A Coruña: III Congreso As outras protagonistas da Transición, o 30 de setembro e 1 de outubro

Bernardo Máiz: “A dirección actual da RAG entendeu que Carvalho Calero é un xigante intelectual e que non podía ser mantido no ostracismo”

Entrevista de Marcos Pérez Pena a Bernardo Máiz en Praza:
“(…) – Praza (P): Falas dun “período espiñento”, eses anos nos que [Ricardo Carvalho Calero] volve a Ferrol, sufrindo a represión polas súas ideas e non podendo dar clase. Como foi ese tempo e esa represión?
– Bernardo Máiz (BM): El era un home da esquerda do Partido Galeguista e loita para que o PG se integre na Fronte Popular. A sublevación franquista sorpréndeo en Madrid, facendo o exame de oposición á Cátedra e alí incorpórase como miliciano ao batallón de UGT, despois intégrase nunha unidade de profesionais do ensino e finalmente nas milicias populares mandadas por Enrique Líster. Ao remate da guerra cólleno prisioneiro en Andalucía, pero a pesar do que se escribiu sobre o tema, nunca pediron para el pena de morte, caéndolle ao final 12 anos de cadea.
En 1941 outórganlle unha liberdade condicional que se converteu en permanente. Como non tiña certificado de boa conduta, non podía solicitar praza en ningún centro de ensino, e como non lle permitían colexiarse tampouco podía dar clases de forma privada. Foron anos duros para el, mesmo recibía ameazas pola rúa en Ferrol. Hai un poema, no que di ”como puidemos viver e mais vivemos”, no que retrata a represión franquista do momento. Grazas a que a súa muller daba clases, entre os dous foron capeando o temporal. As cousas melloran para el grazas á súa incorporación ao colexio Fingoi, en Lugo, no que aínda que actuaba como director, aparecía como conselleiro delegado, porque non podía exercer.
– P: A partir dese momento as cousas melloran moito para el, non si?
– BM: Os anos en Lugo son moi bos e a súa vida cambia definitivamente cando marcha de Lugo para Santiago, grazas a que lle cancelaron os seus antecedentes políticos. El nunca quixo pedir a cancelación, a pesar da insistencia de persoas como Filgueira Valverde, que lle dicían que só con que o pedise o réxime llos cancelaría. Porén, el negábase, porque dicía que el non fixera nada mal. Cando por fin llos cancelan, pode por fin presentarse a unha praza de profesor de instituto, á vez que o decano da Facultade de Filosofía e Letras lle ofrece a posibilidade de ser catedrático de Lingua e Literatura galega, unha praza que ían crear.
– P: Neses anos aínda asinaba como ‘Carballo’ e aínda non defendía un achegamento da norma do galego á norma portuguesa. Cando se produce ese cambio?
– BM: Si, Don Ricardo era o único titulado para elaborar unhas normas para o galego. E elabóraas no ano 1971 para a Real Academia Galega, unhas Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego que son reeditadas en 1977. Porén, contra 1973 prodúcese un conflito con Manuel Rodrigues Lapa, que publicara un artigo en Portugal defendendo que o galego debía achegarse na súa norma culta ao portugués. Houbo unha resposta moi dura de Ramón Piñeiro en Grial. Piñeiro quería que Carvalho a asinase, pero Carvalho negouse. Este episodio levouno a interesarse máis polo asunto e iniciou un achegamento a esas posicións.
Xa en 1975 Carvalho publica un artigo en La Voz de Galicia defendendo que non hai que innovar sen tradición, que hai que ir ás raíces históricas e que o portugués é fillo do galego. A partir de aí Carvalho comeza a publicar en editoriais que non son Galaxia. En resposta comezan a utilizar o Instituto da Lingua Galega contra el, e pouco a pouco vese sometido a unha marxinación por parte de determinados sectores.
A partir de 1981 comeza a asinar como ‘Carvalho’ e pouco a pouco vaise distanciando máis dos organismos oficiais. De feito, cando lle propoñen entrar no CCG non quere. Nunca quixo cargos, pero na súa contra dixéronse moitas miserias, como que estaba anoxado por non ter sido escollido para presidir a RAG.
– P: Na túa opinión, cal é a razón de que ata agora a Real Academia Galega non accedera a dedicarlle o Día das Letras Galegas?
– BM: Foi rexeitado durante anos por defender que Galicia forma parte do sistema lingüístico galego-portugués e tamén por afirmar cousas como que “a autonomía mantén todo o aparato do estado unitario, mentres que a autodeterminación prantexa o problema dende o propio país galego, unha forma de organización de Galiza que pode chegar desde a separazón total do País con relazón aos circundantes ate a Federazón ou Confederazón”, como dixo en 1989.
Foi expulsado do trato respectuoso que merecía. Con retranca el mesmo afirmou en 1986 que “certas elites entenden que nen como estudoso nen como pensador sobre os problemas culturais da nosa terra atinxo a altura que eles sinalan”. (…)”

Ferrol: presentación de O Carballo que fun en Ferrol. Aproximación a Ricardo Carvalho Calero

