Pontevedra: presentación de As voces baixas, de Manuel Rivas

O xoves 20 de decembro, ás 20:00 horas, no Salón de Actos Sexto do Edificio do Museo (Rúa Padre Amoedo Carballo, 3) de Pontevedra, preséntase As voces baixas, de Manuel Rivas, publicado en Xerais. No acto, coorganizado pola editora e o Ateneo de Pontevedra, participa, xunto ao autor, Manuel Bragado.

A Coruña: presentación de Cartafol de soños, homenaxe a Celso Emilio Ferreiro

O mércores 19 de decembro, ás 20:00 horas, no local de Portas Ártabras (Rúa Sinagoga, 22) da Coruña, a Asociación Cultural Alexandre Bóveda presenta o libro Cartafol de soños, homenaxe a Celso Emilio Ferreiro no seu centenario (1912-2012). No acto participan tres dos seus autores, Lois Diéguez, Ánxeles Penas e Alberte Suras, e contará tamén coa participación musical de Miro Casabella.

Vigo: presentación de Podería falar de nubes, de Francisco Castiñeira

O xoves 20 de decembro, ás 20:30 horas, na Libraría Cartabón (Rúa Urzaiz, 125) de Vigo, preséntase o novo libro de relatos de Francisco Castiñeira, Podería falar de nubes, publicado por Redelibros. No acto, xunto ao autor, participan Fran Zabaleta e María Lado.

Santiago: presentación de Donas do segredo, de Xan G. Muras

“O xoves 20 de decembro, ás 21:00 horas, na Libraría Pedreira (Rúa do Home Santo, 55) de Santiago de Compostela, preséntase o libro Donas do segredo, de Xan G. Muras, publicado en Tribaldes. No acto, xunto ao autor, participan Pilar García Negro e Ana Castaño. As/os asistentes ao acto recibirán como agasallo unha lámina para enmarcar. As persoas que compren o libro recibirán como agasallo unha colección de 6 pousavasos.” Desde Fervenzas Literarias.

Pontevedra: recital e presentación de Versus

O martes 18 de decembro, ás 20:00 horas, no Pazo Mugartegui de Pontevedra, preséntase a escolma poética Versus, con presentación do poeta bergantiñán Óscar de Souto e recitación en directo de parte dos outros autores do libro (Antón Borrazás e Miguel Queipo), actuación poético-musical a cargo do grupo Versus e sinatura de libros ao finalizar o acto.

Vigo: presentación de As voces baixas, de Manuel Rivas

O martes 18 de decembro, ás 20:00 horas, na Libraría Librouro (Rúa Eduardo Iglesias, 12) de Vigo, preséntase As voces baixas, de Manuel Rivas, publicado en Xerais. No acto, xunto ao autor, participan Antón Patiño e Manuel Bragado. Crónica posterior en Brétemas.

Silleda: presentación de Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, de Carlos Callón

O martes 18 de decembro, ás 21:00 horas, na Biblioteca Municipal Daniel Castelao de Silleda, preséntase o libro Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, de Carlos Callón, publicado en Xerais.

Santiago: presentación de A noite branca, de Francisco X. Fernández Naval

O martes 18 de decembro, ás 20:00 horas, na Capela do IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela, preséntase a novela A noite branca, de Francisco X. Fernández Naval, publicada en Xerais. No acto participan, xunto ao autor, María Jesús Cabado Pampín, Xosé M. Núñez Seixas (LMU, Múnich), que intervirá a través de skype e Fran Alonso. Haberá acompañamento musical de Carlos Arias.

A Coruña: presentación de Paxaro de mar e vento, de Tucho Calvo

O martes 18 de decembro, ás 20:00 horas, na Biblioteca Pública Miguel González Garcés (Rúa González Garcés) da Coruña, terá lugar a presentación do libro de Tucho Calvo e Xosé Cobas Paxaro de mar e vento, publicado por Biblos Clube. Logo da presentación, inaugurarase a exposición dos orixinais realizados por Xosé Cobas para ilustralo. O acto contará coa presenza e intervención de autor e ilustrador, xunto a Laura Garcés. A exposición permanecerá aberta ata o 26 de xaneiro de 2013 no horario de apertura ao público: de luns a venres, de 8:30 a 20:30 h. e sábados de 10:00 a 14:00 h.