Presentación de “Haikús da Costa da Morte”, de Alfonso Armada e Antón Patiño

O venres 1 de xuño terá lugar ás 20:30 horas a presentación por parte de Juan Manuel Bonet do cartafol de gravados e poemas Haikús da Costa da morte, de Alfonso Armada e Antón Patiño, na Galería Antonio Machón (C/ Conde de Xiquena, 8, Madrid). O acto coincide coa mostra actual de Antón Patiño “Memoria líquida”, que se exhibe na Galería Antonio Machón até o día 7 de xuño de 2007.

Presentación d'”Os ríos pasan cheos de Deus”, de Victorino Pérez

A Galería Sargadelos albergará a presentación do libro de Victorino Pérez Prieto Os ríos pasan cheos de Deus. Poesía relixiosa en galego, editado por Nume. No acto intervirán, ademais do autor, Xaime Bello e Martinho Montero Santalha. Será o martes 29 de maio ás 20:00 horas.

Ferreira Gullar en Compostela

“Na próxima terza feira, día 29 de maio, terá lugar unha tertulia-recital co poeta e crítico de arte brasileiro Ferreira Gullar, que será conducida polo xornalista Anxo Quintela, a profesora Mª Carmen Villarino Pardo e o profesor Luciano Paula de Melo, de Literatura Brasileira da USC, ás 20:00 horas no Paraninfo da USC na Facultade de Xeografía e Historia.”

Exposición “Poemas pola memoria”, n’A Coruña

Na Asociación Cultural Alexandre Bóveda da Coruña (Olmos, 16-18, 1º) o vindeiro venres 25 de maio (13:00 horas) terá lugar a rolda de prensa de presentación da exposición Poemas pola memoria, que organiza a Marcha Mundial das Mulleres, en colaboración coa Comisión de Recuperación da Memoria Histórica e patrocinada pola Delegación provincial da Consellaría de cultura.
Trátase dunha exposición fotográfica de Manolo Graña acompañada por poemas que recollen a represión fascista en Galiza. A inauguración será o mesmo día ás 18:00 horas.

Entrega de premios do concurso “Contos do Mediterráneo”

Dentro do programa do “IIº Ciclo Galiza: nin rastro de mulleres?”, na Biblioteca Francesca Bonnemaison de Barcelona (Sant Pere més Baix, 7) terán lugar un recital poético en homenaxe a María Mariño e a entrega de premios do concurso literario Contos no Mediterráneo, que contará coa presenza do escritor Diego Ameixeiras. Será o venres 25 de maio de 2007, ás 19 horas.

Yolanda Castaño no Festival Internacional “Primavera poética” de Lituania

Yolanda Castaño será  desde o día 21 de maio a única representante do estado español no Festival Internacional “Primavera poética” de Lituania. Este festival conta xa con 43 edicións (dende o ano 1965). O encontro constitúe unha consolidada cita no mundo da poesía a nivel mundial e que vai contar este ano e por vez primeira na súa historia cunha autora de literatura galega. (La Voz de Galicia)

Recital sobre a poeta canadense Erín Moure en Vigo

O martes 22 de Maio de 2007 ás 20:00 horas, na Casa de Portugal de Vigo (onde está o Instituto Camoens), terá lugar un “Recital transcreativo” que contará coa presenza de Oana Avasilichioaei, Erín Moure, Chus Pato e María Reimóndez. Ofrecerá textos da poeta canadense Erín Moure (tradutora de Chus Pato) que sairá traducida en Galaxia en breve.

Remata o ciclo de conferencias do Liceo de Ourense

“O próximo martes 22 de maio a Sección de Literatura do Liceo de Ourense, co gallo da celebración do Día das Letras Galegas adicado a autora María Mariño, organiza una Xornada co seguinte programa:
-Ás 17:30 horas, na Sala de Tertulia: Recital de poesía co gallo das Letras Galegas adicado a ”María Mariño”.
-Ás 20:15 horas, no Salón Noble: Conferencia de Carmen Blanco sobre ”Maria Mariño”.
Como remate do Vº Ciclo de Conferencias Visións de Galicia co título “As mulleres na cultura galega”.”