A
Asociación Pedagóxica Galega (AS-PG) convoca o II Certame de Curtas para Rosalía. Se a primeira edición deste certame tivo como motivo central a figura de Rosalía de Castro no 125 aniversario do seu falecemento, resulta evidente que, pasada esta efeméride, as potencialidades que se agochan na obra de Rosalía deben seguir sendo descubertas xa que o mundo rosaliano é aínda un mundo revelador e con propostas clarificadoras para hoxe. A este certame poderán participar os traballos realizados ou producidos con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2009 e rodados en calquera sistema de gravación (cine, vídeo, outros), cuxa temática sexa a persoa de Rosalía de Castro, as súas obras ou algún elemento que destaque a súa vida, traballo ou calquera outro punto de interese da escritora como tal ou do seu contorno; ou aquelas curtas cuxa temática se centre, interprete ou explore calquera texto, de calquera época, da Literatura Galega. A preinscrición deberá realizarse antes do 15 de decembro e a definitiva, co envío dos traballos, o 24 de febreiro. Haberá un primeiro premio de 2.000 € e outro premio de 1.000 € para menores de 30 anos. As bases pódense descargar aquí.
Arquivo da categoría: Premios e concursos (outros)
Santiago: premio e homenaxe a Bernardo Máiz
Vigo: Certame de Arte Postal SaudArte 2010
A U
niversidade de Vigo, por medio da Unidade de Cultura Científica e o Grupo de Investigación de Medicina Preventiva e Saúde Pública MP1, coa financiación da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT), e en colaboración coa Asociación Galega de Educación para a Saúde, co colectivo Medicina e Arte, con Boek 861 e con Psicotrex, convocan un certame de Arte Postal coa saúde e a arte como fío condutor, SaudArte 2010, no que se busca que os participantes amosen a visión que teñen sobre a saúde dun xeito creativo, co único condicionante de que as obras poidan ser enviadas utilizando os medios postais e electrónicos habituais. Trátase dunha actividade creativa e positiva, que combina arte, ciencia e sociedade, e busca establecer un espazo aberto no que as persoas xoguen un papel fundamental. As bases da convocatoria e un cuestionario sobre hábitos saudables están dispoñibles na web de Saudarte 2010. O prazo finaliza o 31 de outubro de 2010.
Cultura premiará os mellores creadores do país cun diploma e unha escultura
(Xornal)
Un total de 52 textos compiten nos premios Cunqueiro e Barriga Verde
(Xornal)
Santiago: entrega dos premios Rosalía de Castro 2010 do PEN Clube de Galicia
O xoves 17 de setembro, ás 20:00 h., terá lugar no Salón Nobre do Pazo de Fonseca, Reitorado da Universidade de Santiago, o Acto Literario de entrega dos Premios “Rosalía de Castro” 2010, instituídos polo PEN Clube de Galicia desde 1996 aos escritores: Antonio Gamoneda (literatura en lingua castelá), Lêdo Ivo (literatura en lingua portuguesa), Itxaro Borda (literatura en lingua basca) e Francesc Parcesisas (literatura en lingua catalá). Actuará de mantedor, encargado da laudatio dos galardoados, o poeta e editor Miguel Anxo Fernán Vello. Estes premios están destinados a enaltecer, desde a literatura galega, os sistemas literarios da nosa veciñanza (autores relevantes en castelán de España e Hispanoamérica, en portugués de Portugal, Brasil e África, bascos e cataláns). O xurado desta edición estivo formado por: Miro Villar, Anxo Angueira, Manuel Outeiriño, Luciano Rodríguez, Román Raña, Luis González Tosar, Bieito Iglesias, Miguel Anxo Fernán-Vello, Carlos Mella, Gonzalo Navaza e Úrsula Heinze.
A Real Academia Galega recibe o galardón Facer País Ramón Piñeiro
Concurso Musicando Carvalho Calero
A
Associaçom Galega da Língua e Komunikando.net convocan o Concurso Musicando Carvalho Calero, que consiste en poñerlle música a un poema do autor ferrolán, que logo se deberá enviar en formato mp3 a esta dirección de correo electrónico: aperloca@komunikando.net. A dotación é unha semana nun estudio profesional para gravar todos os temas que se queiran, máis 3 días para masterizar o disco resultante. Toda a información sobre o concurso e os temas que van chegando pode ser consultada aquí.
