Música e poesía en Cabana de Bergantiños

«Este venres 11, a partir das 22:00, celebrarase na Praza de Neaño a ‘Noite da música e da poesía’ en homenaxe a poetisa local María Baña Varela e do compositor do Balado (Neaño) Xosé María Álvarez Canto. Recitarán o poeta de Canduas Óscar de Souto e o malpicán Paco de Tano. Tocarán o acordeón As dúas e Xesús Couto e os seus acordeóns.» (Concello de Cabana de Bergantiños)

“(Re)novarte”, obradoiro de poesía para escritores novos

«Outro Taller Xuvenil que nace neste ano 2008 en Artes no Camiño é (Re)novarte. A poesía únese ao Encontro das Artes que ten lugar na tempada estival polos camiños de Lugo. Profesionais da literatura traballarán e prepararán a un alumnado escollido mediante a previa valoración dos seus escritos, con fins como realizar presentacións en público que dean vida a ese traballo tan íntimo que é a creación poética.» Máis información aquí. (Artes no Camiño)

Homenaxe a Manuel Curros Enríquez en Compostela

«O martes 24 de xuño a Concellaría de Cultura e Centros Socioculturais convídante aos actos de homenaxe a Manuel Curros Enríquez co seguinte programa de actividades:

-Conferencia de Pilar García Negro. “A defensa da lingua galega en Curros Enríquez”. Ás 20:00 horas no Centro Sociocultural do Ensanche (Rúa de Frei Rosendo Salvado, 14-16).

-Concerto homenaxe a Curros Enríquez. María José Ladra / Antón de Santiago / Cítola: “Na frente unha estrela”. Ás 21:00 horas no Teatro Principal.»

Convivio literario na Lóuzara de Fiz Vergara Vilariño

«Convidámosvos a todos a acompañarnos en xuño (o día 14) á nosa viaxe literaria a Lóuzara, para recitar aos outeiros os versos do Fiz que voarán polo ceo do seu val como bolboretas preñadas de ilusións. Quizais teñamos tempo para perdelo, coñezamos o noso interior como un mapa de sentimentos e escoitemos os recitadadores como a música dos ríos de Lóuzara.

Agardaremos por vós na Casa da Cultura de Sárria ás 12:00 para saír cara Paredes de Lóuzara ao Mesón de Paredes onde nos agarda o comezo.

Confirmade por mail (mariacasar@hotmail.com) ou nos teléfonos 678 60 15 50 (María) ou 677 429 225 (Xerardo).» (Directiva da A. C. Ergueitos)