A Coruña: presentación de Ningún precipicio, de Olalla Cociña

A sexta feira 15 de novembro, ás 20:00 horas, na Casa da Fariña (Praza de Azcárraga, 6) da Coruña, preséntase Ningún precipicio, de Olalla Cociña, publicado en Toxosoutos. No acto, xunto á autora, participan Iago Martínez e Dores Tembrás.

Fallado o VIII Certame de poesía erótica Illas Sisargas

Desde Que pasa na Costa e Portal Galego da Língua:
“Este pasado sábado, a Casa da Vasca de Barizo acollía a Cea das Letras, organizada pola A. C. Caldeirón coa colaboración do Concello de Malpica de Bergantiños, e que serviu para facer público o fallo do VIII Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas.
Antes, o acto tivo dous puntos de interese. José Estévez acudiu como autor invitado e puido presentar o seu libro Flirteando no Feisbu. Ademais, e como cada ano, o acto serviu para presentar a obra gañadora do VII Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas. A obra escollida o ano pasado, e premiada coa súa edición, é Chamádeme Eva, da escritora Mercedes Leobalde García.
Despois da súa intervención o xurado, composto pola propia Mercedes Leobalde García, o animador sociocultural do concello Antón Lois Noceda Carballo, e o Presidente da A. C. Caldeirón, Francisco Quiroga López, deron conta do fallo.
Logo de ver as 15 obras presentadas e despois de deliberar sobre as características de cada unha delas, seleccionaron a que leva por título Dominio Público que resultou ser do escritor Ramón Neto.
A obra, que alterna poemas en verso con prosas poéticas, presenta ademais un léxico rico e variado que se atreve ata coa astronomía e os corpos celestes, un calidoscopio de puntos de vista no eu lírico e frecuentes xogos cómplices co lector nos que se funden e confunden literatura e “realidade”. Todo o dito fai de Dominio público un poemario dunha gran modernidade, variado, fresco e enxeñoso sen renunciar con todo a certas referencias culturais, cinéfilas e pictóricas- e dunha notable calidade literaria.
Tamén o xurado propuxo igualmente unha mención para o poemario presentado co título Ode à Madison Ivy e outras coisas de meter, da escritora Verónica Martínez Delgado.”

Santiago: espectáculo de poesía e humor Super-Market

O xoves 14 de novembro, ás 21:30 horas, na Nave de Vidán (Avenida Mestra Victoria Míguez, nº 44) de Santiago de Compostela. Super-Market pode definirse como Stand Up Poetry: xa que se achega moito ao espectador dende o humor, pero dun xeito poético. Nace da necesidade de mesturar as diferentes disciplinas artísticas polas que transita Esther F. Carrodeguas: a escrita poética, o recitado, a interpretación, o clown ou a investigación xornalística (en referencia á alimentación nos supermercados, neste caso).

Parlamento das Letras: María do Cebreiro

Entrevista de Armando Requeixo a María do Cebreiro no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo: ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– María do Cebreiro (MdC): Eu penso que habería que superar a concepción “deficitaria” da literatura galega. Ningunha literatura pode telo todo! Así que eu diría que o que lle sobra á literatura galega é esa conciencia carencial que ten, para min bastante inxustificada. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– MdC: Na poesía, o ámbito que mellor coñezo, paréceme magnífico. Hai autores novos (Samuel Solleiro), moi novos (Gonzalo Hermo) ou novísimos (Ismael Ramos) polos que sinto un grande respecto. Penso que, cando a literatura que está a facerse xusto agora dá razóns fundamentadas para a esperanza, non pode pedirse moito máis. (…)”