Ferrol: presentación dun libro de Neira Cruz

Mañá mércores 24 ás 20.00 horas na Galería Sargadelos de Ferrol preséntase o libro Jan estivo alí de Xosé A. Neira Cruz. O acto contará coa participación do autor acompañado por Víctor F. Freixanes, director xeral de Galaxia e membro da Real Academia Galega, e David Soler, ilustrador.

Santiago: presentación da nova novela de Marcelino Fernández Mallo

Este martes terá lugar en Santiago a presentación de Klásicos, segunda novela de Marcelino Fernández Mallo. Ademais do autor na presentación intervirán Rafael Cuíña, empresario e colaborador de diversos medios de comunicación, e Chisco Fernández Naval. A presentación de Klásicos terá lugar mañá martes 2 de febreiro na Librería Couceiro de Santiago, ás 8.00 do serán.

Cid Cabido: ‘A memoria sempre se transforma en ficción’”

A Nosa Terra conversa co escritor galego Xosé Cid Cabido:

“Como sabemos, a organización de datos para crear un relato é sempre unha construción artificial, por moito que eses datos procedan dunha experiencia real. Sempre hai versións. E nesas versións hai un grao de distorsión da realidade, ou polo menos, sempre se detectan diferenzas de percepción. O que comprobas nunha investigación como esta é que as versións adoitan ser moi nebulosas en aspectos esenciais e moi precisas en cuestións completamente secundarias. Así confirmamos que a memoria posúe uns mecanismos que contribúen a construír o relato, a deformar os feitos de tal xeito que, claro, rematan por transformarse en ficción. A que a cada quen lle convén contar.” [Ler entrevista completa]

Faleceu J. D. Salinger

O célebre escritor estadounidense Jerome David Salinger faleceu onte en Cornish, New Hampshire, aos 91 anos de idade. A súa mítica novela O vixía no centeo foi editada en 1990 por Xerais con tradución de Xosé Ramón Fernández Rodríguez, e desde entón leva vendidos máis de vinte mil exemplares no noso idioma. Tamén podemos ler en galego Nove contos, editado por Sotelo Blanco.

Rianxo: presentación de Sete palabras

O libro de Suso de Toro Sete palabras será presentado este venres 29 de xaneiro ás 20:30 no auditorio de Rianxo. No acto estarán presentes o autor; o secretario de Barbantia, Xosé Ricardo Losada; o académico, investigador e Premio Barbantia da Cultura Galega 2009, Xosé Luís Axeitos; o director de Xerais, Manuel Bragado; e mais o alcalde de Rianxo, Pedro Piñeiro.

A Coruña: obradoiro de narrativa con Marina Mayoral

A Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés abriu o prazo de inscrición para o Obradoiro de escritura narrativa impartido por Marina Mayoral. Hai vinte prazas que se outorgarán por rigorosa orde de petición (a inscrición é gratuíta). O obradoiro celebrarase do martes 9 ao venres 12 de febreiro de 2010, cun total de 20 horas repartidas en catro sesións de cinco horas diarias (de 10h a 13h e de 17h a 19 h). Os interesados poden chamar ao teléfono 981-170218/19, escribir un correo electrónico ou ben comunicalo en persoa na Sala de consulta da Biblioteca (Rúa Miguel González Garcés, 1 15008 A Coruña). Máis información: PDF, 124 KB.

Pontevedra: tertulia sobre o novo libro de Suso de Toro

O vindeiro xoves 26 de novembro terá lugar en Pontevedra unha tertulia arredor da novela de Suso de Toro Sete palabras, que contará coa intervención, ademais do autor, do editor Manuel Bragado. Será a partir das 20,00 horas, na sede da Fundación Caixa Galicia, no Edificio Café Moderno de Pontevedra.