Convocada a II edición de Premio de Ensaio Curto “Alexandre Bóveda”

A A. C. Alexandre Bóveda, coa colaboración da Concellaría de Cultura  do Concello da Coruña, convoca a II edición do Premio de Ensaio Curto “Alexandre Bóveda”:

BASES

PRIMEIRA. A A. C. Alexandre Bóveda convoca a II edición do Premio de Ensaio Curto “Alexandre Bóveda”, co obxecto de honrar a figura do insigne galeguista, ben como premiar un traballo que signifique unha contribución ao pensamento e a reflexión sobre a Galiza actual.O tema para desenvolver na presente convocatoria será, como no seu día xa fixera Alexandre Bóveda, a análise económica de Galiza, en calquera das súas facetas.
SEGUNDA. Poderá participar calquera persoa que o desexar.
TERCEIRA. Estabelécese o seguinte premio, que será único: Edición da obra gañadora cunha tiraxe de 1000 exemplares, máis unha obra única e orixinal feita ex profeso para o premio por un/ha nomeado/a artista galego/a e o diploma de honra.
CUARTA. Os traballos deberan ser inéditos e terán unha extensión mínima de 50 folios e máxima de 70. Os orixinais presentaranse mecanografados a espazo e medio por unha soa cara, grampados ou encadernados. Os traballos terán de estar escritos en galego. Os participantes terán a obriga de comunicaren a concesión de calquera outro premio que obtiver a obra presentada a concurso para a súa exclusión na presente convocatoria.
QUINTA. Enviaranse cinco copias dos orixinais sen asinar e cun lema que figurará tamén nun sobre á parte. Nese sobre tamén se incluirán nome e apelidos, enderezo e telefone da persoa concursante, ben como a fotocopia do carné de identidade.
SEXTA. Os traballos remitiranse ao seguinte enderezo: Asociación Cultural Alexandre Bóveda (R/ Olmos 16-18, 1º. C. P. 15003, A Coruña. Tamén se poderán entregar persoalmente na devandita dirección, en horario de 16.30 a 20.30h., de luns a venres. No sobre debe ir indicado 2º Premio de Ensaio Curto “Alexandre Bóveda”.
SÉTIMA. O prazo de presentación de orixinais será do día 1 de setembro ate ao día 29 de outubro.
OITAVA. O xuri estará composto por persoas representativas do mundo da cultura galega. O seu fallo será inapelábel.
NOVENA. A entrega do premio terá lugar na cidade da Coruña o día 18 de decembro, co gallo da cea de socios e socias da A. C. Alexandre Bóveda. A persoa galardoada será avisada cunha semana de antelación. A ausencia inxustificada da persoa premiada no acto entenderase como expresión de que declina o seu dereito ao galardón concedido, renunciando por tanto a calquera reclamación ulterior deste. O premio pode ficar deserto.
DÉCIMA. A persoa gañadora autoriza a Asociación Cultural Alexandre Bóveda a poder publicar, en edición escrita, o traballo que resultar galardoado. A Coruña, febreiro de 2010.

O comité organizador está composto por:
Presidenta: Dna. María Xosé Bravo San José, Concelleira de Cultura do Concello da Coruña.
Director do Certame: D. Roberto Catoira Viñán, Presidente da A. C. Alexandre Bóveda.
Vogal: Dna. Ana Mourelle Quintáns, Vicepresidenta da A. C. Alexandre Bóveda.
Vogal: D. Miguel Mato Fondo, Vogal da A. C. Alexandre Bóveda.

O xuri está formado por:
Presidente: Anxo Calvo (profesor titular e Doutor do Departamento de Economía Financieira e Contabilidade da USC).
Vogais: María do Carme Sánchez Carreira (profesora do departamento de Economía Aplicada da USC), Francisco X. Sanjiao (profesor titular de Economía Aplicada da USC) e Miguel Pardo (xornalista económico).
Como secretario da Asociación, con voz e sen voto: D. Xosé Manuel Sánchez.

Toda a información pódese descargar nas Bases do II Premio de Ensaio Curto.

Premios AELG: este sábado na Cea das Letras

OS GAÑADORES DOS PREMIOS AELG 2010 DARANSE A COÑECER NA CEA DAS LETRAS

Durante o evento faráselle entrega a Juan Gelman dunha pluma en calidade de “Escritor Galego Universal”. Tamén se celebrará un acto de recoñecemento aos Consellos Directivos da AELG ao longo destes xa 30 anos de existencia.

Achégase a data de celebración dun dos actos máis importantes na vida da Asociación de Escritores en Lingua Galega: os Premios AELG, uns galardóns que, concedidos por escritores/as para escritores/as, levan camiño de se afianzar como uns dos de máis prestixio no noso panorama literario.

No transcurso da Cea das Letras, que se celebrará o sábado 17 de abril no Hotel Palacio del Carmen de Santiago de Compostela (Rúa Oblatas s/n), recoñecerase a mellor obra publicada no 2009 en cadanseu xénero: Ensaio, Literatura Infantil e Xuvenil (en colaboración con Gálix), Poesía, Narrativa, Tradución (en colaboración coa Asociación Galega de Tradutores), Teatro e Traxectoria Xornalística (que premiará o/a autor/a coa mellor traxectoria xornalística do 2009, e para cuxa elección se contará cos votos dos/as membros do Colexio de Xornalistas), e o blog literario. Igualmente, entregarase o Premio AELG para Institucións, que nesta edición levará o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra.

Aproveitarase a ocasión para facer un acto de recoñecemento aos Consellos Directivos da AELG ao longo destes xa 30 anos de existencia, personificados nas respectivas presidencias, secretarías xerais e vicepresidencias.

[Ver Finalistas Premios AELG 2010]

Gabinete de Comunicación da AELG
Tfno: 660 530 525
Correo-e: prensaarrobaaelg.org

Dúas semanas para presentar obras aos premios da Deputación da Coruña

Lembrámosvos que o vindeiro 15 de abril remata o prazo para presentar textos orixinais a varios dos premios literarios da Deputación da Coruña: o Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil, o Manuel Murguía de ensaio e o Miguel González Garcés de poesía. O prazo para o premio Torrente Ballester de narrativa está aberto até o 1 de xullo.

VIII Premio de Ensaio Manuel Murguía

Asumindo a significación que, no seu tempo, tivo Manuel Murguía como un intelectual preocupado por difundir e dignificar a cultura de Galicia, convócase o VIII Premio de Ensaio “Manuel Murguía” adicado ás ciencias históricas e dotado con 6.500 €. O prazo de recepción de orixinais remta o 15 de abril de 2010. Bases (PDF, 45 KB)

XV Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais

Co fin de honrar a memoria de Vicente Risco e asemade axudar á consolidación da nosa cultura e á normalización lingüística do galego, os concellos de Allariz e Castro Caldelas e mais as Fundacións Vicente Risco e Sotelo Blanco convocan o XV Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais, dotado con 6.000 euros. O prazo de presentación de orixinais remata o 31 de decembro. Bases (PDF, 99 KB)