“As Letras non poden transcorrer nunha liorta empobrecedora entre carballistas e carvalhistas”

Entrevista en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Xa está na rúa o libro Hei de entrar no meu povo. Como se xestou o traballo?
– Resposta (R): Dous dos coordinadores do volume, con moitas outras persoas, colaboramos hai corenta anos con Medulio (organizador en decembro de 1981 da primeira homenaxe da sociedade galega a Carvalho), e logo con Artábria, co Concello de Ferrol (nomeadamente no 1990 e no 2010) e outras entidades na reivindicación da súa figura, un dos grandes vultos, sen dúbida, da vida intelectual e cultural da Galiza do século XX, malia que algúns e algunhas pretendesen, e aínda pretendan, negalo. Nós os catro e media ducia máis que asinamos este libro envorcamos moito máis esforzo de 2013 en diante, con ciclos de divulgación da obra e figura de Ricardo Carvalho, mais certos protagonismos e o nulo éxito na RAG da demanda de Letras galegas para el (sempre apareceu algunha pexa absurda que lle opór) foron deixando xente polo camiño, de xeito que no 2017 ficamos só nós os catro, que de febreiro a maio do 2018 argallamos actividades para lembrar Carvalho. A tal obxecto decidimos editar un libro que recollese as actividades do 2018, especialmente o acto final (coordinado por Xosé Manuel Pazo e Vítor Santalha) e tres das ponencias desenvolvidas: o historiador Bernardo Máiz dá conta en “Carvalho Calero e a política (1926-1990)” de como, despois de 1936-1939 e do silencio obrigado para quen estaba en liberdade vixiada, Carvalho seguiu manifestándose politicamente até no último dos seus escritos e actitudes. En “Ricardo Carvalho Calero, o estudioso da literatura”, Henrique Dacosta afirma que “representou todo para as nossas letras: Nom houvo faceta que nom tivesse chegado a cultivar”; e o profesor Xosé María Dobarro Paz en “Lingüísta por mor dunha causa”, expón como Carvalho “desde mediados da década de 70 pasou a defender publicamente unha aproximación e reintegración da lingua galega na portuguesa”.
– SG: Hai varios colectivos, nomeadamente en Ferrol, a súa cidade natal, que levan moitos anos reivindicando un recoñecemento para Carvalho Calero. Como se sobrelevou o feito de que moitas das campañas organizadas para obter ese recoñecemento institucional -e tamén social- non acadasen os resultados propostos?
– R: Con Artábria tamén andaron en Ferrolterra nesta reivindicación Medulio, o Ateneo Ferrolán, o Toxos e Froles, a Sociedade Artística Ferrolana, a Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística e un longo etcétera; o Concello ferrolán tamén armou un congreso sobre Carvalho no 2010, e aí estivemos sempre nós. Porén, como sinalabamos antes, foi medrando o cansazo, a decepción e o desleixo. Con todo, seguiron pola súa conta algunhas entidades. Nós, con posturas lingüísticas e políticas próximas mais diferentes, mantivemos a unidade de acción. (…)
– SG: Que destacarían de Carvalho Calero? Que importancia ten para a lingua e a literatura galegas?
– R: A súa figura vai alén do debate normativo. Como escribimos no libro, don Ricardo foi un galeguista que, ao longo de case sete décadas, desenvolveu un inmenso labor poético, narrativo, ensaístico, xornalístico, investigador, académico, docente, político… Unha persoa de honestísima traxectoria vital e profesional, desenvolvida en circunstancias adversas, marcada sempre por un profundo e permanente amor á súa terra, ao seu idioma e á súa cultura. Asemade, da súa man moitas galegas, galegos e foráneos puideron por vez primeira achegarse ao coñecemento científico do idioma propio da Galiza e da súa literatura. (…)”

Feira do Libro da Coruña 2019: actividades literarias destacadas do 8 de agosto

O 8 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:

18:00 h. Presentación de Bergan, de José Lorenzo Tomé, publicado por Baía Edicións. Participan Xosé Manuel Fernández Costas e Belén López.
18:00 h. Presentación de Pelo de nube, de Dani Vieitez e Iria Iglesias, publicado por Embora.
19:00 h. Presentación de Sementes viaxeiras, de Yolanda Castaño e Xosé Tomás, publicado por Embora.
19:00 h. Conversa arredor de Todo isto antes era noite, de Lucía Aldao, publicado por Apiario. Con Dores Tembrás.
19:30 h. Anxo Tarrío e Ana Cristina Vasconcelos asinan O mundo en que vivín, publicado por Hércules de Edicións.
19:30 h. Eduardo Pérez Baamonde asina Cadernos de viaxe, na caseta de Lume.
19:45 h. Presentación de Hei de entrar no meu povo. Reivindicarmos Carvalho Calero, con Bernardo Máiz e Xosé María Dobarro, publicado por Embora.
19:45 h. 10 Tips para Booktubers (maiores de 14 anos). Por Illa Bufarda e booktuber Nubes baixo ti. Obradoiro de creación para booktubers.
20:30 h. Presentación O último barco, de Domingo Villar, publicado por Galaxia.