Pontevedra: tertulia sobre o novo libro de Suso de Toro

O vindeiro xoves 26 de novembro terá lugar en Pontevedra unha tertulia arredor da novela de Suso de Toro Sete palabras, que contará coa intervención, ademais do autor, do editor Manuel Bragado. Será a partir das 20,00 horas, na sede da Fundación Caixa Galicia, no Edificio Café Moderno de Pontevedra.

Santiago: Xosé R. Barreiro presenta o seu novo libro

O ensaio Historia social da Guerra da Independencia en Galicia de Xosé R. Barreiro Fernández será presentado o vindeiro mércores, 25 de novembro, ás 20,00 horas, na Galería Sargadelos (rúa Nova, 16) de Santiago de Compostela. O acto contará coa participación de D. Xosé Manuel Beiras Torrado, catedrático de Estrutura Económica da Universidade de Santiago de Compostela, D. Xusto Beramendi González, catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela, D. Manuel Bragado, director de Xerais e do Excmo. Sr. D. Xosé R. Barreiro Fernández.

A Coruña: presentación do Teatro incompleto de Henrique Rabuñal

Hoxe xoves 19 ás 8 da noite terá lugar no estudio Casahamlet na Coruña (Rúa Alfonso VII) a presentación do libro Teatro incompleto (Laiovento) de Henrique Rabuñal co que o autor celebra os seus 25 anos na literatura galega. O volume, ilustrado por Sindo Cerviño, incorpora oito pezas teatrais. No acto participarán Francisco Pillado e Manuel Lourenzo e actores e actrices do estudio Casahamlet que lerán algúns dos textos.

Santiago: presentación de Ás de bolboreta

O vindeiro xoves 19 de novembro preséntase en Santiago Ás de bolboreta, a novela de Rosa Aneiros gañadora do Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil 2009. O acto contará coa participación de Pedro Lucas, Rosa Aneiros e Manuel Bragado e comezará ás 19,30 horas na Biblioteca Fundación Caixa Galicia (Frei Rosendo Salvado14-16 de Santiago).

A Coruña: presentación do novo libro de Xosé R. Barreiro Fernández

O libro Historia social da guerra da independencia en Galicia de Xosé R. Barreiro Fernández preséntase na Coruña o vindeiro mércores 18 de novembro, nun acto que contará coa participación do Excmo. Sr. D. José María Barja Pérez, Reitor Magnífico da Universidade da Coruña; do Excmo. Sr. D. Gonzalo de la Huerga Fidalgo, Ex-Presidente da Sala do Contencioso Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e Conselleiro do Consello Consultivo de Galicia; D. Manuel Bragado, Director de Xerais e do Excmo. Sr. D. Xosé R. Barreiro Fernández. Será a partir das 20,30 horas, na Librería Arenas (Cantón Pequeno, 25, A Coruña).

Santiago: tertulia sobre o novo libro de Suso de Toro

O vindeiro martes 17 de novembro celébrase en Santiago unha tertulia arredor da novela de Suso de Toro Sete palabras, que contará coa participación de Xosé Luís Axeitos, secretario da Real Academia Galega; Xosé Manuel Villanueva, escritor; Antonio Raúl de Toro, catedrático de literatura inglesa; Antonia Doce, Manuel Bragado e o autor. Será a partir das 20,00 horas na Galería Sargadelos (Rúa Nova, 16 de Santiago).

Bilbao: presentación de Cantigas para catro mortes

O venres 13 de novembro en Prazaberri, Bilbo, na sede da uskaltzaindia terá lugar a presentación do libro Cantigas para catro mortes, Poemas para cuatro muertes, Lau heriotzentzat kantak, Cançons per a quatre morts, Bóveda, Companys, Gernika, Lorca, do exiliado galego Xosé Sesto, editado por CIG-Migración en colaboración coa Federación Galega de Asociacións de Emigrantes Retornados. Na presentación estarán Xurxo Martínez Crespo de CIG-Migración, Felipe Senén López, técnico cultural e testamenteiro de parte da obra de Xosé Sesto, Edorta Jiménez, tradutor da biografía de Xosé Sesto para o éuscaro, Raúl Río directivo da Asocuiación Cultural Rosalía Castro de Barakaldo e Andres Urrutia, presidente da Euskaltzaindia e tradutor para o éuscaro do libro de Xosé Neira Vilas Memorias dun neno labrego/Mutiko baserritar baten oroitzapenak.