Xove: presentación do poemario de Óliver Escobar

O poemario de Óliver Escobar Galician rhapsody, blues escocés presentarase o vindeiro domingo 3 de xaneiro de 2010 ás 5 da tarde no Salón de Actos do Concello de Xove. Óliver Escobar escolleu a súa vila natal para facer a presentación oficial da súa terceira obra literaria. O acto contará coa presenza dos escritores Victorino Pérez Prieto, Marica Campo, ademais do pintor Xoán Guerreiro e o profesor Bernardo Penabade. O libro é unha obra bilingüe, en galego e inglés, publicada pola editorial Morgante e a Universidade de Stirling (Escocia).

Santiago: presentación dun libro de Xavier Queipo

Presentación Illa dos cangrexos violinistas

O escritor galego Xavier Queipo (Santiago de Compostela, 1957) presentará o vindeiro martes, día 29 de decembro, na Libraría Couceiro de Santiago de Compostela o libro A illa dos cangrexos violinistas, álbum ilustrado por Jesús Cisneros e publicado por OQO editora. O acto comezará ás 20 horas.

A Coruña: presentación do libro No país das vacas de Xurxo Lobato

O libro do fotógrafo Xurxo Lobato No país das vacas, editado por Xerais, será presentado na Fundación Caixa Galicia da Coruña (no Cantón Grande) o día 21 de decembro, luns, ás 20,00 horas. Intervirán no acto Lourenzo Fernández Prieto, Antón Reixa, Xosé Turnes, Manuel Bragado e Xurxo Lobato.

Vigo: presentación de Valados, o novo libro de Agustín Fernández Paz

Hoxe martes, 15 de decembro, ás 20:00 horas nas instalacións da Casa do Libro de Vigo presentarase Valados, o novo libro de Agustín Fernández Paz, ilustrado por Xan López Domínguez. No acto acompañarán ao autor Alberto Estévez, voceiro de Amnistía Internacional en Vigo e o editor Manuel Bragado.

Culleredo: presentación do libro O pouso do fume

A Concellería de Cultura do Concello de Culleredo organiza o próximo mércores 16 de decembro de 2009, ás 20.00 h, na Biblioteca de Poesía “Uxío Novoneyra” (Pazo de Vila Melania, Vilaboa, Culleredo), o acto de presentación do libro O pouso do fume, de Dores Tembrás. No transcurso do acto tomarán a palabra Celestino Poza Domínguez, concelleiro de Cultura; Miguel Anxo Fernán Vello, poeta e editor; Eva Veiga, poeta, e Dores Tembrás, autora.

A Coruña: tertulia arredor de Sete palabras

O vindeiro luns, 14 de decembro, ás 19,00 horas no Salón de Actos do centro UNED, Rúa Pepín Rivero, 3 Cidade Escolar da Coruña, terá lugar unha tertulia literaria arredor de Sete palabras, a máis recente novela de Suso de Toro. No acto, organizado polo centro da UNED da Coruña e Xerais, acompañarán ao autor Xosé Luís Axeitos, bibliotecario da Real Academia Galega, Antonio Raúl de Toro Santos, catedrático de literatura inglesa da UDC, Antonia Doce e Manuel Bragado.

Recordatorio: hoxe, recital poético en homenaxe a González Garcés e presentación do libro Escapado

Recordámosvos a celebración hoxe de dous actos xa anunciados a semana pasada: o recital poético en homenaxe a Miguel González Garcés na biblioteca que leva o seu nome na Coruña, coa participación de Xavier Seoane, Xulio López Valcárcel e Miguel Anxo Fernán-Vello; e a presentación do libro Escapado de Luís Lamela, ás 20 horas na biblioteca Uxío Novoeneyra de Vilaboa, Culleredo.