música. O mundo da produción cultural vive e vivirá momentos de recesión ou, polo menos, de austeridade. A edición vive unha tormenta perfecta porque agora temos uns factores políticos, económicos, financeiros e lingüísticos e temos unhas circunstancias de consumo e de novas tecnoloxías que a provocan.”
Arquivo da categoría: Narrativa
Santiago: presentación de Menú de enganos, de Manuel Núñez Singala
O mércores
22 de setembro, a partir das 20:00 h. na Libraría Couceiro de Santiago (Praza de Cervantes, nº 6), Manuel Núñez Singala o libro Menú de enganos, publicado en Galaxia. No acto participará, acompañando ao autor, Francisco Castro.
Betanzos: presentación de Os libros prestados, de Xabier López
O venres
17 de setembro, ás 20:00 h., na Sala Azul do Edificio Liceo de Betanzos, Xabier López presenta Os libros prestados, publicado por Galaxia. No acto participan, co autor, Gabriela Rodríguez, presidenta da Asociación Cultural Eira Vella, Carlos Lema, director de edicións de Galaxia, e Santiago Jaureguizar, xornalista e escritor.
Ourense: presentación de A vila das ánimas, de Jorge Emilio Bóveda
O xoves
16 de setembro, a partir das 17:00 h., preséntase na Libraría Duen de Bux, na Praza Maior de Ourense, o libro A vila das ánimas, de Jorge Emilio Bóveda, publicado por Toxosoutos.
A tradución ao galego de Reckless, de Cornelia Funke, participará simultaneamente no lanzamento internacional da obra
O vindeiro 14 de setembro de 2010 aparecerá nas librarías de Alemaña, os Estados Unidos e Reino Unido as edicións alemá e inglesa da novela Reckless. Carne de pedra, a primeira entrega da triloxía de Cornelia Funke, cunha tirada entre as dúas dun millón de exemplares. O mesmo día aparecerán, tamén, as edicións francesa, castelá, catalana e a galega, traducida por María Xesús Bello Rivas e publicada por Xerais, sendo a primeira vez en que a nosa lingua se incorpora a un lanzamento literario internacional deste tipo. Cornelia Funke (Dorsten / Westfalia, Alemaña, 1958) é unha das autoras máis lidas no mundo. Coñecida como a «Rowling alemá» e elixida pola revista Times como unha das cen persoas máis influentes do planeta, xa vendeu máis de 14 millóns de exemplares das súas obras, entre as que destaca Tintenwelt (Mundo de Tinta).
As Médulas preseleccionada para traducila ao alemán
Vigo: presentación de O burato do inferno, de Xosé Manuel e Ramón Trigo

A obra As Médulas, de Silvia Bardelás, chama a atención dos expertos alemáns
(Xornal)
Xabier López: “Render contas co papel”
Entrevista
a Xabier López en Galicia Hoxe:
“Galicia Hoxe (GH): O punto en común dos catro relatos é que os seus personaxes lles buscan un sentido ás súas vidas?
Xabier López (XL): Son catro relatos escritos coa vontade de conformar un volume. Formalmente, é o primeiro libro de relatos que publico, logo de sete novelas. Se buscamos un nexo común dos catro relatos si que pode ser esa busca dos personaxes. O libro xoga cun equívoco, xoga a parecer o que non é, na liña de Por que ler os clásicos de Italo Calvino. En Os libros prestados, os libros non son realmente os protagonistas, aínda que se fale de libros, senón de persoas entre as que pode haber o nexo de xente que intenta encaixar as súas perspectivas de vida. Tendo en conta a dinámica que se vén establecendo dun tempo a esta parte sobre o que é realismo ou ficción, ou literatura fantástica, teño dito moitas veces que a literatura forma parte das nosas vidas. A capacidade da literatura para establecer parámetros de conduta pódese ver en libros como A Biblia ou o Corán. Hai xente que ten parámetros de conduta establecidos como lector, e que despois se derivan insuficientes para facerlles fronte aos episodios que lles toca vivir.
GH: Neste libro reflexionas sobre a importancia do como e do porqué da escrita, como algo máis importante que o propio libro.
XL: Si, é un relato moi paródico. Xa non tanto o acto creativo como o acto decodificador do propio lector, que tamén é creador. Lendo o mesmo libro, non todos lemos igual. A ese nivel creo que están emparentados o creador literario e o lector. Sen chegar aos extremos do Quixote ou de Madame Bovary, que ven perturbado o seu comportamento normal por mor da literatura, en todos os aspectos, acabamos encaixando a vida sempre con moldes, sexa o discurso literario ou o cinematográfico.”
Marica Campo: Onde houbo lume
Entrevista
a Marica Campo en Galicia Hoxe:
“Marica explica que o libro “incide na miña teima de contar historias de mulleres e, tamén, en certa maneira, recolle as problemáticas das mulleres inmigrantes. As dificultades para escoller. Os problemas collen novas formas, pero seguen a existir. A xornalista, en cambio, que en principio ten máis marxe de elección, segue cun home ó que xa non quere, por costume”… Ante o actual panorama da lingua e da cultura, con dificultades para a edición, medios en galego que pechan, e ataques ó idioma, di que “os detractores do galego din que somos uns estómagos agradecidos. En realidade, escribir en galego non é rendible. Os que escribimos en galego facémolo porque acreditamos no país e na lingua, e como dicía Nonoveyra a forza do noso amor non pode ser inútil. Eu son optimista”, di.”