presentación na Coruña do libro Sextinario: trinta e seis + tres, de Marica Campo

A Asociación Cultural Alexandre Bóveda organiza para o mércores 27 de febreiro a presentación na Coruña do libro Sextinario: trinta e seis + tres, de Marica Campo. Terá lugar a ás 20:30 horas no salón de actos da asociación (Olmos 16-18, 1º).

César Antonio Molina na Aula de Poesía de Culleredo

Inaugurado no Pazo de Vila Melania en Vilaboa (Culleredo, A Coruña) a única biblioteca temática sobre poesía que existe na Galiza, o próximo 25 de febreiro ás 17:30 o poeta César Antonio Molina fará a lectura de poemas dos seus poemarios Eume e Soños nos cantís. O acto será presentado por Miguel Anxo Fernán Vello.

Presentación de Esteiro de noites falecidas, de Isidro Novo

A Asociación Cultural Cí­rculos Lí­ticos, por medio da súa sección “Lendo libros/Lendo libres”, convida á presentación do libro de poemas de Isidro Novo Esteiro de noites falecidas, que se celebrará o martes 12 de febreiro ás 20 horas no salón de actos da Deputación Provincial. Como vén sendo habitual nas presentacións deste grupo poético, a palabra estará acompañada de son e de imaxe. Nesta ocasión a música virá servida da man de Zbigniew Preisner e Pascal Gaigne, mentres que a imaxe en forma de cómic ad hoc será contribución de Bruno Elerre.

Yolanda Castaño en Nicaragua

O Festival Internacional de Poesía de Granada (Nicaragua), que atinxe este ano a súa cuarta edición, representa unha das maiores celebracións da Poesía en América. Por volta dunha centena de poetas de 45 países serán os convidados deste IV Festival. Este ano estarán presentes a galega Yolanda Castaño e o catalán Jordi Virallonga, para alén dos poetas en español Luis García Montero, Luis Antonio de Villena e o responsable da Editorial Visor Jesús García. O evento terá lugar do 11 ao 17 de febreiro.

Estíbaliz Espinosa, novo talento europeo

«Baixo o título L’Europa dei Giovanni, a Europa dos mozos, a Universitá degli Studi di Padova fai unha análise da situación na que se atopa a nova literatura que se está a producir en toda Europa. Entre os catorce artigos cos que conta o volume, atopamos un dedicado á nosa literatura, relatado por Francisco González Lousada e coa escritora Estíbaliz Espinosa de protagonista.» (Vieiros)

Rectificación (07/04/08): A Universidade de Padova foi realmente a que albergou este evento, en non a de Roma, como afirmamos na altura da publicación da noticia. A corrección faise grazas á xentileza de Marco Prandoni, quen amabelmente se dirixiu a nós.

Preséntase en Gondomar Gondomar de Pablo, de Miguel Anxo Mouriño

O Instituto de Estudos Miñoranos organiza o recital poético e a presentación do libro Gondomar de Pablo, de Miguel Anxo Mouriño, que terá lugar o sábado 19 de xaneiro no Auditorio Municipal “Lois Tobío” de Gondomar. Será ás 19:00 horas e participarán no evento, xunto co autor, Rahel García, Aldán López, Marta Dacosta, Emilio García, Maricarmen Sestelo e Encarna Sestelo.