Reportaxe
en Cultura Galega sobre o diálogo entre poesía e plástica na obra de Xosé María Álvarez Cáccamo:
‘”Desde moi pequeno sentín atracción por diferentes manifestacións das artes visuais. Desde sempre fixen maquetas ou máquinas inventadas por min, pero non lle daba trascendencia. A finais dos 80 comecei a tomalo máis a serio, sobre todo a manufactura de obxectos”. A aposta de Cáccamo por este tipo de creacións insírese nunha tradición poética que arrinca xa co surrealismo e o dadaísmo. “Cando coñecín o traballo de Joan Brossa neste sentido sentinme moi motivado. Eu daquela chamáballes obxectos construídos, pero funme abeirando ao que se pode chamar poema obxectual”. O poeta recoñece a dificultade de separar este concepto da escultura. “Non penso que o saiban realmente nin os críticos. No meu caso polo menos, os poemas visuais inclúen texto ou algunha referencia textual ou literaria, como pode ser empregar máquinas de escribir ou mesmo só os teclados separados da máquina. Nalgúns casos teñen un valor visual por si, pero outros cómpre lelos ou interpretalos. Pola contra, para min os obxectos construídos están un pouco máis na liña da escultura”, explica este autor.
Con boa letra
Canda ao traballo con obxectos, Cáccamo traballa tamén a poesía visual ou caligráfica. Obras como Manuscritos do ar ou a mais recente Cántico de topónimos esdrúxulos amosan versos manuscritos nos que as palabras collen diferentes cores e formas para expresar as ideas do autor. “Gústame o acto físico de escribir a man, teño toda unha afección emprego da letra manual e sempre traballei con letrismos e este tipo de cousas”, lembra o autor. Este tipo de composicións entrou con forza na poesía occidental cos caligramas de Apollinaire, que compuñan figuras mediante as letras. No entanto, o traballo de Cáccamo non aposta por recrear formas concretas. “A seguir ese diálogo entre pintura e texto, penso que pode entrar nel tamén a pintura abstracta, e entón no meu caso a apariencia externa das letras non é figurativa, pero non deixa de haber unha referencia pictórica mediante o emprego de formas abstractas. En realidade o poema caligráfico e o caligrama son dous produtos moi próximos”. (…)
Outros creadores
A nivel galego, non son moi comúns apostas creativas como as que fai Álvarez Cáccamo, aínda que existe unha certa tradición a nivel de poesía na que o texto compón figuras con autores como Manuel Antonio ou de interese polo poema caligráfico con exemplos destacados como Uxío Novoneyra. No entanto, Álvarez Cáccamo salienta que si coñece creadores que na actualidade exploran vías semellantes, aínda que en moitos casos non se coñecen de xeito público. “Coñezo a xente que se dedica a isto, non moitos en Galicia, poida que sexamos 10 ou 12, con autores como Xavier Seoane, Claudio Rodríguez Fer, Elvira Riveiro ou Baldo Ramos, pero hai máis xente do que se pensa, e na rede van aparecendo cousas”. A propia dificultade para publicar de xeito masivo este tipo de traballos afasta en boa medida estas creacións da edición convencional. Un superior custe dos facsímiles de textos caligráficos ou directamente a imposibilidade de facer grandes tiraxes do que son auténticas esculturas fan que só se poidan atopar en tiraxes pequenas e coidadas como as que realiza a editorial Bourel, ou que haxa que asistir a exposicións para coñecer este tipo de creacións. “É unha arte moito máis minoritaria do que a poesía discursiva, e é tamén normal que nun territorio onde falta aínda normalización cultural non se lle preste demasiada atención a propostas menos convencionais. Eu mesmo teño poesía na liña do letrismo, combinando letras de imprenta, ou feita con imaxes e lenzo, pero non a teño publicado”.’
Arquivo da categoría: Poesía
Xavier Rodríguez Barrio: “Din nos libros de texto que son un poeta raro: vivir apartado en Lugo sálvame dos problemas que hai nos gremios”
Entrevista
a Xavier Rodríguez Barrio en Galicia Hoxe:
‘Foi así como comezou a moldear os versos de Calado testamento en 1995. Foron máis de quince anos de escrita a lume lento, nos que non renunciou ao verso libre e longo pero con ritmo nin ao pracer do recitado e á pulcritude lingüística co galego. “Cando comezamos a escribir non había dicionario nin gramática do galego. Eu nacín en Lugo capital e fun educado en castelán. Así que a miña preocupación máis profunda era recuperar formas perdidas da lingua para a linguaxe poética, o cal me valeu que me consideren nos libros de texto un poeta escuro e raro: vivo apartado en Lugo porque non teño carné de conducir. Pero iso permitiu que me salvara dos problemas que hai en todos os gremios e que me leve ben con poetas de Vigo ou A Coruña….”, argumenta.
