Luz Pozo e Lois Pereiro traducidos para castelán

«Espiral Maior publícaas na súa colección Spiralia, canda a unha antoloxía de Manuel Rivas, unha de poesía galega dos cincuenta e outra dos séculos escuros.

As cinco obras presentaranse en Madrid en marzo, nun acto conxunto. Entre o máis salientábel da colección figura a antoloxía de Lois Pereiro, nunca antes traducida ao castelán, así coma a de Manuel Rivas, que incluirá poemas inéditos e Códice Calixtino, de Luz Pozo Garza.». (Vieiros)

Rivadulla Corcón publica O adeus do vello mariñeiro

«O adeus do vello mariñeiro, fala dunha historia de dúas persoas que simbolizan aqueles homes e mulleres do mar, loitadores das ondas, que forxaron unha cultura, un xeito de entender a vida, coas súas vivencias, a súa linguaxe, os seus fogares, as súas ferramentas, os seus labores. Henrique Rivadulla olla cara a ese mar que foi escrito e reescrito, reiterada e teimudamente, polos mariñeiros desde antigo, pola forza do seu traballo. Onda eles, foi pescar estes versos.» (Galicia Hoxe)

Acto conmemorativo do centenario do himno

A Concellaría de Cultura da Coruña organiza o programa do acto conmemorativo do centenario do noso himno. Será o 20 de decembro ás 20:00 horas no Teatro Rosalía de Castro. Intervirán, entre outros, no acto Manuel Lourenzo e Manuel Ferreiro.

O sexto sentido, espectáculo poético-musical con Eva Veiga

O sexto sentido, espectáculo poético-musical do grupo Ouriol, será ofrecido no salón de actos da Biblioteca Pública “Miguel González Garcés” da Coruña o mércores 19 de decembro ás 20:30 horas.
O espectáculo conxuga poesía e música nun diálogo suxestivo que procura a comunicación de sensacións, emocións e sentimentos. O recital, que ten como fío conductor a propia experiencia poética, traslada ao noso idioma versos de autores estranxeiros ,tales como Blake, Michaux, Kavafis, Wallace Stevens, Sylvia Plath, Pizarnik, Cirlot, Gamoneda ou Celan; asemade, estará presente a poesía de poetas galegos como Miguel González Garcés, Manuel María ou Luísa Villalta.
O grupo Ouriol está formado polos músicos Fito Ares -instrumentos de vento- e Bernardo Martínez –percusión e clarinete-; a voz recitadora é a da poeta Eva Veiga.
Este evento pertence ao programa de actividades de animación á lectura que vén desenvolvendo a Biblioteca “Miguel González Garcés”.

A revista mexicana Reverso publica un monográfico de poesía galega

«A revista mexicana Reverso presentou onte na Feira de Guadalajara a súa nova entrega, que inclúe un monográfico sobre poesía galega. O director da publicación, Carlos López de Alba, subliñou a “magnífica saúde” deste xénero en Galicia.

No mesmo acto, a conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, referiuse ás pontes recuperadas entre Galicia e México e a persoeiros galegos que viviron no país americano, como Carlos Velo, Lorenzo Varela ou Elixio Rodríguez.

O monográfico recolle poemas de Luz Pozo Garza, Xohana Torres, Manuel Álvarez Torneiro, Xosé Luis Méndez Ferrín, Xosé María Álvarez Cáccamo, Xulio Valcárcel, Xavier Seoane, Chus Pato, Pilar Pallarés, Miguel Anxo Fernán Vello, Eva Veiga, Olga Novo, Yolanda Castaño e Emma Pedreira, acompañados por ilustracións de Alfonso Costa. […]» (Xeración Web)

Presentación en Vigo de Profundidade de campo, de Yolanda Castaño

A presentación de Profundidade de campo (XV Premio de poesía Espiral Maior) , de Yolanda Castaño Xoves, terá lugar o día 13 de decembro ás 20:00 horas en El Corte Inglés de Vigo – Sala “Ámbito Cultural” (Gran Vía, 25, 7º andar).
Contará coa presenza do escritor e membro do xurado Xosé Mª Álvarez Cáccamo, o
director de Edicións Espiral Maior Miguel Anxo Fernán Vello e a propia autora, que asinará exemplares da súa obra desde as 19:00 horas na sección de libraría.

III IMPLÍCATE! Noite de música e palabra solidaria

«Xa están á venda as entradas para o III IMPLÍCATE! Noite de música e palabra solidaria, promovido por Implicadas no desenvolvemento. O evento solidario, que terá lugar o domingo 16 ás 20:30 horas, reunirá no Teatro Principal de Compostela a artistas de luxo a prol da sensibilización cidadá e da cooperación.»
Marí­a Lado, Antón Lopo, Estí­baliz Espinosa e Miguel Anxo Fernán Vello daranse cita neste evento, que será presentado por Yolanda Castaño e Isabel Blanco.