Convocado o 9º Premio Ramón Piñeiro Facer País
O premio Ramón Piñeiro Facer País, organizado pola Asociación Cultural Val de Láncara, recoñecerá por noveno ano consecutivo o labor de persoas ou entidades que destacasen pola promoción, defensa e vertebración de Galicia en calquera manifestación cultural, económica ou de creación ao longo de “toda unha vida” ou con “meritoria” constancia no tempo. Este premio, que carece de dotación económica, consiste na entrega ao gañador dunha obra de arte dalgún creador galego nun acto solemne que se celebrará no municipio de Láncara, podendo propor candidaturas todas as asociacións culturais de Galicia e aquelas creadas na emigración ata o próximo día 15 de agosto. Unha vez recibidas as candidaturas, a asociación convocante realizará unha listaxe con todas as propostas recibidas e convocará un xurado composto por membros de asociacións da comarca de Sarria, Val do Neira e Corgo mais un representante do CEIP Ramón Piñeiro do concello de Láncara. Eles decidirán o gañador deste premio, que se entregará ao redor do 27 de agosto coincidindo co aniversario do pasamento do intelectual Ramón Piñeiro. As propostas deberán enviarse á Asociación Cultural Val de Láncara (Láncara número 59. C.P. 27367 Láncara-Lugo) ou por correo electrónico a: arroxo@edu.xunta.es (á atención de Carlos López Sierra). As edicións anteriores deste certame recoñeceron o labor e a traxectoria do intelectual Isaac Díaz Pardo, o actor Luís Tosar, o grupo Milladoiro, o político Xosé Manuel Beiras, o escritor Xosé Neira Vilas, A Nosa Terra, o intelectual Avelino Pousa Antelo e a escritora Luz Pozo Garza. Con este premio, que recoñece de maneira real e desde abaixo o traballo daquelas personalidades destacadas nos traballos de defensa e promoción de Galicia e a súa cultura, o municipio de Láncara convértese no escenario da cultura galega durante os actos de entrega. A nova aparece recollida en A Nosa Terra, Xornal e El Progreso.
Xosé Luís Méndez Ferrín gaña o Premio Fernández Latorre
“O Padroado da Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre, constituído en Xurado para fallar o LII Premio Fernández Latorre, instituído en memoria do fundador de La Voz de Galicia, acordou conceder por unanimidade o premio Fernández Latorre na súa edición do 2010, dotado con 10.000 euros, a Xosé Luís Méndez Ferrín, escritor e presidente da Real Academia Galega. O xurado desta 52ª edición (composto por Santiago Rey Fernández-Latorre, presidente da fundación; Roberto Blanco Valdés, Sergio Cancelo Mallo, Luciano Vidán Martínez, vogais; José Francisco Sánchez Sánchez, vogal e director da fundación; José María Arias Mosquera, José Arnau Sierra, Manuel Fernández de Sousa Faro, Manuel Jove Capellán, José Carlos Martínez Pérez e José Luis Méndez López, patróns de honra da fundación; Xosé Luís Vilela Conde, director de La Voz de Galicia, e Manuel Areán Lalín, vicepresidente da fundación, que actuou tamén como secretario) tivo en conta a súa longa e fecunda traxectoria literaria, que o ten convertido na figura fundamental das letras galegas do último medio século, non só pola súa faceta narrativa e poética, senón tamén pola súa vasta produción periodística e polos seus traballos de investigación e de crítica. Salientou ademais o seu compromiso constante e irrenunciable coa lingua e a cultura galegas, polas que Méndez Ferrín ten traballado con afouteza durante toda a súa vida e que ten inspirado a súa obra literaria, o seu labor docente e investigador e a súa actividade pública. A entrega do galardón terá lugar no último trimestre do ano nunha velada que se desenvolverá no Museo Santiago Rey Fernández-Latorre.” Máis información aquí.