Lugo: conferencia de Celso Álvarez Cáccamo

No Centro Social Madia Leva! continuan os actos do Mês da Língua. Este xoves 4 de xuño Celso Álvarez Cáccamo pronunciará a conferencia A crise da língua e a lógica do Capital, na que falará sobre o conflito lingüístico, o significado do uso do galego como extracción de clase e o seu significado de resistencia cultural e política, aplicando para o caso galego os conceptos ‘capital cultural’, ‘mercado’ e ‘submercado’ de Bourdieu.

Celso Álvarez Cáccamo (Vigo, 1958) é escritor, sociolingüista e profesor titular de Linguística Xeral na Universidade da Coruña. Entre 1975 e 1990 estudou e morou em Compostela, Barcelona, Buffalo (EUA) e Berkeley (EUA). Doutor en Filoloxía Hispánica, a sua tese de doutoramento, The Institutionalization of Galician: Linguistic Practices, Power, and Ideology in Public Discourse, foi presentada na UC Berkeley. É administrador da páxina Versão Original e da revista çopyright: pensamento, crítica e criação.

A Coruña: Sabela Pato no ciclo Escrita(s)

Este xoves 4 de xuño ás 20 horas o ciclo Escrita(s) organizado pola Galería Sargadelos da Coruña (Rúa Real, 56) acollerá á escritora Sabela Pato. A súa sesión leva por título A domadora:

Imos partir dun elemento central na escrita da arte contemporánea,o artefacto. Polo camiño, perderemos a noción de obra en tanto que unidade ou complexo de sentido e caeremos no disparatado. Presentareivos á domadora e descenderemos das peanas da arte ao lugar dos obxectos comúns: alí onde nós habitamos, alí onde sempre acabamos por constatar o paradoxo, pois alén dos reclamos de claridade e de facilidade, as nosas vidas abísmanse en múltiples intersticios. Acompañarannos Alicia e a eiruga, a voz de Duras e mesmo pode que Quintana.

 

Ourense: conferencia de Basilio Losada

Maná martes 2 de xuño as oito e cuarto da tarde na Aula de Cultura da Sociedade do Liceo de Ourense o profesor Basilio Losada Castro pronunciará unha Conferencia co título Diálogos con Ramón Piñeiro. Basilio Losada (Láncara, Lugo, 1930), é un tradutor galego, crítico literario, catedrático de Filoloxía Románica na Universidade de Barcelona desde 1986 e catedrático de Filoloxía Galega e Portuguesa. Traduce ao castelán e ao galego e é autor de numerosos estudos críticos sobre a literatura galega, portuguesa e brasileira.

Lugo: conferencia de José Manuel Barbosa

No Centro Social Madia Leva! (Rúa Amor Meilán 18, Lugo) continúan os actos do Mes da Lingua. Hoxe xoves 28 terán como convidado a José Manuel Barbosa, historiador e membro do consello de AGAL, que impartirá unha palestra titulada A lingua galego-portuguesa no mundo. A matriz galega. Nela tratará distintos temas como a aparición da língua galego-portuguesa no noroeste peninsular, a súa situación anterior á entrada do latín, a situación lingüística durante a Baixa Idade Media e a súa dimensión nacional e internacional. Será a partir das 20:30.

A Coruña: conferencia de Goretti Sanmartín

A Asociación Cultural Alexandre Bóveda informa que este xoves 28 de maio terá lugar a conferencia Os retos da(s) lingua(s) hoxe a cargo da filóloga e profesora da Universidade da Coruña Goretti Sanmartín dentro do ciclo Lingua e Letras. Será ás 20:30 h, no salón de actos da asociación (R/ Olmos 16-18, 1º) con entrada libre.

A Coruña: Oriana Méndez no ciclo Escrita(s)

Partindo da noción de “identidades relacionais”, a poeta e filóloga Oriana Méndez tratará de caracterizar a estrutura da blogosfera e provocar, así, a conversa sobre as capacidades que estas redes sociais (blogs) posúen á hora de repercutir ou influenciar no ámbito do pensamento e da acción política. É a blogosfera un novo espazo público ou unha extensión do que xa existía? É unha refundación da Democracia? Esas serán algunhas das preguntas sobre as cales reflexionar nesta sesión do ciclo Escrita(s) baixo o título A blogosfera e a pluriarquia. Que posibilidades?, na Galería Sargadelos da Coruña (Rúa Real, 56), hoxe xoves 28 de maio a partir das 20 horas.