A Coruña: inauguración da exposición Deter o día cunha flor

O artista José Valentín expón na Coruña a colección Deter o día cunha flor, que recolle os gravados que o artista preparou para os poemas de Luz Pozo, publicados nun libro do mesmo título por Baía Edicións. O acto de inauguración terá lugar na Casa Museo Casares Quiroga, rúa Panadeiras 12 (A Coruña), o mércores 29 ás 20:00 horas, en el participarán o tamén gravador e humorista Siro López. A exposición estará aberta do 28 de xullo ao 16 de agosto.

Santiago: presentación de Once máis 15

Edicións do Cumio e a asociación MusicARTE presentarán ao público o Libro-CD Once máis 15 durante a celebración do Festigal, cun concerto que terá lugar o venres día 24 de xullo a partir das 19 horas no espazo do Café Concerto. Intervirán o cantautor Miguel Alonso e os grupos Nao e Ataque Escampe, formacións que participan nesta edición de textos da nosa lírica musicados por conxuntos galegos a cal vén de publicar a editora de Pontevedra.

Sarria: Roteiro Literario-Artístico pola Lóuzara de Fiz Vergara Vilariño

O luns 27 de xullo de 2009, ás 18:00 horas, en Aira Padrón (Samos) a Agrupación Cultural Ergueitos organiza un percorrido até a casa natal de Fiz Vergara en Santalla de Lóuzara. Irán parando en puntos do roteiro no que xa estean colocadas intervencións (Fernado Yáñez e Manuel Caamaño) ou nalgún outro nos que os traballos estean avanzados (Álvaro de la Vega, Violeta Bernardo, Primitivo Lareu e Paco Pestana). A intención é converter o roteiro literario que fan cada ano pola Lóuzara Xabreira de Fiz Vergara nun parque escultórico que lembre ao poeta a través de poemas escollidos da súa obra con referencias xeográficas concretas do val de Lóuzara e das intervencións artísticas creadas tendo como base eses poemas, procurando incardinar as obras plásticas na paisaxe louzarina. A palabra poética asaltará aos camiñantes que percorran este roteiro e acompañará en paneis gravados ás intervencións dos artistas plásticos para que o visitante documente a xénese da intervención escultórica. O ceo, a auga do río e da Fonte da Cova e os soutos dos castiñeiros louzarinos serán as paredes, o teito e o chan dese museo aberto.

Indicacións de itinerario: dende Samos, despois de pasar diante do Mosteiro e rodealo cóllese a saída en dirección a Triacastela. A 1 km. hai un desvío á dereita sinalizado: Lóuzara. A 8 km. sen desviarse chegamos a Aira Padrón (só hai unha casa-restaurante cara a esquerda e unha rotonda). É o primeiro punto do roteiro. Desde aí baixase cara o val de Louzara.

Tempo aproximado da visita: 1, 5 horas

Contacto: María Casar Díaz, presidenta da A.C. Ergueitos. Tlf: 678 601 550 – 677 429 225

Programa “Poetas em Residência 2010” da Universidade de Coimbra

Encontra-se aberto, até dia 30 de Julho de 2009 (prazo alargado), o Concurso relativo ao ano de 2010. Os/as 2 poetas seleccionados/as para uma estadia de 1 a 3 meses (Janeiro a Março de 2010) na aldeia histórica de Monsanto (com o apoio da Câmara Municipal de Idanha-a-Nova), usufruem, além da estadia, de uma bolsa de viagem, devendo apresentar, além de uma carta de apresentação e CV, um projecto de trabalho a desenvolver com alunos/as e docentes da Universidade de Coimbra (conferências, worshops, seminários, etc.). [Ler noticia completa]

Bernardino Graña ingresa na Real Academia Galega

O escritor Bernardino Graña foi elixido onte académico numerario na reunión de onte dos membros da Real Academia Galega na que se acordou ademais dedicar o Día das Letras 2010 ao poeta do Courel Uxío Nonoveyra. Nacido en Cangas do Morrazo en 1932, Bernardino Graña é recoñecido sobre todo como poeta, aínda que tamén é autor de pezas teatrais e dunha importante obra narrativa no ámbito da literatura infantil.

Gondomar: Espazo lectura celebra o San Xoán con poesía e contos

Mañá martes, 23 de xuño, Espazo Lectura celebrará a noite de San Xoán na Casa da Lectura cunha actividade na que xuntarán poesía, lume e contos: A fogueira dos versos. A sesión, que toma prestado o nome dun poemario de Antonio García Teijeiro, comezará con música a partir das 22:30h, continuará logo, contra as 12 da noite, cunha lectura de poemas arredor dun pequeno lume e rematará cunha sesión de contacontos a cargo do actor Santi Prego, que nos deleitará coas súas historias á luz da pequena fogueira. Esta fogueira literaria na Casa da Lectura (Nogueira, 8 – Donas) conta coa colaboración da Concellería de Cultura do Concello de Gondomar e pretende ser participativa e aberta ás persoas que desexen levar comida para compartir e poemas para ler.