Lugo: presentación de Palabra viva. Galicia e Hispanoamérica

O martes 18 de decembro, ás 12:15 horas, na Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo (Praza Pío XII, 3), preséntase o libro colectivo Palabra viva. Galicia e Hispanoamérica, coordinado por Ana Chouciño e María Xesús Nogueira, e editado pola Biblioteca da Cátedra de Cultura Cubana Alejo Carpentier, da Universidade de Santiago de Compostela, con financiamento da Presidencia da Excelentísima Deputación de Lugo. No acto intervirán Pedro García Herradón, Lara Méndez López, María Isabel González Rey e Juan Luis Blanco Valdés, xunto ás compiladoras do volume.

Vilar de Santos: presentación do número 11 da revista Lethes e entrega dos premios do Concurso Escolar Carlos Casares

O sábado 15 de decembro, ás 17:30 horas, na Casa do Concello de Vilar de Santos, terá lugar a presentación do número 11 da revista Lethes e a entrega dos premios do Concurso Escolar de Creación Literaria e Plástica dedicado a Carlos Casares no décimo aniversario do seu falecemento. Como mestres de cerimonia actuarán Manolo Seoane, Delfín Caseiro e Henrique Monteagudo. O acto está organizado conxuntamente polo Centro de Cultura Popular do Limia, o Museo da Limia e a Fundación Carlos Casares. Agradecemos a Rafael Laso o envío da información.

Lousame: presentación do Anuario de Estudos do Barbanza e entrega dos Premios Barbantia da Cultura 2012

O sábado 15 de decembro, ás 12:30 horas, na Casa da Cultura de Lousame, a Asociación Cultural Barbantia, La Voz de Galicia, a Deputación da Coruña e o Concello de Lousame convidan á saída dun novo número do suplemento cultural A Voz de Barbantia, así como á presentación do Anuario de Estudos do Barbanza 2012, nun acto no que estarán presentes Manuel Cartea, Xesús Laíño e Teresa Villaverde Pais. Ao remate da presentación do volume, entregaranse os Premios Barbantia da Cultura 2012.

Santiago: presentación da Axenda Feminista 2013: Escritoras Galegas

O venres 14 de decembro, ás 20:30 horas, na Libraría Lila de Lilith (Rúa Travesa, 7), en Santiago de Compostela, preséntase a Axenda Feminista 2013: Escritoras Galegas. “Libre é a miña alma, e libre é o meu pensamento…”, publicada polo Observatorio da Mariña pola Igualdade, e que conta con aportacións de Teresa Moure, María Xosé Queizán, Begoña Caamaño, Aurora Marco, Marilar Aleixandre, María Reimóndez, María do Cebreiro, Carmen Blanco, Marta Dacosta, Marica Campo, Begoña Paz e Eva Moreda. No acto participan Aurora Marco, Carmen Blanco e Begoña Caamaño.
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega colaborou na elaboración desta Axenda.

Vilalba: presentación de O rastro que deixamos, de Agustín Fernández Paz

O venres 14 de decembro, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura (Praza Suso Gaioso, 1) de Vilalba, preséntase o libro O rastro que deixamos, de Agustín Fernández Paz, publicado por Xerais. O acto, organizado polo Instituto de Estudos Chairegos e Xerais, conta coa participación de Manuel Castro Santamariña, Isabel Soto, Manuel Bragado e o autor.

Ourense: presentación de A noite branca, de Francisco X. Fernández Naval

O venres 14 de decembro, ás 20:00 horas, no Salón Noble do Liceo de Ourense (Rúa Valentín Lamas Carvajal, 5), preséntase a novela A noite branca, de Francisco X. Fernández Naval, publicada en Xerais. No acto participarán Luís Manuel García Mañá, Xosé M. Núñez Seixas (LMU, Múnich), que intervirá a través de skype, Fran Alonso e o autor. Haberá acompañamento musical de José Luis Fernández Carnicero.