Becerreá: Noite poetica A Pipa 2010 con Branca Novoneyra

O domingo 26 de decembro, a partir das 19:00 h., na Casa da Cultura de Becerreá terá lugar a XIX Noite Poética A Pipa 10 con Branca Novoneyra, con este programa de actos:
– Cerimonia de Entrega de Premios do XIX Certame Literario A Pipa 10 da Alta Montaña Luguesa, presentado por Amparo Becerra, Alicia Chao Penela, Xavier Fernández e Rafa Ramos. Interveñen: Branca Novoneyra e os/as representantes das institucións colaboradoras.
– Presentación e conversa coa bailarina e escritora homenaxeada Branca Novoneyra, a cargo de Marta de Sinllán e Afonso Becerra de Becerreá.
– Proxección de pezas de danza de Branca Novoneyra.
– Recital da poesía de Branca Novoneyra.
– Cóctel e brinde.

Porto do Son: entrega dos Premios Barbantia e presentación do Anuario de Estudos do Barbanza 2010

O venres 3 de decembro, a partir das 20:30 h., na Casa da Cultura de Porto do Son, a Asociación Cultural Barbantia, a Deputación da Coruña e o Concello de Porto do Son organizan a presentación do Anuario de Estudos do Barbanza 2010 e a entrega dos Premios Barbantia da Cultura, actos que terán lugar na Casa da Cultura de Porto. No acto participan Manuel Cartea, Xesús Laíño, Ramón Quintáns, Xoán Pastor Santamaría e Caridad González. A entrada é libre e gratuíta para socios e non socios. Os premiados desta edición son:
– PREMIO BARBANTIA 2010 Á TRAXECTORIA CULTURAL NO BARBANZA: Pepe Romero (músico e gaiteiro).
– PREMIO BARBANTIA 2010 Á INICIATIVA CULTURAL NO BARBANZA: Coordinadora dos Equipos de Normalización Lingüística.
– PREMIO BARBANTIA DA CULTURA GALEGA 2010: Andrés Torres Queiruga (teólogo).

Convocado o IX Certame Xornalístico Dora Vázquez 2011

O Concello de Arteixo, a través da Concellaría de Muller, convoca o IX Certame Xornalístico Dora Vázquez 2011. Poderán concorrer a el todas as persoas que o desexen cun artigo de opinión inédito, único e orixinal, e escrito en galego. Cada participante será responsable do contido do seu artigo. O tema para o Certame correspondente ao 2011 é Muller e educación. Os artigos deben ter unha extensión de entre 1500 e 4000 caracteres, escritos en papel DIN A4 por unha soa cara. O artigo deberá ir titulado e cun lema da autora/autor. Os traballos presentaranse por cuadriplicado nun sobre grande pechado. Neste sobre non poderá figurar o nome nin ningunha outra referencia á autoría do artigo. Dentro deste sobre incluirase un sobre pequeno, tamén pechado, que levará escrito por fóra o título do artigo e o lema. No interior figurará unha fotocopia do DNI, teléfono de contacto e, de ser o caso, enderezo electrónico. Os artigos poderanse presentar ou enviar antes do 7 de febreiro de 2011 facendo constar: PARA O CERTAME XORNALÍSTICO DORA VÁZQUEZ Concello de Arteixo Pr. Alcalde R. Dopico, 1 15142 Arteixo, A Coruña. Establécese un único premio dotado de 600 euros. O premio pode quedar deserto. O xurado, designado polo Concello de Arteixo, fará pública a súa decisión inapelábel no mes de marzo, cando se fará entrega do premio nun acto convocado a tal fin. A persoa premiada comprométese a asistir a este acto. Máis información na Omix de Arteixo, teléfono 981-602 413 e neste enlace. As bases pódense descargar en formato .pdf aquí: Díptico Dora Vázqiuez.