O resultado é Calado testamento, un balance “amoroso, vital, da Terra, de Galiza como raíz”, pero non significa un punto e final senón unha obra de madurez. “O libro está dividido en tres partes nas que xogo con sensacións contraditorias. A primeira chámase En brazos da súa sombra, que xa no seu propio título fai referencia a connotacións positivas e negativas; a segunda parte, Tan inhóspita luz supón a vivencialidade da terra, un resumo do país onde vivimos e a derradeira parte Ningún regreso é unha volta ao que xa non existe, á infancia, a certas felicidades que non van volver”, comenta o autor. Para o autor lucense, a proba de que a literatura galega “evolucionou” reside nos “borbotóns” de novos escritores. “Antes eramos seis ou sete poetas que tiñamos como referentes a Ferrín, García Bodaño, Bernardino Graña, Arcadio López Casanova, Celso Emilio Ferreiro, Manuel María, Novoneyra, Xosé María Díaz Castro ou Cuña Novás. Hoxe o 90 por cento das novas xeracións de escritores son profesores de galego ou xornalistas”, comenta.’
A Coruña: presentación de Lois Pereiro. Unha persecución e recital poético e musical
O
xoves 23 de xuño, a partir das 22:00 horas, no Bar Patachim (Beiramar, 16) da Coruña, terá lugar a presentación do libro Lois Pereiro. Unha persecución, de Mario Regueira, publicado en 2.0 Editora. Tamén participarán as integrantes máis guapas das Ataque Escampe, David Pobra cunha performance loisista, Arsenio Iglesias Pazos e Haizea Barzenilla cun recital de poemas de Lois traducidos ao euskera, Fayez Khalaf recitando Contra a morte en árabe, e Andrea Nunes Brións, quen iniciará o recital aberto á participación espontánea do público.
Santiago: presentación de As crebas, de Miro Villar
O
mércores 22 de xuño, ás 20:00 h., na Libraría Couceiro de Santiago de Compostela, preséntase o libro As crebas, de Miro Villar, publicado en Espiral Maior. No acto, acompañando ao autor, estarán Miguel Anxo Fernán Vello, Francisco X. Fernández Naval e Francisco Fernández Rei.
Santiago: recital Mariñeiros de porcelana, de Elías Portela
O
mércores 22 de xuño, ás 20:00 horas, na Galería Sargadelos (Rúa Nova, 16) de Santiago de Compostela, terá lugar o recital poético Mariñeiros de porcelana, de Elías Portela, onde lerá fragmentos dos seus poemarios en galego Cos peitos desenchufados e Imaxes na pel, así como algúns dos seus poemas en islandés.
“O número de poemas coñecidos de Cunqueiro vaise duplicar”, segundo Manuel Forcadela
Santiago: I Festa dos Livros Novos
Xoán Carlos Domínguez Alberte: Sesión de baño e masaxe
Entrevista
a Xoán Carlos Domínguez Alberte en Galicia Hoxe:
“(…) Domínguez Alberte ofrece unha visión positiva sobre o futuro en Materia infinita. Como di no texto Bambán, a vida renova o seu xogo nunha oscilación pendular de sobe e baixa. É o empeño do autor. “Gústame transmitir unha experiencia vital, optimista pero crítica, nunca de derrota senón de compromiso. Porque temos que loitar por un espazo propio, non renunciar aos nosos dereitos en lingua, cultura, política e territorio”, asegura.
De feito, no libro, inclúe textos como o Tratado industrial do esquecemento no que denuncia o abandono das explotacións de minerais en Galicia. Textos en prosa que lle serven ao autor para “enxalzar os marcos da creción, que marcan o contrapunto coa primeira parte do libro e á vez serven como unha forma de singularizar o abandono de moitos aspectos da nosa vida”, apunta o escritor e profesor.
“Adoito analizar olladas escuras pero nunca cunha perspectiva de derrota senón de compromiso colectivo. A mensaxe ten que ser que non podemos renunciar a un país rico e soberano”, engade. (…)”
Santiago: recital poético Expulsadas do Parnaso
O
venres 17 de xuño, ás 20:00 horas, na Casa das Asociacións de Cornes (Rúa Manuel Beiras, 3) de Santiago de Compostela, terá lugar o recital poético Expulsadas do Parnaso, coa participación de Andrea Nunes Brións e Raquel Rei (As Candogas do Quirombo), Ania González, Emma Pedreira, Estíbaliz Espinosa, Ledicia Costas Álvarez, Olalla Cociña, Dores Tembrás, Raquel Rei e Teófila Noemí Ruiz. Segundo comentan os seus promotores: “Poetas de diferentes xeracións e estéticas reúnense co público nunha escoita e espazo non convencionais. Voz, xesto e audiovisuais achegarán a obra destas mulleres que comparten a palabra como canle para dicir pero de xeitos moi diversos”. O acto enmárcase nas xornadas Que ves cando me ves?, que buscan visibilizar e dar voz á muller na produción cultural galega, e promover a reflexión crítica da cidadanía. As xornadas continuarán o sábado 18 coa celebración dun evento central, entre as 11:00 e as 14:30 h., nunha carpa na praza Roxa de Santiago onde se fará estampación en directo de mandís e bolsas da compra con lemas e motivos que traerán a Santiago o espírito do maio francés. Alí haberá tamén contacontos, stands de revistas e editoriais e outros espectáculos sempre abertos á participación do público. Ese mesma mañá o Colectivo Artístico 20 65 levará a cabo unha instalación-performance coa colocación de 300 globos no chan que o público axudará a liberar, unha metáfora do teito de cristal que obstaculiza a ascensión das mulleres nos seus proxectos persoais e profesionais.
